O galardoado co premio Ramón Piñeiro de Ensaio naceu en A Coruña en 1956 e é licenciado e Doutor en Filosofía pola Universidade de Sanitago. Unha das súas obras mereceu xa a distinción de "Mellor libro do ano 2005" da Irmadande do Libro da Federación de Libreiros de Galicia e tamén foi distinguido co Premio Carvalho Calero 2012 pola obra "O labirinto da saudade".

-Por que escolleu a figura de Roland Barthes para este ensaio?

-Eu fai anos fixen a miña tese en Doutoramento en Filosofía sobre este autor. Sempre publiquei cousas para especialistas e con isto quixen facer algo diferente. Pregunteime: ¿como lle presentaría a Barthes ás novas xeracións? Quixen mostrar en conxunto a obra de Barthes e a súa filosofía e explicalo da forma máis sinxela que puiden, coma se llelo explicase aos meus alumnos. Ademais en España hai moi pouco publicado sobre este autor.

-E como explicaría entón a importancia e trascendencia deste escritor e filósofo?

-A súa celebridade é porque con Umberto Eco é un dos fundadores da semiótica moderna. A semiótica é o estudio dos signos, de todo este mundo dos medios da comunicación, das imaxes... Barthes estudiou a literatura como un campo e, por outro, o mundo da imaxe. Ten por exemplo, un texto moi denso e moi duro, sobre a imaxe da moda.

-Poderían ser as redes sociais un novo campo de estudio para a semiótica?

-Pois, por exemplo, o hipertexto, que permite enlazar e saltar dunha información a outra, é un concepto baseado nunha idea de Barthes.

-Barthes era filósofo tamén... Pero, ¿está a filosofía agora en ameaza de extinción?

-Interés non está perdendo. Aínda que nos dous últimos anos o número de alumnos da Facultade de Filosofía baixou un pouquiño, de media nos últimos cinco e seis anos está por riba dos 50 alumnos, unha cifra máis que respetable porque tampouco sería óptimo que chegara aos 100 alumnos.

-Está ben tratada a Filosofía no ensino?

-A Lomce maltrata a asignatura de Filosofía porque pasa de ter presenza en Primeiro e en Segundo con duas materias obrigatorias, que ademáis é opcional en Selectividade con Historia. Pero a nova lei mantén a obrigatoriedade en Primeiro pero a de Segundo empeza a ser optativa.Hai unha minoración. E a filosofía axúdache a entender como é o mundo. É moi formativa e necesaria nos sistemas educativos. En países emerxentes como Brasil ou a India danlle moita importancia á Filosofía nos seus sistemas educativos.