"Xogando con gatos", a obra gañadora do Premio Manuel María de literatura dramática infantil, ten unha dobre vertente. Por unha banda o seu autor, Antón Cortizas, docente recén prexubilado, pretende facer visible o esquecemento gradual dos xogos tradicionais polo cambio de hábitos e o auxe dos tecnolóxicos, e por outra recupera para o lector moitos exemplos desoutra forma de xogo social no que priman a creatividade e a liberdade. Antón Cortizas (Ferrol, 1954) ten varios premios, entre eles, tres Barcos de Vapor, o Merlín e dous premios da Mostra de Teatro Xeración Nós.

-Os xogos populares están condenados a desaparecer pola irrupción dos tecnolóxicos?

-O xogo é cultura lúdica e estámola perdendo. En "Xogando con gatos", a protagonista está cansa de xogar coas pantallas na soidade da súa casa e nun momento de lucidez decide saír e buscar outros xogos. Axúdanlle os gatos. O gato protagoniza moitas historias da cultura lúdica.

-Por que se está a perder?

-Hoxe os nenos non xogan na rúa, senón na casa, con videoxogos, unha forma de xogo solitaria. Tamén lles roubamos espazos nas cidades aos nenos. Eu traballei na docencia toda a vida e aínda no ano 96 e 97 os rapaces sabían moitos xogos. Hoxe non coñecen ningún e a escola converteuse na fonte de recuperación do xogo popular. O xogo popular é unha forma de aprendizaxe para o neno. O xogo ten auténticas normas, que aprendemos a respectar, algo que na vida real non sempre acontece.

-Vostede escribe tamén para adultos. Hai moita diferenza entre escribir para nenos?

-Non demasiada. Os nenos son moito máis hábiles para descubrir o que lles contamos do que pensamos. Ademais, escribir de forma escasa fréaos.