Di o refrán: eramos poucos e... Á presumible crise do réxime que a constitución de 1978 estableceu, os resultados das recentes eleccións europeas e mais a abdicación do rei Xoán Carlos non fan senón provocar o que en termos de física e de arquitectura se coñece como cansazo de materiais. Unha nove fronte -a da reivindicación de República- que se engade, á maneira do número aquel dos pratos dos chineses, ao que ten que aturar o bipartido que, a maneira de deusa Xuno, cada vez se semella máis a aquel sistema de remuda que estableceron Cánovas e Sagasta en 1874.

Mentres, o "todo Madrid" (rei abdicante incluído) asistiu, como se tal cousa, á feira de San Isidro. Ese "todo Madrid" que, desde hai séculos, medrou chuchando enerxías alleas, hoxe (no Ibex35) con eses negocios feitos a través do BOE, amizades con ministros e subsecretarios, contratos coñecidos antes da súa publicación, servizos de clientela cativa. Mentres, España enteira segue a padecer un paro lacerante, o goberno de Rajoy non quere ou non sabe afrontar o desafío catalán e o divorcio entre a sociedade e as forzas políticas maioritarias non ten volta atrás.

Un modelo económico de barra libre en canto a cretos baratos, que dinamitou o sistema de aforros rexionais e que agora pretende facer o mesmo co sistema social público. Un sistema que, con Aznar, embarcou a España nunha guerra absurda e, con pouco ou nada a gañar, puxo en risco a seguridade da sociedade española. E contra iso apareceu a primeira alerta das clases medias catalás, de hai moitos anos por diante do resto das españolas (como xa se viu nos anos da Transición).

Contra ese panorama houbo unha resposta política ben tímida: mentres o PSOE, con Rodríguez Zapatero, fixo unha política de holograma (detrás das cores non había nada), o PP practicou a máis perigosa das miopías cortopracistas con aquilo de "bóteme unha firmiña contra os cataláns". O resto dos sucesos é coñecido dabondo. E as súas consecuencias, tamén.

Entre as moitas reflexións sobre a crise territorial de España (sinal de que o asunto non é unha febre duns días) queremos salientar dúas. A primeira, asisada, documentada, é a suma de tres crónicas da decena 2004-2014: España en el diván (RBA), de Enric Juliana, director de La Vanguardia en Madrid. Este xornalista catalán -de ampla cultura, bo criterio, mellor memoria e fino olfacto- escribe as súas crónicas con actitude de correspondente estranxeiro, dixo del Juan José Millás.

Non cabe dúbida que un catalán, mesmo se se trata de alguén como Juliana -que se considera "un pingüín" (en referencia a aquela minoría de iugoslavos que se consideraban tal e non da nacionalidade de orixe)- nunca partillará a maneira de facer madrileña. Na obra de Juliana o lector atopará moitas das claves da deriva española recente e da refracción das clases medias catalás. Entre elas, que estas nunca gastaron nin gastarían como o fixeron as máis do resto de España, as de Madrid as primeiras. Juliana compara os mapas barceloneses do "non á guerra" (que Bush fillo tivo en conta) e do "dereito a decidir" e obtén resultados idénticos.

A segunda das reflexións é máis explosiva pero tendo en conta ao seu autor, pode resultar máis preocupante para o lector non catalán. Falamos de Destruír España (Antes de que Ella nos destruya a todos) (Los Libros del Lince), de Javier Ríos. O autor é un gaditano de mediana idade que por azar descubriu a lingua catalá cando estudaba en Madrid. Cando decidiu probar fortuna en Cataluña, decatouse de que as cousas non eran como llas contaran. Un ensaio escrito desde a experiencia cotiá, desde o arrouto, coa graza que producen os paradoxos e que non deixa torre en pé, nin en Cataluña nin moito menos fora dela. Dúas propostas moi recomendables para saber porque estamos como estamos