Unha placa lembra desde onte en Santiago a casa onde naceu Roberto Vidal Bolaño, nunha praciña do barrio de Vista Alegre: "Polo seu traballo e por toda unha vida adicada ao teatro galego e á nosa literatura". A descuberta da placa conmemorativa foi o primeiro dos actos que, con carácter institucional, tiveron lugar en Compostela para celebrar o Día das Letras Galegas; no nome dun home do teatro.

Santiago de Compostela rendeu homenaxe ao dramaturgo nun acto que se celebrou en dúas carpas baixo a choiva. A asociación veciñal As Brañas de Andrés foi a impulsora de que se renomee a praza onde naceu o gran artífice da modernización e profesionalización do teatro galego co nome dunha das súas obras máis emblemáticas:"Saxo Tenor". Cando menos popularmente, xa pasou a chamarse dese modo. Vidal Bolaño "nunca esqueceu" o seu espazo natal, que incluíu en diversas obras infantís.

O presidente da RAG, Alonso Montero vaticinou alí mesmo que dentro de 40 anos se admirará a Vidal Bolaño como home que "denunciou as taras da sociedade" que identificou "cos recortes, a fame, a austeridade e a desigualdade". O conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, enxalzou a "valentía e compromiso" do teatro de Bolaño e admirou "o inconformismo" e "necesidade vital de traer liberdade" e a "vanguardia" que "alcanzou cotas difíciles de imaxinar", co fin de que "Galicia vólvase máis acolledora".