01 de diciembre de 2010
01.12.2010

Fernández del Riego descansa en San Pedro

Uns trinta veciños e intelectuais acompañaron á familia nun enterro íntimo

01.12.2010 | 08:51
Responso no camposanto de San Pedro da Ramallosa. Zulueta de Haz, á dereita do familiar que porta as cinzas de Del Riego. // José Lores

Un laio de gaita para despedir a Francisco Fernández del Riego. O último salouco da cultura galega polo pasamento dun dos seus máximos representantes agromou onte do fol e do punteiro de Carlos Núñez. O gaiteiro interpretou unha peza do poeta medieval Martín Códax para o intelectual no momento do seu enterro, unha cerimonia íntima á que acudiron uns trinta veciños e persoeiros galegos para acompañar á familia no camposanto de San Pedro da Ramallosa, no concello pontevedrés de Nigrán, a segunda residencia de Don Paco. Aqueles que lembran os seus longos paseos de verán por Praia América, poderán agora honrar a súa memoria a poucos metros do mar, onde descansa xunto aos restos da súa dona, Evelina Hervella.
O párroco de San Pedro oficiou os responsos fúnebres diante das cinzas do ilustre galeguista, portadas polos seus parentes máis achegados e depositadas no nicho familiar entre aplausos nun acto íntimo, como el mesmo desexaba. Entre os asistentes, atopábanse o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín; o escritor Víctor Freixanes; o director da editorial Ir Indo, Bieito Ledo; os literatos Xosé Luis Franco Grande e Xesús Alonso Montero; ademáis do responsable de Relacións Internacionais do BNG, Camilo Nogueira; ou o editor e traductor Xulián Maure, entre outros.
Alfonso Zulueta de Haz, o vicepresidente da Fundación Penzol que Fernández del Riego deixa orfa, calificou ao intelectual como "vieiro do noso compromiso con Galicia máis alá das episódicas conmemoracións" nunha agarimosa adicatoria, na que alabou a súa "xenerosidade sen límites", a súa "colaboración exemplar" e o seu papel como "fío conductor de tantas proxeccións para o desenvolvemento cultural de Galicia".
"Paco, sabías como cristián que non hai fe sen compromiso, e que a historia da salvación é a salvación da historia. Foches modelo enriquecedor do compromiso e déixasnos orfos coa túa ausencia profesional. Quédanos o legado do teu pensamento", engadiu antes de dar comezo a peza musical.
En representación do Concello de Nigrán, do que Fernández del Riego era fillo adoptivo, acudiron o alcalde, Efrén Juanes; o concelleiro de Cultura, Juan González; e o voceiro do PP, Alberto Valverde.
O mundo cultural do Val Miñor, ao que o finado tamén fixo aportacións como a doazón de parte da súa colección literaria á biblioteca de Nigrán, tamén lle rendiu homenaxe. Destacados membros do Instituto de Estudos Miñoranos como o seu director, Carlos Méixome, ou Xosé Lois Vilar, Xilberte Manso e Eduardo Méndez Quintas participaron na cerimonia, que rematou coa interpretación do himno galego por parte de todos os presentes.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas