A Fundación Penzol, a Editorial Galaxia, as fundacións Otero Pedrayo e Isla Couto en colaboración co Concello de Vigo e o Consello da Cultura Galega pretenden realizar un acto o 7 de xaneiro no Centro Social de Caixanova de Vigo para homenaxea-la figura de Francisco Fernández del Riego. "Queremos que sexa un acto integrador ó redor da súa figura convocando a toda Galicia", explicaba onte Víctor Freixanes.

Pola súa parte, o Concello de Vigo debatirá hoxe no seu pleno unha proposta para acordar dous días de loito na cidade polo falecemento de Del Riego. Espérase que sexa aprobada por unanimidade da corporación.

Tamén está previsto aprobar unha declaración institucional e a convocatoria da celebración dun acto de homenaxe na praza viguesa que leva o seu nome.

Ademais, a Xunta de Galicia organizará este mércores unha homenaxe conxunta adicada á figura do intelectual galeguista que morreu o pasado venres no seu fogar da Praza Compostela de Vigo.