El bailarín Rafael Amargo está decidido a non abandoa-las táboas. Enfrascado na xira do musical El Zorro que o levará ó Xapón, fará unha parada no mes de febreiro en Barcelona para profundizar na pesquisa teatral. Será da man da compañía galega Teatro Arte Livre (TAL) no papel de Giovanni, un mozo homosexual no París dos anos 50 que vén de saír do armario. A obra na que interpretará este papel, "O cuarto de Giovanni" estréase hoxe en Vigo no TAL, rúa Vázquez Varela, 19, a partir das 22.00 horas.

Ata mediados de febreiro, o público poderá ver sobre este escenario a peza (venres e sábado ás 22.00 horas; e domingo, ás 20.00) co rol de Giovanni interpretado por Jorge Gallardo, quen será sustituído en Barcelona por Amargo.

O resto do elenco compóñeno Andrea Nespereira, Bruno Portela e Roberto Cordovani. Este último, director da obra, interpretará a David, un mozo norteamericano que coñezará o amor homosexual con Giovanni na cidade da luz entrando nun xogo de paixóns que tamén mancará á súa moza.

A obra fala de milagres que non ocurrirán xamais, de personaxes que non aceptan ser quen son, de honestidade, amor e morte. O texto parte da novela "O cuarto de Giovanni" do senador James Baldwin. "Esta é unha novela que quero facer dende hai 20 anos. Durante un bo tempo, o libro estaba nas mans da produtora de Brad Pitt. Pensei que nunca o lograría ata que un día me avisaron de que xa estaba libre. Loxicamente, comprei os dereitos", explicaba onte Roberto Cordovani.