A Real Academia Galega (RAG) "toma prestados" termos como kamikaze, judoka, junior, jazz e hockey no seu novo dicionario, que se deben escribir en letra normal, sen cursiva –a pesar de que nesta lingua non se utiliza a "j"–, ó no existir unhas palabras que teñan o mesmo significado en galego. O director científico do proxecto, Manuel González, rexeita a posibilidade de inventar novas palabras para cubrir eses ocos ou de recorrer a hiperenxebrismos, como televexo, por televisión; rubidoiro, por ascensor; eixistir, por existir; ou eixamen, por examen, empregados durante a etapa da poesía social, que quedaron completamente desfasados e que neste momento se contemplan como algo anacrónico.

Como particularidade, hai que destacar que a RAG trata de adaptar a lingua ás convencións internacionais vixentes. Rexeita a palabra voltio, porque a denominación no sistema internacional é volt en todas as linguas do mundo.

Manuel González tamén adianta que "non hai cambios drásticos nin revolucións" no novo dicionario, que impliquen que os alumnos de secundaria e bacharelato teñan que mercar dicionarios e libros adaptados. O novo dicionario da Real Academia Galega debe contemplarse como "un documento de estabilidade", dentro dunha lingua que xa se encontra "asentada". Parte da mesma base que o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, da autoría de Manuel González e de Antón Luís Santamarina, da Real Academia Galega, que introduciu importantes cambios no ano 2004. "Moitas palabras que antes se poñían con ´b´ ou con ´v´, por influencia do castelán, agora escríbense ó revés", como avogado, avó e marabilla. "Can veiro –con pintas– escribíase con ´b´, en cambio agora ponse con ´v´, porque veiro procede do latín vario", resalta Manuel González.

O novo dicionario da Real Academia Galega encóntrase en proceso de revisión. Conta cunhas 50.000 entradas, coas que duplica as da edición anterior, e amplía o número de acepcións e exemplos prácticos. Encargáronse de elaborar as propostas iniciais, nove lexicógrafos contratados, que se foron sucedendo ó longo do tempo. Despois de facer a primeira criba e modificacións, Manuel González remitiullo á totalidade dos académicos, para que poidan facilitar as súas suxestións e achegas. González axustará o texto definitivo nos próximos meses, coa intención de que poida publicarse ó longo do ano que ven.

Tempos heroicos

Trátase dun dicionario da lingua, "non dun traballo especializado", que recolle as voces comúns nas que se expresan a maior parte dos membros dunha sociedade, cun nivel de especialización baixo. "Neste dicionario aparecen palabras da física, da bioloxía e do mundo xurídico, que utiliza unha persoa culta normal, pero non o gran especialista", advirte o director do proxecto.

A metodolo-

xía empregada dista moito da utilizada nos "tempos heroicos" nos que Xosé Luís Franco Grande convertía as caixas de zapatos en ficheiros, para ir completando o volume vermello de Galaxia que consultaron moitas decenas de miles de galegos durante varias décadas, incluído o propio Manuel González. Pero antes xa houbera obras lexicográficas, como as do Padre Sarmiento e Sobreira, que non se chegaron a editar. Francisco Xavier Rodríguez sacou á rúa o primeiro dicionario galego, ó que lle seguiron os de Cuveiro, Valladares, o primeiro da Real Academia Galega de 1918, que "quedou interrompido na palabra cativo", e o de Eladio Rodríguez.