O ex presidente da Xunta Manuel Fraga ven de ser elexido gañador do Premio Otero Pedrayo 2010, un certame que organiza este ano a Deputación de Pontevedra, organismo que tamén propuxo a candidatura do profesor, escritor e político, votada por unanimidade "pola súa longa traxectoria de traballo en pro de Galicia e da cultura galega, por ser un referente dela e pola súa laboura de investigación, promoción e difusión cultural".

O Otero Pedrayo está dotado con 30.000 euros e o seu obxecto é perpetuar e honrar "a memoria dun home de letras, a laboura que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promover os valores propios de Galicia e as obras que levén ó esclarecemento e mellora dos seus homes e institucións".

Un xurado integrado por voceiros das catro deputacións galegas, das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento evaluou as candidaturas e valorou que "Fraga supuxo unha gran sorpresa para os sectores galegos máis vencellados á cultura cando, despois de gañar as eleccións do 1989, desembarcou en Galicia", indican os voceiros da Deputación de Pontevedra.

Éstos engaden que "pensábase que ía exercer unha acción política de tendencia centralista e, sen embargo, apoiouse no galeguismo moderado, fixo uso constante do galego, potenciou ó máximo a cultura tradicional nosa, aprobou por consenso a Lei de Normalización Lingüística, situou a Galicia, cultural e políticamente, no mapa de España e, sobre todo, deulle unha dimensión excepcional á cultura galega máis aberta e universal coa potenciación mundial do Xacobeo e do Camiño de Santiago".

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, leu o acordo adoptado polo xurado no que se sinala que "Galicia sempre estivo no centro da vida e da obra de Manuel Fraga. Son numerosos os libros e traballos publicados por él sobre Galicia, dende os seus inicios como profesor, entre outros exhaustivos estudios sobre o conde de Gondomar".

Talla internacional

Louzán subliñou que Fraga "é un home de talla intelectual de nivel internacional e o político galego máis internacional" e resaltou os seus vencellos personais, culturais e políticos con Latinoamérica. Segundo afirmou, "a cultura galega faille hoxe xustiza a Manuel Fraga co premio máis prestixioso de Galicia".

O primeiro gañador deste premio Otero Pedrayo foi o escritor Carlos Casares en 1977. Recibirono tamén Filgueira Valverde, Alonso Montero, Díaz Pardo, Manuel María, o Museo de Pontevedra ou o Museo do Pobo Galego.