Na súa anterior obra, Lúa de Senegal, Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) retrataba o diálogo de amizade entre unha nena senegalesa afincada en Galicia e a lúa que a viña acompañando desde África a Europa. Na súa nova obra, Valados (Edicións Xerais), o autor Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 propón achegarnos á realidade de dous amigos, Helena e Xoel, que loitan por continuar soldando a súa amizade por riba dos muros invisibles e sólidos da súa cidade. Membro de Amnistía Internacional (AI), Paz presenta hoxe o libro na Casa do Libro de Vigo a partir das 20.00 horas acompañado por Manuel Bragado (Xerais) e Alberto Estévez (AI).

-Foi o aniversario da caída do Muro de Berlín o que inspirou esta nova obra?

-A idea é anterior a Lúa de Senegal. Xurdiu dunha das clases de Segundo de Bacharelato, cando lles mandaba elaborar un texto a partir dunha noticia na prensa para que practicaran redacción. Nunha semana, deille dúas fotos, unha do valado de arames de Ceuta e Melilla e outra do muro entre Palestina Israel. A min, pareceume que sería unha idea formidable para face-lo meu texto. Esa foi a semente para un traballo de dous anos nos que fixen 12 redaccións. É unha obra moi traballada.

-Este é un libro encamiñado a concienciar sobre a separación dos pobos?

-Obviamente, un dos obxec tivo do libro é ese, aínda que un non escribe ensaio, neste caso a idea era narrar as consecuencias que pode ter nas vidas das persoas a existencia destes muros que afondan na desigualdade. Eu quería unha historia como un alegato contra tódolos muros. Creei unha sociedade nunha vila, na que están primeiro os muros invisibles que propician a división. Estes, despois, acabna cristalizando nun muro de arame e de cemento. É un texto que ten a súa dureza, pero que está escrito coa delicadeza posible e que deixa un asomo esperanza.

-Non falamos dun asunto totalmente de ficción. Hai numerosos muros por todo o mundo.

-En toda a documentación que atopei, hai datos que sinalan que despois do Muro de Berlín é agora cando hai máis muros ca nunca, creo que hai no mundo uns 8.000 quilómetros. Atopamos o de Cisjorndania-Israel; o de Estados Unidos-México pero hai outros muros en Europa. O último do que teño coñecemento, en Padua, onde levantaron uin para illar un barrio de emigrantes africanos.

-Cre que entre tanto videoxogo e redes sociais, os mozos de agora abren a mente a estes temas?

-Cerrada, non. Outra cousa é que a sociedade estea montada para que non reparemos nestas realidades. O exemplo nestes días é que gracias a Aminata Haydar e a súa folga de fame coñecimos a existencia dun muro entre Marrocos e o Sáhara Occidental, un muro de 1980.

-Levamos case un ano oíndo arremeter por parte de determinados colectivos e persoas contra o galego tratando de reduci-la presenza deste último na sociedade. Que opina da posición da Secretaría Xeral de Normalización Lingüística?

-E un muro máis, un dos muros invisibles que está aí. Eu son das persoas que aspiro a levarme con todo o mundo. O meu desexo é que todo o mundo sexa cidadán de primeira, de maneira que os que falamos galego habitualmente teñamos os mesmos dereitos sociais ca unha persoa que se desenvolva en castelán. Hoxe non é así. Vivir en galego en tódolos ámbitos significa atoparse con moitos atrancos de todo tipo. Ó que aspiro é que, xustamente, haxa unha igualdade entre unha lingua e outra, unha igualdade efectiva. Iso é fácil de conseguir se se poñen os medios.

-Vostede non ten cadeira na Real Academia Galega da Lingua (RAG). Non obstante, que pensa respecto da máis que certa candidatura do escritor Xosé Luis Méndez Ferrín para presidila?

-A min, Ferrín paréceme unha personalidade extraordinaria. É un escritor magnífico, ten uns coñecementos da lingua rigurosos e amplamente demostrados. No trato persoal, de ti a ti, é afable, dialogante. Non teño nada que ver coa Real Academia pero se estivera nesta institución, contaría co meu voto.