16 de agosto de 2009
16.08.2009
Internet

A Galipedia chega ao listón dos 50.000 artigos

A Wikipedia galega supera os 12.000 usuarios aos seis anos

16.08.2009 | 04:37

O seu seudónimo era Ilvi e desde os Estados Unidos puxo o primeiro gran de area, varios artigos, do que hoxe é a Galipedia, a Wikipedia en galego, unha enciclopedia on line elaborada de forma altruísta por internautas. O proxecto galaico cumpriu a pasada primavera os seis anos de vida e dende hai pouco superou os 50.000 artigos, todo un fito dunha iniciativa enxebre na galaxia dos bytes. A contía supera as entradas en vasco pero dista moito, non obstante, dos 192.000 artigos do catalán; dos 503.000 do castelán ou dos case tres millóns do inglés.

A denominada como "enciclopedia libre", porque calquera pode editar os seus artigos, ten boa culpa de que no mercado editorial as enciclopedias de papel cederan protagonismo nos últimos anos a un proxecto moito máis rápido e manexable para os lectores e estudantes internautas.
Neste fenómeno Wikipedia, o inglés ten acaparada boa parte do territorio pero linguas sen Estado como o galego e o catalán; ou dialectos como extremeño, aragonés e asturianu teñen cargado as súas baterías para demandar un espazo propio para a súa cultura grazas ao quefacer dos seus usuarios.
No caso do Estado Español, a primeira Wikipedia propia nacida foi a catalana, un día de maio do ano 2001. Nestes días, esta publicación on line ten alcanzado as 192.449 entradas; mentres que a Wikipedia en español anda polas 503.000, poucas máis que as conseguidas pola enciclopedia libre portuguesa.

O caso español

O caso da Wikipedia en español é curioso. Dispón de máis dun millón de usuarios en toda a Rede, emprega a segunda lingua máis falada do mundo e, sen embargo, os seus resultados son comparativamente mediocres en relación con outras wikipedias como a italiana (597.000 artigos); a francesa (máis de 838.000 entradas) ou a alemana (942.000 artigos).
Proseguindo coas comparacións, as enciclopedias libres das comunidades falantes minoritarias do Estado Español teñen demostrado ser moito máis activas do que a española. Ademais do caso catalán, tamén se conta con Wikipedia en aragonés, asturianu, euskera, extremeño e, por suposto, galego.
No caso da comunidade galega, esta ten bautizado a súa enciclopedia en liña como Galipedia. Nacida un 8 de marzo de 2003, é mantida actualmente por un total de 12.732 usuarios (os cataláns superan os 38.900).
Consta en internet que o seu "pai" é Agremon, un mestre de Física de Secundaria de Ribadeo que polo ano 2003 comezou a colgar artigos na Rede redactados ex profeso para a Galipedia.
Sen embargo, Agremon, quen realmente é Antonio Gregorio Montes, desvela un detalle importante na historia da Galipedia. "O primeiro en colgar un artigo na Galipedia non fun eu. O primeiro foi Ilvi. Non se sabe quen é, supoño que é un descendente de galegos que estaba en Estados Unidos e que fixo unhas cantas cousas. Eu achegueime por casualidade. Entereime da existencia da Wikipedia, accedín a ela e vin que había unha versión en galego que estaba parada e decidín colaborar", explica este profesor de Física, de 52 anos de idade, que decidiu dar a cara na Wikipedia con foto e datos persoais incluidos no seu perfil.

O pai galego

As súas primeiras aportacións á Galipedia, non obstante, non foron artigos senón "variacións dalgúns precedentes" ás que si seguiron múltiples artigos; o último sobre José Ramón Cociña García, como el mesmo explica. Preguntado polo fito dos 50.000 artigos, reflexiona e engade o seguinte: "É a continuación dunha consolidación. É importante o número de entradas pero o é máis o contido de cada unha delas. O número establece unha marca; o contido, a calidade que ten. Hai relacións estatísticas que tentan medir esta calidade e o que podo dicir é que segue a aumentar".
Outra cuestión obrigada para o pai da Galipedia –aínda que Antonio Gregorio Montes rexeite esta etiqueta– é que o move a colaborar co proxecto. "Crer que estou facendo algo bo, algo no que podo contribuír e acorde co que creo e son".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook