24 de mayo de 2009
24.05.2009
xosé luis méndez ferrín - Escritor

"Ulm Roan é un personaxe de ficción, nunca busquei facer unha sátira de Ramón Piñeiro"

"Liquidou os principios nacionalistas democráticos nos que eu cría", sinala respecto do homenaxeado nas Letras

24.05.2009 | 03:10
Ferrín, na súa casa de Vigo, ante a máquina de escribir Underwood.

Xosé Luis Méndez Ferrín (Ourense, 1938) leva a súa vida enchendo de letras e ideas varias páxinas da literatura galega. Proposto en varias ocasións para o Nobel de Literatura en Lingua Galega, ten publicado obras como "Retorno a Tagen Ata", "Percival e outras historias", "Con pólvora e magnolias" ou "Estirpe".

Na estima de certos analistas, existe unha clara relación entre a figura central de Retorno a Tagen Ata (1971) e mais a personalidade homenaxeada nas Letras Galegas 2009. Porén, o autor da novela, X. L. Méndez Ferrín, –nome fundamental para a literatura galega contemporánea asemade que referente indiscutible do nacionalismo– nega que exista semellante analoxía. Ao longo desta entrevista, Ferrín fai unha singular procura na vida e obra de Ramón Piñeiro e tamén nunha xeira fundamental na historia recente do país galego.
–Comecemos, se lle parece, por Retorno a Tagen Ata. Na novela, Rotbaf Luden, unha moza que volve a Tagen Ata para sumarse á loita armada contra a potencia ocupante, Terra Ancha, chega a soñar, cara ao final do relato, con matar a Ulm Roan, o vello líder do nacionalismo que se decidira por aceptar un compromiso político cos dominadores... Que hai de verosímil e qué de pura conxectura na identificación que algúns críticos teñen feito entre a personaxe de Ulm Roan e esoutra de Ramón Piñeiro? [O propio Piñeiro, polo demais, levou a cabo unha "recensión da obra na revista Grial].
–Sei ben que Retorno a Tagen Ata se ten interpretado en clave satírica en relación con Ramón Piñeiro. É non é certo, non hai nada diso. Ulm Roan é unha figura que actúa dentro dun movemento de liberación nacional: trátase de alguén que, nun momento determinado, decide abandonar o combate e aceptar unha solución pactada co dominador. Ese personaxe existiu realmente en diferentes movementos de liberación nacional; por exemplo, en Irlanda temos a Michael Collins. Unha lectura "irlandesa" da obra podería considerar que Ulm Roan é Collins. Pero tampouco sería verdade; en realidade, Ulm Roan é un personaxe de ficción, iso é todo. Eu nunca fun un escritor satírico nin, ademais, teño dotes para iso.
–Teno contado xa vostede, pero podería rememorar, sequera brevemente, como foi o seu proceso de ruptura con Ramón Piñeiro e mais co que se vén denominando como "piñeirismo"?
–O que quero deixar claro é que cando entrei en relación con Piñeiro, eu tiña unha formación nacionalista e facía parte dun grupo organizado, en Pontevedra, arredor da lectura de Sempre en Galiza. Entón, ao contactar con el e mais co seu entorno, pensei que estaba conectando realmente co Partido Galeguista. Pero resultou que aquilo non era o Partido Galeguista e si un círculo dirixido unipersonalmente por Ramón Piñeiro quen, ademais, liquidara os principios nacionalistas democráticos nos cales eu acreditaba. Desta maneira, houbo xente que decidimos dar un paso adiante, en 1963, e que foi crear o Consello da Mocidade, xa como unha organización política plena, e máis tarde da Unión do Pobo Galego (UPG). Iso supuxo unha ruptura con Piñeiro e mais os seus que non aceptaron a creación dunha forza nacionalista e, moito menos, marxista, dado o aberto anti-comunismo do que facía gala o propio Piñeiro.
–Segundo X.L. Franco Grande, –veno de repetir recentemente en FARO DE VIGO- o anti-comunismo de Piñeiro tivo orixe na súa experiencia no cárcere€
–Iso non é así. O de Ramón Piñeiro, é un anti-comunismo propio da Guerra Fría. El temía moito que o seu círculo se contaminase da influencia do Partido Comunista; de aí que marcase unhas barreiras moi drásticas. Mesmo, en privado, chegou a acusar de comunistas a persoas como Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo, ou a mirar con moi malos ollos a miña amizade con Luís Soto e cos exiliados en México.
–Nesa dirección, algúns chegaron a falar incluso dunha relación do propio Piñeiro coa CIA€
–Iso é un chiste; eu nunca pertencín ao KGB e, non obstante, defendín, e defendo aínda, os principios soviéticos. Realmente, non creo que Piñeiro fose un axente da CIA, pero o que si é certo é que o del foi un claro espazo de difusión de propaganda inspirada pola CIA. Un dato moi concreto: a CIA, ao ver como medraban as CC.OO, promoveu a creación de sindicatos que virían frear tal proceso; ese sindicato chamábanse ASO (Asociación Sindical Obrera). A propaganda de ASO, espectacularmente ben diseñada e impresa en Perpignan, foi difundida desde o despacho de Ramón Piñeiro. Cando se creou o PSG, o primeiro periódico do partido, titulado "Adiante", apareceu impreso nese mesmo enderezo, en Perpignan. Repito que non creo que Piñeiro fose axente da CIA, pero si que estaba abertamente nesa órbita, diso non cabe ningunha dúbida. Polo demais, é natural, dado que el era atlantista e estaba de acordo cos proxectos políticos dos Estados Unidos.
–Cando e por que se produce a ruptura do piñeirismo co galeguismo do exterior?
–Na miña opinión, Piñeiro rompe coa política republicana tras as caída do goberno (no exilio) de Giral, en 1947. Nesa altura entra en contacto cos movementos conspirativos que pretenden restaurar a democracia en España mediante a monarquía, na persoa de D. Juan de Borbón. Castelao denunciou esa acción política, que estaba dirixida por Indalecio Prieto; o seu último artigo nas páxinas d´A Nosa Terra é unha acusación manifesta contra dito proceder. É aí, pois, cando se produce a ruptura: unha ruptura que supuxo tanto a liquidación, por parte de Piñeiro e dos seus, do Partido Galeguista no interior así como un desacato ao Consello de Galiza que, na práctica, actuaba como goberno galego no exilio.
–Non obstante, lendo as memorias doutra xente que viviu esa xeira, por exemplo, Fernández del Riego, aí afírmase que as cousas transcorreron, por así dicilo, dunha maneira "natural"€
–É certo que sempre houbo relación entre o interior e o exterior, pero tamén é verdade que, por exemplo, houbo un enfrontamento moi duro con Castelao, e, xa en 1957, o Consello de Galiza esixiu unha actuación política. Tivo lugar, entón, unha reunión na casa de Domingo García-Sabell e, como consecuencia dela, redactouse un escrito no que se definía claramente a ruptura: os do exterior querían acción política e o grupo de Piñeiro decidiuse polo culturalismo.
–Desde a perspectiva de Piñeiro e os seus seguidores, tratábase da opción posible naquelas circunstancias. Para eles, apoiar un único partido galeguista nacionalista, en cuxo éxito non confiaban, constituía un erro toda vez que ese fracaso podería determinar a desfeita xeral de todo o pensamento galeguista€
–É que xa se deron por fracasados antes de intentalo sequera! Cabía perfectamente, por exemplo, a posibilidade que seguiu o PNV: organizado no exterior e no interior, coas cooperativas de produción traballando na sociedade vasca e cun goberno vasco no exilio. Desta maneira, cando chegou a Transición, estaban perfectamente preparados. Liquidando o Partido Galeguista e desautorizando o Consello de Galiza, Ramón Piñeiro, cando chegou ese momento, non foi chamado a negociar, nin a falar nin a facer nada de nada. Ese foi o seu fracaso.
–Xa que fala vostede do PNV, en realidade, a asunción do europeísmo, do atlantismo€ non parecen formulacións moi diferentes das que defendía o propio Piñeiro. Por que, a diferenza dos vascos, el renuncia a que Galicia sexa "unha estrela máis" na bandeira europea?
–Ramón Piñeiro pensaba que dunha forma miraculosa, ao formarse a Unión Europea e caeren as fronteiras, o que el chama "as comunidades básicas diferenciais", para non usar o termo "nación", volverían rexurdir dunha forma espontánea. Polo visto, os nacionalismos eran inservibles para Europa, e Galicia debía permanecer como unha comunidade espiritual no mercado común: iso era o que el cría.
–Sempre que se analiza a posguerra, fálase do grupo de Piñeiro, de Galaxia€ Por así dicilo, "había vida" fóra dese contexto?
–Naturalmente que había máis galeguistas que o grupo de Piñeiro e máis editoriais que Galaxia! Na década dos corenta, organízase en Pontevedra un grupo das Mocidades Galeguistas que entra, como tal, na UNE (Unión Nacional Española), á canda do PCE e que apoia as guerrillas: aí están, por exemplo, Xosé Velo Mosquera, Otero Castelao, curmán de Castelao€ e que facían propaganda en galego. Estaba tamén Valentín Paz Andrade, preso dúas veces durante o franquismo e autor do único texto programático de carácter político-social da época e que se chama Galicia como tarea. Estaban tamén os Álvarez Blázquez que, de acordo, eran amigos de Galaxia, pero tiñan ideas propias; Xosé María Álvarez Blázquez foi un dos que quixo reconstruír o Partido Galeguista. E houbo outras editoriais: Monterrey, Benito Soto€ Sen dúbida, si que había máis galeguismo para alén de Piñeiro e dos seus.
–Hai un episodio desa etapa que permanece un tanto confuso: refírome á detención e posterior encarceramento do propio Ramón Piñeiro€
–Trátase, efectivamente, dun capítulo escuro. Piñeiro cruzou de forma clandestina a Francia e acaso tamén a Inglaterra, se ben non se sabe con exactitude a que foi, por máis que algúns partidarios del aseguran que se trataba de promover a candidatura de Castelao no goberno Giral. Cando é detido, á volta, parece que caeu conxuntamente con xente da CNT e mais a duquesa de Valencia de Alcántara, que era unha activista de D. Juan de Borbón. Estaríamos diante dunha operación contra a Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas, a organización, apoiada polos Estados Unidos que auspiciaba a solución monárquica juanista. Sabemos, pois, que foi detido e que foi condenado; pero descoñecemos se realmente foi esa a causa da condena, que tribunal o xulgou, quen foi o avogado defensor€ Ninguén veu o sumario; todo iso constitúe un verdadeiro misterio.En fin, falouse mesmo, en círculos piñeiristas, dunha intervención da Embaixada americana para que non o torturasen, pero non sei que pode haber de verdade en todo iso.
–E por que pensa vostede que o propio Piñeiro nunca explicou con claridade estes acontecementos?
–Ramón Piñeiro nunca relataba nada; nin da República, nin das Mocidades Galeguistas€era algúen moi reacio a contar. Com di Fernando Pérez-Barreiro, Piñeiro foi un home que vivía en varias, e simultáneas, clandestinidades.
–E como alguén que se mostraba tan decididamente apartidista entrou a formar parte da candidatura do PSOE no Parlamento galego?
–No pensamento de Piñeiro, había que vivir tres etapas: unha primeira cultural e de aí o culturalismo de Galaxia. Despois viría unha xeira económica na que as minorías, as elites chegarían a estudar, a coñecer a realidade económica do país para darlle resposta; é entón cando funda, con Isla Couto, a revista Economía de Galicia. A terceira etapa sería unha etapa política na que Galicia se dotase a si mesma de forzas equiparables ás de Europa occidental; en todo caso, non nacionalistas. O que aconteceu é que ese terceiro estadio, que el viña pospoñendo ad kalendas graecas, se lle foi das mans: as novas forzas nacionalistas non seguiron o seu camiño. Nese momento, para ser escoitado, para ser oído decide entrar en contacto co PSOE porque doutro xeito tiña que permanecer na casa, sen máis.
–Pero nesa altura, o nacionalismo non tiña un gran presenza no Parlamento€
–Tiña tres ou catro deputados: tantos como o propio Piñeiro e mais os seus dentro do PSOE. Pero non esquezamos, ademais, que cando os deputados do BNG foron expulsados do Parlamento, Ramón Piñeiro e compañía votaron a favor desa expulsión; iso está nas actas.
–Pero non é certo, en boa medida, que o BNG actual acabou aceptando moito do pensamento de Piñeiro?
–O BNG actual é a UPG renovada por Beiras. Como vai haber algo de Piñeiro nunha forza que ten como base fundamental unha central obreira, unha central de labregos, un movemento de profesores progresistas€? Iso é a antítese das elites piñeiristas.
–Na súa estima, as ideas de Piñeiro fracasaron por completo€
–Todo o pensamento filosófico de Piñeiro, a filosofía da saudade€ iso é unha antigalla que produce hilaridade. A súa concepción da literatura galega é reducionista, moi pobre. A condena do nacionalismo non tivo ningún éxito porque non hai ningún partido galeguista non nacionalista. Que queda de Piñeiro? Queda o que fixo pola lingua, pola cultura€ Pero iso teno que compartir, entre outros, con D. Paco del Riego que foi o verdadeiro motor da editorial Galaxia.
–Non obstante, hai xentes que no seu día estiveron enfrontadas con el, con Piñeiro, e que hoxe o defenden€
–O máximo defensor que hai hoxe da figura de Ramón Piñeiro é o presidente Núñez Feijoo. Tamén o Opus Dei, ou teólogos como Torres Queiruga, aprezan moito a súa figura, o que xa ten o seu aquel tendo en conta que Piñeiro era ateo. É curioso que un escritor comunista como Xesús Alonso Montero tamén reivindique ao máis grande anti-comunista que houbo no galeguismo€ non sei como o explicará.
–E quen viña ser de veras Ramón Piñeiro? Aqueles que defenden a súa figura descríbeno como un mestre socrático, sobrio€
–A sobriedade e todas esas virtudes serán magníficas. Non obstante, Ramón Piñeiro daba todo por Galicia, pero nunca tivo unha relación laboral con nada. Desde 1943, foi un liberado: primeiro, do Partido Galeguista e, máis tarde, polo grupo Galaxia. Eu non critico tal cousa, pero esa é a verdade. Non dubido da súa ética, pero non é superior á de calquera outro resistente anti-franquista. Canto á humildade€ Piñeiro era alguén dominado pola paixón de mando, por posuír as conciencias dos demais. Penso que foron moitas as persoas que se deberon sentir enganadas por el e que o foron abandonando. Cando entrou como deputado no PSOE, os seus compañeiros que figuraron como "galeguistas históricos" non eran tales; porque se Alfredo Conde ou Carlos Casares se consideran "galeguistas históricos", eu debo ser "galegusita paleolítico" ou algo así.
–Segundo vostede, estamos diante dun sectario?
–Totalmente. Pero sectarios el, que actuaba como un gurú, e mais o seu grupo. Quen lle dá a autoridade a Ramón Piñeiro? Estamos diante de alguén que se cre escolleito para dirixir as conciencias e que pensa que o país non estaba preparado para recibir a gran mensaxe. O seus xuízos, é duro dicilo, eran apodícticos; parecía que che estaba suxerindo cando, en realidade, só quería impoñer e impoñer. Non obstante, a título persoal teño que dicir que a min nin me perturbou nada a súa persoa.
–Ten sentido, entón, que se lle dedicase o Día das Letras Galegas?
–Eu votei en contra desa proposta. Agora ben; unha vez que foi para adiante, podería dar lugar a un debate histórico interesante; non obstante, estou a ver que a xente non se atreve a traballar, a arriscar ideas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook