O Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Fundación Pedro Barrié de la Maza presentaron onte en Vigo catro novos títulos da serie editorial Biblioteca Filolóxica Galega –iniciada a finais dos anos 90–, cuxo obxectivo é o de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica de ámbito académico e científico coordinadas por Antón Santamaría.

Os títulos escollidos nesta ocasión foron O galego fundamental. Dicionario de frecuencias, Callaica nomina. Estudios de onomástica gallega, Letras primeiras. O floral do Burgo de Caldelas, os primordios da lírica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito e Poesía completa de Antolín Santos Mediante. Catro obras que contan “cun aval científico e un diploma de calidade”, como sinalou Rosario Álvarez, directoda do ILG.

“A creación do ILG debeuse a un mellor coñecemento da lingua no pasado, o presente e tamén o futuro. Esta colección permitirá un mellor coñecemento da lingua galega”, afirmou Javier López, director xeral da Fundación.

O primeiro destes libros, O galego fundamental. Dicionario de frecuencia, recolle a frecuencia de uso das palabras en galego, “o que permitirá saber, por exemplo, que léxico debe aprender e fixar o alumnado en cada curso”, afirmou a súa autora María Xesús Bugarín.

José Moralejo recolle en Callaica nomina. Estudios de onomástica gallega as achegas da onomástica a través do testemuño das xentes, linguas e culturas prehistóricas “e insisto tamén no fondo indoeuropeo que pode calificarse de céltico”, dixo.

Por outra banda Xosé Henrique Monteagudo, escritor de Letras primeiras. O floral do Burgo de Caldelas, os primordios da lírica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito, expón na súa obra o proceso de implantación da poesía trobadoresca “cun uso instrumental e poético do galego”, enunciou.

Poesía completa de Antolín Santos Mediante é o título da compilación de poemas deste autor asturiano, obra de Xoán Babarro. “Ademais de ter unha dimensión global, este poeta foi un dos primeiros en integrar a fala no galego literario e foi a figura máis visible da literatura galega en Asturias”, sinalou.