Os libros de historia adoitan contar as fazañas públicas dos grandes persoeiros, pero pouco máis se sabe deles. Esa curiosidade empuxou a Inma López Silva a escribir "Memoria de cidades sen luz", coa que ademais suma un premio máis ao Xerais, desta vez o Blanco Amor de novela. Onte Galaxia presentou a obra editada en Santiago.

-Unha das súas personaxes atopa a liberdade nos libros. Ata ese punto é así?

-Tal e como estamos agora mesmo, un dos poucos espazos de liberdade que nos quedan son os mundos imaxinarios, os mundos que podemos controlar nós mesmos, coa nosa imaxinación, coa nosa vida intelectual. Os libros son a grande salvagarda dese espazo, a cabeza, un dos poucos lugares onde non se nos van meter nin grandes grupos financeiros nin políticos.

-Falamos da imaxinación do lector ou da do escritor?

-Dende os dous puntos de vista. Con este libro quixen escribir a novela que eu querería ler como lectora. Antes ca nada es lector de ti mesmo.

-Adoita relerse?

-Non o soporto, só o fago mentres escribo. Xa de estudante nunca relía os exames. Se o fixera, non os entregaría.

-Nesta novela sumérxese nas vidas non coñecidas de persoeiros históricos.

-É que todo relato histórico é unha selección de acontecimentos que contamos, o que significa que outros quedan fóra. Quería contar as vidas persoais, que non saen nos libros. Por exemplo, Ánxel Casal, que sae na novela... O que se sabe del é que foi alcalde de Santiago, pero eu pregunteime como sería na súa vida persoal deixar A Coruña e vir a Santiago. Para min é importantísimo porque case medimos as nosas vidas polas mudanzas e a historia non conta iso.

-Ten diferencias o Premio Blanco Amor doutros?

-Si, porque é un premio que naceu coa vocación de instaurar a novela longa en Galicia porque é un xénero importante para unha literatura e coido que a raíz del xurdíu este "boom" da literatura galega.

-Á marxe dos premios, a literatura tamén se promociona con feiras. A asistencia á de La Habana foi criticada. Cre necesario estar nestes eventos?

-Si, pero depende de a que feiras. A min, xa postos a que me leven e a que se gaste diñeiro público (porque se é privado tanto ten), o ideal é que sexan feiras que garantan unha proxección, como as de Francfurt, Bos Aires, México... Que sexan importantes e recoñecidas. Outras feiras xa non teño claro que sexa un investimento idóneo.