Tres anos despois da publicación de "Fado de princesa", Xosé Ramón Pena volve á ficción con "A batalla do paraíso triste", novela de acción e espionaxe, de amores,esperanzas e desenganos, de amizades e traizóns: a crónica da Lisboa dos contrastes, dos nenos descalzos e os hoteis de luxo; a porta cara a América para os que foxen da II Guerra Mundial.

-Por que elixiu precisamente esta época para ambientar a novela?

-Porque unha cousa á que lle teño dado moitas voltas é a mala sorte que teñen algunhas xeracións. Quero dicir, se unha persoa cuns ideais, que en 1939 é testemuña da chegada de Hitler ao poder e ve todo o que sucede a partir de entón, ten a mala sorte de morrer en 1942, levarase á tumba a idea de que o mundo é unha desgracia. Pero se ten a enorme fortuna de vivir ata 1950, pensaría todo o contrario, e daríalle a sensación de que a Humanidade vai a mellor.

E logo tamén me interesou pola escolla entre o ben e o mal. Nunha época de democracia e liberdades semella que as escollas están moi claras, pero en determinados momentos é unha das situacións máis dramáticas nas que un home se pode atopar, non só na fronte de combate, senón en todo o que rodea iso. De tódolos xeitos, non é que decidise escribir unha obra sobre a II Guerra Mundial...

-Como xurdiu, entón, "A batalla do paraíso triste"?

-Hai uns vinte anos, máis ou menos, tiven noticia da existencia do movemento ultra-fascista portugués dos "camisas azuis" de Rolão Preto. Tamén escoitei daquela que Preto lle dixera a Salazar -a quen, por outra banda, consideraba un burgués, non un fascista-que Portugal tiña que anexionarse Galiza. Mesmo houbo un plan que estudou a posibilidade de levar a cabo esta anexión, durante a Guerra Civil española. Chamoume moitísimo a atención, pero naquela época non puiden sacar máis información: as comunicacións con Portugal eran complicadas, os arquivos non estaban abertos... e funo deixando. Por outra banda, co paso dos anos comecei unha historia que foi o antecedente da de Fernando Freitas, o protagonista da novela, e a actriz de revistas Catarina Gusmão. E hai un momento en que empezo outra vez a interesarme pola historia portuguesa desa época, e cadrábame moi ben situar a estes personaxes neste contexto. Púxenme a experimentar, a historia empezou a tirar cunha forza enorme, e o resultado é esta novela.