Di Méndez Ferrín que "a negra sombra ou a pena lorquiana andan rondando" sempre a obra de Luís González Tosar (Bos Aires, 1952) que no seu último poemario publicado, "Estúrdiga materia", "traspasa a madurez". O escritor agasallado resta mérito dos eloxios sabedor que a súa verba non é do mundo común, senón dos chamados a deixar unha pegada indeleble. A sala de conferencias do Centro Social Caixanova de Vigo acolle hoxe, ás 20.00 horas, a presentación da obra, co propio Ferrín e o director de Galaxia, Víctor Freixanes, no acto.

- Por que chamar "Estúrdiga materia" a un poemario tan nobre?

- Estúrdiga materia é áspera materia, a materia bruta. É a materia que o canteiro traballa todos os días co cincel para que a pedra bruta pase a ser outra cousa.

- Pero como aplicar ese razoamento á poesía?

- Porque a obra está inacabada. A poesía, a música, as artes plásticas, todo o teatro, a novela, todo aquilo que nos conmove o espíritu ten un inicio na materia estúrdiga. Ao igual que un canteiro se enfronta á pedra bruta e á maza coa súa habilidade, para escribir, hai que ter habilidade, imaxinación e sentimento.

- Vostede nunca tivo unha crise de inspiración?

- Non, nunca. Considero que a mellor inspiración é pórse diante da páxina en branco e reflexionar e escribir das lembranzas, do tempo que se foi perdendo.

- Precisamente, do tempo pasado, lembra os seus anos mozos en "Adolescencia terrible".

- Si, foi terrible. Eu sempre tiven a adolescencia como algo oculto e agora ábrome totalmente a ela desde a altura da madurez. A miña existencia foi desbordante de paixóns.

- Vostede busca a gloria na creación?

- Iso non se pode buscar, o único que ten que facer un é escribir para que o entendan e buscar a complicidade co lector para que participe do texto.

- Cre que na poesia galega abunda a verba baleira?

- Existe improvisación. Unha cousa é a vangarda e a experimentación, que son algo serio; e outra cousa é a palabrería baleira, a foguetería de artificio. Os foguetes están ben nas festas pero non son elementos dignos de ter en conta cando un vive con intensidade, emoción e transgresión o feito literario.

- Logo a poesía debe ser sempre transgresora.

- Na vida, hai que transgredir continuamente, porque na transgresión esixímonos máis. A imaxinación, crear e inventar mundos é moi san, axuda a vivir.