Suso de Toro cre que as verbas poden cambiar o mundo, alomenos o que a el o rodea. Por iso a súa última obra, "Outra Galiza", un "libro militante", tal e como el di, usa no seu título o mesmo topónimo que Castelao empregara naqueloutro do que beberon tantos galeguistas. "Eu penso en Galiza como suxeito político nunha España interpretada federalmente, mentres que Galicia é unha maneira de entender o país que reivindica soamente unha resistencia antropolóxica e étnica, de tradicións e costumes", sostén.

Intervir nesa Galiza consiste para Suso de Toro, dende a escrita, en "ir ofrecendo un programa para un novo galeguismo e tecer unha Galiza da cidadanía", segundo explicou onte en Santiago o seu editor, Manuel Bragado, durante a presentación dunha obra que recolle unha escolma de artigos xornalísticos do escritor que percorren cinco anos da historia da comunidade, dende 2003 ata a primavera deste mesmo ano.

Este lustro aparece dividido no libro en dous bloques, que marcan tamén un antes e un despois na historia dos últimos tempos en Galiza, un "antes do cambio e un despois do cambio". Antes do cambio, explica Suso de Toro, os seus artigos céntrase en expresar "o desexo do cambio". "É un combate ideolóxico contra aquela Galiza sometida a aquel cárcere ideolóxico e histórico, que era a Galiza do PP, a Galiza de Fraga. Era unha situación na que parecía que non había saída histórica, que non había futuro, que non había horizonte", explica o autor de "Land Rover".

Logo desa época marcada "por un punto, non de desesperación, pero si de exasperación, e de chamada ao cambio constante", ten lugar o cambio. "Neste tempo toca interpretar o que aconteceu, en que quedou todo".

"O principal cambio", explicou o escritor compostelán, "foi apartar a un poder político que parecía perpetuo, que parecía un destino, os donos de país", argumentou De Toro, quen engadiu: "A sociedade galega decatouse de que o poder non é absoluto, senón relativo, que depende dos votos, e iso fai que a sociedade sexa máis libre".

Non obstante, non todas son luces no cambio. Tamén existen sombras. Así, aínda que para o escritor dende a chegada o poder do novo Goberno "a xestión gañou en transparencia democrática e se reduciu notablemente a corrupción, dígase o que se diga", existe un pero: "Aínda así é insuficiente dende o punto de vista democrático porque se manteñen políticas moi semellantes aos do Partido Popular, políticas clientelistas, de usar os cartos públicos para mercar votos".

De Toro propuxo unha reflexión sobre a lingua e o territorio, convidando a "revisar" o seu vencello e matizando que nin Galiza nin España son "homoxéneas" lingüísticamente, senón que se trata de realidades "complexas". "Hai que garantir os dereitos dos galegofalantes de existir e vivir como cidadáns no noso país, pero comprender que a sociedade galega non é a do tempo dos nosos avós e bisavós e que hai castelanfalantes. Hai que buscar un equilibrio, modos de organizar a convivencia", explicou.