N a Praza do Obradoiro, fronte a maxestuosa Catedral compostelana, o Pazo de Raxoi vixila o quefacer do Concello de Santiago pero tamén do Consello da Cultura Galega. Neste último, preto de 200 persoas traballan arreo cun obxec tivo: promocionar a cultura galega. Se cadra, para os máis novos, o seu quefacer diario máis visible é o portal www.culturagalega.org, unha visita case que obrigada cada día en internet para seguir o devir das artes, literatura, música e audiovisual do país.

Este ano, o Consello cumpre 25 anos nun momento no que comeza a plantexar cal será o seu futuro. A institución para nada está detida. Múltiples son os seus proxectos e actividades, chegando estas últimas a rozar o cento ao ano. A escritora e xornalista Rosa Aneiros -unha das 200 almas que traballan na institución-, dá conta deles con exposicións, congresos, conferencias, seminarios...

Precisamente, para este 25 aniversario, tense deseñado un programa especial de actos. Nos mandos dea celebración e da propia entidade como presidente, un ex rector da Universidade de Santiago, Ramón Villares, para quen "o CCG é unha peza esencial do entramado institucional do rexime autónomico de Galicia porque ten a misión de servir de canle para a biodiversidade propia da creatividade cultural".

Para conseguilo, a entidade oferta un forte impulso á investigación e recompilación de documentos como o Arquivo da Emigración Galega, o Arquivo Sonoro de Galicia cun catálogo de fondos editados e con 5.000 referencias sobre a música de noso, a publicación de centos de libros...

Un labor confeccionado en 25 anos nos que o Consello ten visto varias etapas. O seu actual secretario, Henrique Monteagudo, lembra como transcurriu o periodo fundacional a cargo de Ramón Piñeiro ata o ano 1990 ou, a partir desta data, a consolidación da entidade con Filgueira Valverde. "Era unha persoa que tiña un xogo fácil coa Xunta pola sintonía ideolóxica con Fraga. Iso facilitou a consolidación do Consello que conseguiu esta sede nese periodo".

Monteagudo sitúa a Carlos Casares -presidente de 1996 a 2002- como o iniciador dunha fase de dinamización potenciando as seccións, permitindo a entrada de xente nova, "dando unha visión máis actualizada da cultura fronte a visión clásica de Filgueira". A etapa de Casares viviu, sen embargo, unha de cal e outra de area. "Nesa etapa, tamén houbo unha perda do papel institucional do Consello xa que a Consellería de Cultura empezou a actuar sen ter en conta o Consello. Un exemplo foi a Cidade da Cultura cuxo proxecto se fixo sen contar connosco no asesoramento. Iso foi moi significativo e tamén nefasto porque o proxecto non ten contido cultural", explica Monteagudo. Agora, con Ramón Villares e unha nova Xunta, o Consello procura un futuro distinto.