19 de abril de 2008
19.04.2008

Roberto Fernández, Verdadeiro "eu" de Rober Bodegas: "Rober Bodegas son eu pero sen o instinto reprimido"

19.04.2008 | 02:00
"É bo actuar porque deixas que mande o subconsciente", di Bodegas.

O monologuista gañador do "Rei da Comedia" inicia a súa xira galega en Vigo

Para quen se perda o espectáculo (están á venda as últimas entradas, a 12 euros), que non o lamente. O mozo de Carballo estará o día 25 en Pontevedra e o 30 deste mesmo mes en Cangas.
- Vostede chámase Roberto Fernández, de onde adoptou o apelido Bodegas, da súa querencia ao bar?
- Podería ser (risas) pero é porque os meus avós e os meus pais tiñan unha bodega. Como sabes, nos pobos en Galicia, son moito de alcumes así que nós somos Os Bodegas.
- Tamén herdou dos maiores a facilidade para facer rir ou afinouna nos estudos de comedia que realizou con Leo Bassi e Alex Navarro?
- Non vou dicir que sexa un talento innato. No meu caso desenvolvei unhas aptitudes con xente que sabe do tema pero tampouco creo que por facer un curso vaias ser un cómico.
- Esa carraxe contra os iogures débese a que tivo un trauma de pequeno?
- Os iogures dan para moito. No espectáculo de hora e cuarto debo pasarme 20 minutos despotricando contra os lácteos. Sinxelamente, foi un fío do que empecei a tirar e ao final deume para un xersei. Máis que odiar o iogur, odio a publicidade enganosa.
- Por que pensa que ten tantos seguidores?
- Nos monólogos, intento falar de algo actual, de situacións que a todo o mundo lle quedan preto, pero un pouco esaxeradas.
- Que significa para vostede subir ao escenario?
- Serve para esquecer todo durante esa hora e media ou hora e cuarto na que estás metido no papel. Nese tempo, non pensas que tes que pagar o piso, o gas... Acabas totalmente relaxado pero tamén coa responsabilidade de que a xente pase un bo rato. Podo facer cinco ou sete actuacións á semana pero ningunha non, porque as sensacións que experimento no escenario son adictivas. Todo ten un desgaste e podes facer outras cousas durante un tempo pero agora mesmo pensar en deixalo por completo, non podería.
- Ten medo de ser escravo do seu personaxe?
- Eu creo que non. Rober Bodegas non son eu pero ten moito de min. Son eu sen os instintos reprimidos. Por iso é bo actuar, porque deixas que mande o subconsciente.
- E como é que é case un arquitecto?
- Fáltanme tres asignaturas e facer o proxecto. Terei que poñerme un día destes... Ou agora que son coñecido a ver se os profesores me aproban pola cara como aos futbolistas (risas).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 
Enlaces recomendados: Premios Cine