farodevigo.es »

Historias de Vigo
 03:15  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
Manuel Bragado
Estas últimas semanas estou pechando a edición galega do que entendo é un dos libros máis emblemático da historia de Vigo e a súa comarca, "A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo" (Edicións Monterrei, 1960). Esta é unha obra monumental, de case seiscentas páxinas, nas que don Xosé María Álvarez Blázquez recolleu as glosas e crónicas primorosas da historia de Vigo e de Fragoso que fora publicando diariamente en "Faro de Vigo", ao longo de todo o ano 1959. Este traballo editorial obrigoume a percorrer da man do que foi o cronista oficial da cidade e un dos historiadores e arqueólogos máis importantes de noso, a bibliografía dispoñible sobre unha cidade un chisco desmemoriada como é a nosa abella da ribeira. Aínda que a historiografía viguesa non é rica abondo, ofrece un conxunto de achegas estimables que poden contribuír a reformular a nosa identidade de primeira cidade galega, punxente e revolcada.
Dende a semente que plantou, o primeiro historiador local, o doutor Nicolás Taboada Leal en 1840 coa súa "Descripción topográfica-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores" (impreso en Santiago pola viúva de Juan Compañel e fillos e reeditada polo concello de Vigo en 1977 con prólogo do propio don Xosé María), pasando por "Vigo y su historia", obra colectiva promovida e concibida, tamén por Álvarez Blázquez, e editada en 1979 pola Caixa de Aforros de Vigo con motivo do seu centenario, até a "Historia de Vigo", publicada en fascículos por "Faro de Vigo" en 2007, foron diversos os historiadores e as publicacións que pretenderon enfiar e actualizar, con maior ou menor fortuna (e ás veces con escaso rigor e fantasía romántica abonda), o relato dos habitantes de territorio tan privilexiado como o ría viguesa e o seu val do Fragoso. Dende os primeiros asentamentos romanos, pasando tanto polo seu nacemento como vila na Idade Media como pola súa practica desaparición tras ser arrasada por Sir Francis Drake (a finais do século XVI), continuando como prodixioso anfiteatro da batalla naval de Rande, ata o seu renacemento, logo, como porto pesqueiro e dinámica cidade industrial e burguesa que emerxeu a finais do século XIX e xa de forma imparable durante o XX, Vigo conta cunha historia que debe ser mellor coñecida polos seus cidadáns.
Tras o traballo inicial de Taboada Leal, a historiografía viguesa houbo agardar até 1878 por unha nova achega, "Monografías de Vigo", obra póstuma do escritor Teodosio Vesteiro Torres (unha figura romántica, malograda prematuramente que o Instituto de Estudos Vigueses recuperou en 1995 do esquezo cunha biografía e o facsímile deste libro, no que traballou, tamén, don Xosé María), onde se recollen os seus artigos biográficos sobre figuras viguesas publicados no xornal "La Concordia". Pouco despois, en 1896, José Santiago y Gómez publicou "Historia de Vigo y su comarca" (existe unha reedición facsímile da Deputación Provincial de Pontevedra de 2005), obra que, a pesar das súas deficiencias, pode considerarse como un esforzo meritorio realizado para organizar por vez primeira o relato vigués completo. Prudencio Landín en "De mi viejo carnet", Bernardo Bernárdez Romero co seu "Tratado de viguismo", Manuel Losada Carrera co seu "Vigo y su progreso" e o editor José Cao Moure (asinaba P.P.K.O) co seus catálogos fotográficos de Vigo (reeditados en facsímile en 2005 polo Instituto de Estudos Vigueses) ofreceron libros nos que se recollen episodios da historia viguesa das últimas décadas do XIX e dos "felices" anos vinte. Mais, houbo que agardar a 1949, ano no que don José Espinosa Rodríguez (tamén cronista oficial da cidade) publicou "Tierra de Fragoso. Notas para la historia de Vigo y su comarca", obra magnífica (reeditada en facsímile polo IEV en 2003) e, quizais, a de maior interese historiográfico de todas as citadas.
Mención especial, neste repaso historiagráfico anterior á publicación d´ "A cidade e os días", merece o traballo realizado por don Avelino Rodríguez Elías, xornalista e escritor prolífico en galego e castelán, ademais de cronista oficial da cidade dende 1926 até que en 1936 tivo que coller o camiño do exilio (outra figura excepcional a recuperar da desmemoria, desvelada por unha expléndida biografía de Gerardo González Martín, outra figura clave dos estudos da nosa historia local). Debemos a Rodríguez Elías, ademais de numerosas monografías (como "La escuadra de plata" sobre os tesouros dos galeóns de Rande), unha monumental "Historia de la ciudad de Vigo", de catro tomos que permanece, incomprensiblemente, aínda inédita, a pesar de que dende hai anos existe un exemplar do manuscrito "custodiado" polo concello de Vigo. Ben sería que se acrisolasen os esforzos necesarios para sacar á luz peza tan senlleira do patrimonio da nosa memoria.
bretemas@gmail.com
COMPARTIR
 

Empleos

Comercial de tienda

Localidad (Provincia): Vigo (Pontevedra)
Salario: 18.000
ver más

Asesor Inmobiliario

Localidad (Provincia): Pontevedra (Pontevedra)
Salario: 250.000
ver más

TÉCNICOS MANTENIMIENTO AEROGENERADORES PONTEVEDRA

Localidad (Provincia): Pontevedra (Pontevedra)
Salario: A negociar
ver más

Soldador/a

Localidad (Provincia): Pontevedra (Pontevedra)
Salario: 18
ver más

Coches

Bmw Z3 Roadster Rojo, año 1997, 145000 kms, 2 puer

Bmw Z3 Roadster Rojo, año 1997, 145000 kms, 2 puertas, Gasolina, transmisiver más

Opel Astra Azul, año 2000, 139000 kms, 3 puertas,

Opel Astra Azul, año 2000, 139000 kms, 3 puertas, Gasolina, transmisión maver más

Venta de pisos

Casa en venta con 170 m2, 3 dormitorios en

Casa, independiente con 170 m2, a reformar, 3 dorm, 1 baños, cocina nover más

Piso en venta con 150 m2, 4 dormitorios en

Piso, con 150 m2, buen estado, 4 dorm, 3 baños, 2 plaza(s) de garaje,ver más

Piso en venta con 105 m2, 3 dormitorios en Zona

Piso, con 105 m2, 3 dorm, 1 aseo(s), 1 baños, .Vendemos amplio piso, próximover más

Piso en venta con 53 m2, 1 dormitorios en

Piso, con 53 m2, Semi nuevo, 1 dorm, 2 baños, 1 plaza(s) de garaje, 1ver más

Piso en venta con 102 m2, 4 dormitorios en

Piso, con 102 m2, Buen estado, 4 dorm, 2 baños, 1 armario(s) empotrado(s),ver más