farodevigo.es »

Hemorraxia do mar
 01:40  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
Manuel Bragado
Este ano comezou cunha estremecedora sinistralidade no mar de Galicia. O fatídico naufraxio no cabo Prior do arrastreiro "Cordero" de Ribeira, onde morreu un mariñeiro e outros catro levan desaparecidos dende o pasado martes, produciuse só unha semana despois de que dous mariñeiros do Vicedo perdesen a vida cando faenaban na lancha "La Sombriza" de dez metros de eslora pescando polbo diante da illa Coelleira e o mesmo día desaparecese un xove percebeiro non profesional en Doniños. Tres fatídicos sinistros, aos que habería que engadir nos primeiros días do ano á morte dun pescador do Rosal, mentres pescaba angulas no río Miño, e a de dous pescadores afeccionados de Bueu falecidos tras naufragar a súa lancha fronte as costas de Aguete. Un balance de sete mortos e cinco desaparecidos en só dúas semanas que produce enorme perplexidade e desacougo.
Cifras, sen embargo, que alimentan cunha teimosía exasperante as estatísticas de traxedias pesqueiras nas costas galegas: dende o ano 2000 foron trinta e seis os mariñeiros falecidos e vinte e oito os de-
saparecidos en naufraxios. En 2005, no do volanteiro de Burela "Siempre Casina", fronte as costas de Ribadeo, perderon a vida oito mariñeiros. En 2004 morreron todos os tripulantes (dez, a maioría de Redondela) do cerqueiro "O Bahía" de Cambados, fundido preto das illas Sisargas, como o foi un ano despois o seu xemelgo, o "Nuevo Pepita Aurora" fronte as costas de Barbate, construídos ambos os dous por estaleiros Nodosa. Nos anos anteriores producíranse as traxedias do "Meloxeira" de Oleiros (catro desaparecidos en 2002) fronte as costas de Lorbé, do "Buraz" de Ribeira (catro falecidos) entre as illas de Ons e Sálvora e do "Panchito" de Laxe (cinco falecidos), os dous en 2000. Estatísticas que se incrementarían, aínda máis, coas de buques galegos en augas internacionais: o "Arousa" de Marín no Gran Sol (seis mortos en 2000), o palangreiro guardés "Fátima" fronte as costas portuguesas (sete desaparecidos en 2001) e o do "Hansa" (de bandeira alemá, propiedade dun armador de Ribeira e con tripulación galega) preto de Escocia (seis falecidos, tamén en 2001). Un inventario estremecedor que debuxa a xeografía tráxica do mar de Galicia e dos mariñeiros galegos (hoxe, tamén caboverdianos, indonesios, peruanos ou senegaleses) no que levamos de século, mais que non pode ser sumido no "Mayday", "Mayday" do silencio e do conformismo.
Galicia non pode aceptar e continuar sendo un país de náufragos, unha experiencia perturbadora e dolorosa para as familias das vítimas, tatuada xa na memoria colectiva como un sinal da nosa identidade complexa. Máis de trescentos mariñeiros galegos foron, como os tripulantes do "Cordero", engulidos inexplicablemente polo mar durante a década dos noventa. Máis de dous mil naufraxios cicatrizaron ao longo de todo o século XX a nosa costa, segundo reconta Fernando Patricio Cortizo en "Historia da costa galega e os seus naufraxios" (Xerais 2004). Cifras que deberían ter unha explicación racional que vaia máis alá da forza traizoeira do mar de fóra, expresada no refraneiro galego: "o mar dá e o mar quita", "o mar ao máis amigo logo o pon en perigo". Números que agochan a vida anónima de mariñeiros que perderon a vida por catro pesos. Datos que non poden ocultar o sufrimento desas catro familias do "Cordero" que agardan a esperanza de poder enterrar aos seus, hoxe aínda considerados na terrible condición administrativa de "desaparecidos".
Pódese aceptar que todos estes naufraxios fosen meros "accidentes" provocados por circunstancias incontrolables dese mar cabrón da borrasca? Non sería imprescindible acometer unha investigación, como propoñen os sindicatos de mariñeiros, sobre as causas que os provocaron (xa que algúns, como o "Cordero", eran embarcacións relativamente novas e aparentemente cumprían a normativa de seguridade) e sobre o correcto funcionamento do protocolo de alarma? Cal é a razón de que naufraguen tantas embarcacións novas? As autoridades marítimas non deberían prohibir á frota saír faenar con aviso de temporal ou previsión de condicións meteorolóxicas adversas como sucede nos aeroportos? Existe normativa suficiente para permitilo? Os portos pesqueiros de Galicia posúen as dotacións necesarias para regular a súa actividade? O "seguro de mal tempo", rexeitado pola maioría dos armadores, alivaría o problema? A transferencia das competencias de seguridade e salvamento marítimo para Galicia contribuiría a mellorar a eficacia deste dispositivo e a diminuír a sinistralidade?
A pesar de estar enleados en campaña electoral, os responsables das administracións con competencias en asunto tan delicado deberían responder a estas preguntas. Esta hemorraxia do mar galego debe ser atallada.
bretemas@gmail.com
COMPARTIR
 

Empleos

Peluquera/o

Localidad (Provincia): Vigo (Pontevedra)
Salario: A negociar
ver más

Auxiliar fabricación

Localidad (Provincia): Grove (O) (Pontevedra)
Salario: A negociar
ver más

Oficial de 1ª de albañilería

Localidad (Provincia): Vigo (Pontevedra)
Salario: 1.000
ver más

Comercial de tienda

Localidad (Provincia): Vigo (Pontevedra)
Salario: 18.000
ver más

Coches

Bmw Z3 Roadster Rojo, año 1997, 145000 kms, 2 puer

Bmw Z3 Roadster Rojo, año 1997, 145000 kms, 2 puertas, Gasolina, transmisiver más

Opel Astra Azul, año 2000, 139000 kms, 3 puertas,

Opel Astra Azul, año 2000, 139000 kms, 3 puertas, Gasolina, transmisión maver más

Venta de pisos

Casa en venta con 170 m2, 3 dormitorios en

Casa, independiente con 170 m2, a reformar, 3 dorm, 1 baños, cocina nover más

Piso en venta con 150 m2, 4 dormitorios en

Piso, con 150 m2, buen estado, 4 dorm, 3 baños, 2 plaza(s) de garaje,ver más

Piso en venta con 105 m2, 3 dormitorios en Zona

Piso, con 105 m2, 3 dorm, 1 aseo(s), 1 baños, .Vendemos amplio piso, próximover más

Piso en venta con 53 m2, 1 dormitorios en

Piso, con 53 m2, Semi nuevo, 1 dorm, 2 baños, 1 plaza(s) de garaje, 1ver más

Piso en venta con 102 m2, 4 dormitorios en

Piso, con 102 m2, Buen estado, 4 dorm, 2 baños, 1 armario(s) empotrado(s),ver más