farodevigo.es »

Vivenda digna
 01:00  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
Manuel Bragado
Se hai unha área no actual Goberno Galego da que nos poidamos sentir máis satisfeitos é a da Consellaría de Vivenda. Dende o inicio da lexislatura, a conselleira do BNG Teresa Táboas ven acometendo un traballo rigoroso e teimudo chamado a provocar unha revolución de calado sobre aspecto tan complexo como é o da política de vivenda, un eido que afecta directamente á calidade de vida das persoas, ao rostro do territorio e, por que agachalo, tamén aos importantes intereses económicos en xogo (na construción de vivendas é onde se cocen hoxe as maiores fortunas). Despois de décadas de fracasos continuados das políticas públicas de acceso a vivenda (un dereito fundamental recollido na Constitución), a conselleira Táboas demostra que neste eido outra política é posible.
O primeiro e grande acerto da conselleira foi deseñar unha política estratéxica integral que abordase de forma transversal todos os ámbitos do problema: o regulamento das vivendas rurais, a recuperación dos cascos históricos e cidades monumentais, a política de chan, o mercado de vivenda protexida, os estándares construtivos, a participación corresponsable das administracións autonómicas e locais na xestión edificatoria e urbanística... Eidos todos eles inseridos nun modelo racional e sostible de organización territorial do país, de compensación de desigualdades sociais e territoriais, e de atención ás novas realidades sociais e comunitarias, expresados cun estilo político renovado baseado na discreción, austeridade e diálogo sectorial, o que non lle impide o exercicio da firmeza necesaria na defensa dos intereses colectivos (como sucedeu co presunto fraude das vivendas protexidas de Navia).
Entre o amplo abano de actuacións desenvolvidas nestes apenas dous anos e medio de traballo do equipo de Teresa Táboas merecen o noso aplauso máis entusiasta pola súa afouteza as dúas "medidas corenta": a que regula o solo urbanizable e as recentes "Normas do Hábitat Galego".
Pola primeira establécese a porcentaxe do 40% da edificabilidade residencial para vivendas de prezo tasado, as chamadas "vivendas protexidas" (esa medida que tan pouco lle chista aos detractores do actual PXOM vigués), coa intención de que o mercado, e cando isto non sexa posible a iniciativa pública, poida ofrecer vivendas a prezos limitados grazas á contención do prezo do solo. Non esquezamos que dende 1995 a 2005, a pesar do aumento da oferta provocado polo chamado "boom inmobiliario", os prezos dos pisos en Galicia se duplicaron, cando os custes construtivos o fixeron ao ritmo do IPC, arredor dun 40%. Durante os gobernos de Aznar e Manuel Fraga, o fracaso da política de vivenda foi estrepitoso (se podemos dicir que había "política de vivenda" algunha), deixando que o mercado libre e especulativo regulase unha oferta que se situou, a pesar da baixada do prezo das hipotecas, a uns prezos absolutamente prohibitivos para as economías máis humildes e para as familias novas. A partir de agora, con este novo marco xurídico, a construción de vivenda protexida debería converterse en Galicia tanto na grande oportunidade para o sector da construción como para o acceso á vivenda en propiedade ou en alugueiro para aqueles sectores sociais que ata agora non tiveron oportunidade de facelo.
A segunda das "medidas corenta" é o decreto de habitabilidade, que modificando as normas de 1992 amplía a superficie mínima dos pisos (tanto protexidos como libres) a corenta metros cadrados, ao tempo que impón unha serie de criterios de calidade encamiñados a construír edificios máis harmoniosos, ecolóxicos e sostibles co entorno e vivendas máis dignas, funcionais e humanizadas. Este decreto, situado na vangarda da política de edificabilidade europea (os pisos mínimos en Galicia serán os máis amplos de todas as comunidades autónomas españolas), atende tanto á nova realidade social do
país, dende as necesidades das persoas que viven soas (unha de cada catro das que vive nas nosas cidades), das dependentes (un numero cada vez máis elevado nunha poboación coma a nosa, a máis envellecida da Unión Europea), como aos requerimentos de construír vivendas máis respectuosas co medio ambiente, reducindo os consumos de auga e electricidade.
Na posta en marcha destas dúas "medidas corenta", como nas de rehabilitación dos Cascos Históricos (o Consorcio do Casco Vello de Vigo, participado nun 90% pola Consellaría de Vivenda e no 10% polo Concello, pretende recuperar ou construír seiscentas vivendas), a conselleira Táboas sabe do que fala e, a pesar das presións interesadas, actúa en consecuencia. Un modélico exercicio da responsabilidade política que nos reconcilia coa esperanza de estar asistindo á apertura dun tempo novo para o país. Parabéns para ela e para o seu equipo.
COMPARTIR
 

Empleos

Comercial de tienda

Localidad (Provincia): Vigo (Pontevedra)
Salario: 18.000
ver más

Asesor Inmobiliario

Localidad (Provincia): Pontevedra (Pontevedra)
Salario: 250.000
ver más

TÉCNICOS MANTENIMIENTO AEROGENERADORES PONTEVEDRA

Localidad (Provincia): Pontevedra (Pontevedra)
Salario: A negociar
ver más

Soldador/a

Localidad (Provincia): Pontevedra (Pontevedra)
Salario: 18
ver más

Coches

Bmw Z3 Roadster Rojo, año 1997, 145000 kms, 2 puer

Bmw Z3 Roadster Rojo, año 1997, 145000 kms, 2 puertas, Gasolina, transmisiver más

Opel Astra Azul, año 2000, 139000 kms, 3 puertas,

Opel Astra Azul, año 2000, 139000 kms, 3 puertas, Gasolina, transmisión maver más

Venta de pisos

Casa en venta con 170 m2, 3 dormitorios en

Casa, independiente con 170 m2, a reformar, 3 dorm, 1 baños, cocina nover más

Piso en venta con 150 m2, 4 dormitorios en

Piso, con 150 m2, buen estado, 4 dorm, 3 baños, 2 plaza(s) de garaje,ver más

Piso en venta con 105 m2, 3 dormitorios en Zona

Piso, con 105 m2, 3 dorm, 1 aseo(s), 1 baños, .Vendemos amplio piso, próximover más

Piso en venta con 53 m2, 1 dormitorios en

Piso, con 53 m2, Semi nuevo, 1 dorm, 2 baños, 1 plaza(s) de garaje, 1ver más

Piso en venta con 102 m2, 4 dormitorios en

Piso, con 102 m2, Buen estado, 4 dorm, 2 baños, 1 armario(s) empotrado(s),ver más