farodevigo.es »

O viño fala galego
 01:00  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
MANUEL BRAGADO
Galicia posúe un enorme mosaico de viños, froito herdado da riqueza de múltiples variedades ancestrais, da diversidade climática existente e da tipoloxía desigual de solos desta terra milenaria. Nas ribeiras onde converxen o Sil e o Miño aparecen os viños graníticos, lixeiros de corpo, da Ribeira Sacra, procedentes do cultivo "heroico" (sobre socalcos ou "pataos") das variedades de godello ou mencía. Na cunca do Sil, nas terras de Valdeorras, as plantacións de godello e mencía conforman viños monovarietais plenos, elegantes, posuídos por intensos arrecendos froiteiros. No val de Monterrei, nas abas regadas polo río Támega, cultívanse as variedades verdello, dona branca e treixadura para os seus brancos e mencía, merenzao e araúxa para os seus harmoniosos tintos de intensa cor morada. Mais os viños, cando nacen nas beiras do Miño, do Avia e do Arnoia toman o nome de "ribeiros", onde os brancos novos plurivarietais confórmanse coa mestura da treixadura, torrontés ou do loureiro, e os tintos coas de sousón, brancellao ou caíño. Xa nos vales oceánicos do Salnés, do Rosal no esteiro do Miño, do Condado do río Tea ou do Ulla aparecen para a conmovedora contemplación do espectador as terras do albariño (para don Álvaro Cunqueiro "o príncipe dos nosos viños") ou as fragrancias dos arrecendos das castes loureira, treixadura ou do caíño branco.
Nas dúas últimas décadas asistimos a unha auténtica reconversión que revolucionou o noso sector vitivinícola. Asumindo de forma orgullosa as potencialidades da diversidade e riqueza deste mosaico de variedades, modernizou o proceso de cultivo, elaboración, presentación e comercialización do seu produto. Os viños galegos recuperaron, así, a calidade perdida (superando a súa longa noite de chiquitas de purrela), gañaron prestixio social e valor engadido, sobre todo, no mercado interno (case o oitenta por cento da produción anual deste elixir de ouro véndese en Galicia), ao tempo que comezaron a súa actividade exportadora tanto no mercado español como, moito máis timidamente, noutros internacionais tan significativos pola súa capacidade de compra como o estadounidense ou xaponés. O vitivinícola converteuse nun sector estratéxico da produción agraria galega, xa que proporciona o 10% do conxunto da nosa renda agrícola, produce máis de sesenta millóns de quilos de uva (vendima de 2006), ocupa a máis de dúas centas mil persoas, artelladas arredor de catro centas corenta bodegas, agrupadas en cinco denominacións de orixe, que presentan no mercado máis de sete centas marcas comerciais.
Este exitoso proceso de modernización dun subsector agrario en Galicia, non exento de dificultades e contradicións no seu crecemento, constitúe unha auténtica creación cultural, xa que os nosos modernos bodegueiros e viticultores foron capaces de vencellar o nome de Galicia cos principios de "excelencia" e "calidade" do seu produto; todo un éxito de comunicación (non me importa que utilicen o termo "mercadotecnia") do que deberían sacar leccións outros sectores económicos e culturais do país. É un feito dificilmente cuestionable que diante dunha botella de viño de calquera das nosas denominacións de orixe, como das novas variedades sen denominación (como os novos "covas") -xeralmente ben vestida (sexa pola fasquía elegante do seu envase ou polo deseño atractivo da súa etiqueta)- calquera consumidor se predispón de forma case inconsciente a gozar e compartir cos seus amigos dunha auténtica festa para os seus sentidos.
Os viños convertéronse nunha das iconas que proxectan a idea dunha Galicia moderna e orgullosa de si mesma. Razón abonda para que o seu etiquetado en galego, como forma de sinalar o seu enraizamento na terra que os destilou, constitúa o elemento definitivo que acrisole esta idea comunicacional do valor engadido da súa excelencia. Este é o camiño normalizador emprendido xa por cento quince das nosas bodegas (máis dunha cuarta parte do sector) e que apupa con determinación a campaña "Deixa que o viño fale galego. Escolle un viño etiquetado en galego", promovida pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, a Consellaría de Medio Rural e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Unha campaña apoiada por diversas institucións públicas (Parlamento de Galicia, Consello da Cultura Galega, Universidades, Zona Franca de Vigo, entre outras moitas) que asumiron o compromiso que nos seus actos protocolarios, caso de servírense viños, terán preferenza os etiquetados na lingua de noso. Estratexia que comparto ao cen por cen tamén como consumidor (responsable e moderado, esa é a verdade): na miña escolla de viños no restaurante ou no supermercado terán preferenza aqueles que falen galego.
bretemas@gmail.com
COMPARTIR
 

Empleos

Peluquera/o

Localidad (Provincia): Vigo (Pontevedra)
Salario: A negociar
ver más

Auxiliar fabricación

Localidad (Provincia): Grove (O) (Pontevedra)
Salario: A negociar
ver más

Oficial de 1ª de albañilería

Localidad (Provincia): Vigo (Pontevedra)
Salario: 1.000
ver más

Comercial de tienda

Localidad (Provincia): Vigo (Pontevedra)
Salario: 18.000
ver más

Coches

Bmw Z3 Roadster Rojo, año 1997, 145000 kms, 2 puer

Bmw Z3 Roadster Rojo, año 1997, 145000 kms, 2 puertas, Gasolina, transmisiver más

Opel Astra Azul, año 2000, 139000 kms, 3 puertas,

Opel Astra Azul, año 2000, 139000 kms, 3 puertas, Gasolina, transmisión maver más

Venta de pisos

Casa en venta con 170 m2, 3 dormitorios en

Casa, independiente con 170 m2, a reformar, 3 dorm, 1 baños, cocina nover más

Piso en venta con 150 m2, 4 dormitorios en

Piso, con 150 m2, buen estado, 4 dorm, 3 baños, 2 plaza(s) de garaje,ver más

Piso en venta con 105 m2, 3 dormitorios en Zona

Piso, con 105 m2, 3 dorm, 1 aseo(s), 1 baños, .Vendemos amplio piso, próximover más

Piso en venta con 53 m2, 1 dormitorios en

Piso, con 53 m2, Semi nuevo, 1 dorm, 2 baños, 1 plaza(s) de garaje, 1ver más

Piso en venta con 102 m2, 4 dormitorios en

Piso, con 102 m2, Buen estado, 4 dorm, 2 baños, 1 armario(s) empotrado(s),ver más