Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lonxe de nós e dentro: Portugal

Pedímoslle emprestadas as palabras a Camilo Gonsar para estas divagacións sobre Portugal e Galicia no máis toldado dos Espellos da Historia

Sancho I O Poboador, trobador galego e segundo rei de Portugal. Estatua xacente e túmulo en Santa Cruz de Coimbra. // Cortesía da Biblioteca da Fundación Penzol, Vigo).

Baixo a voz MINHO pode lerse, no dicionario enciclopédico portugués Lello Irmão (Porto, edición 1975), o seguinte: "Rio de Espanha e de Portugal, que nasce nas Astúrias, em Espanha, e desagua no Atlántico, em Caminha, Portugal; 240 Km. Serve de fronteira a Portugal por 60 Km desde a foz do río Trancoso, até a súa foz em Caminha. Salmões, lampreias. Margens pitorescas". Na súa extrema precisión, a entrada do Miño no Lello, en poucas liñas, repite dúas veces o nome de España e tres o de Portugal. O da Galiza non aparece. Caminha si, pero a Guarda e Camposancos tamén non. "Roubáronnos o Miño!" -exclamou o poeta Manuel Vilanova nunha ocasión memorábel que non é agora para ser lembrada.

No grande relato nacional de Portugal soe (certo que non sempre) prescindirse de Galicia. Tal macrotexto colectivo oculta moitas veces a presenza do factor galego na etnoxénese da nación e do estado portugués.

Non é doado achar obras de historia xeral portuguesa que teñan en conta a provincia romana Gallaecia e os seus habitantes Gallaici, así como tampouco a creación dun reino con tal nome en 411, no cal se incluía a Terra Portucalense que había de dar orixe e nome a Portugal. Ao contrario, a historiografía portuguesa resucitou a provincia Lusitania e incluiuna no relato fundacional da nación. Non hai moito, admiramos no museu arqueolóxico Martins Sarmento de Guimarães os espléndidos guerreiros pétreos que alí se conservan procedentes dos xacementos viciños daquela cidade que radica no corazón da Gallaecia. Os guerreiros de pedra aparecen en Guimarães catalogados como "Lusitanos".

Que Don Afonso Henriques independiza o territorio da Gallaecia situado entre o Douro e a fronteira musulmana proclamándose rei na batalla de Ourique de 1140, é feito icontrovertíbel. Que este suceso constituiu unha secesión do reino de Galicia, xa non é tan universalmente aceite.

Don Afonso Henriques, cos seus destemidos infanzóns mozos, que tiñan todo que gañar e nada que perder, pasou o Texo e, logo, deixou un fillo no trono: Sancho I, a quen lle coubo o honor, entre outros, de ser un dos primeiros trobadores en lingua galega. Compuxo polo menos, unha cántiga co refrán seguinte: "Muito me tarda/ o meu amigo na Guarda", que, para dona Carolina Michaelis fora escrita co pensamento posto nunha súa amiga que os maliciosos da época, ás agachadas do rei, coñecían coma "A Ribeiriña". Pero Don Sancho non só escribía, sendo o segundo rei de Portugal, belas cántigas en galego senón que completou a Reconquista Portuguesa facéndose chamar tamén rei dos Algarves, aos que el chegara coido que despois de saquear Sevilla, conforme a dereitos de posesión moi antigos do Reino de Galicia.

E ben, se o segundo rei de Portugal (1185-1211) compuña textos literarios trobadorescos en galego é de supoñer que, en días do sei pai Afonso Henriques, a lingua estaría xa madura e preparada para ser o grande instrumento literario que foi inmediatamente despois. E que nome debemos dar a esa lingua que falan e escriben os galegos e os portugueses nos versos recollidos nos Cancioneiros e noutros manuscritos algún tan relevante como o que contén as Cántigas de Santa María, de Afonso o Sabio. A xeneralidade dos autores actuais portugueses, e de algúns galegos, dinlle, a esta lingua, "galego-portugués", e nosoutros inclinámonos por lle chamar só galego. Como soe recordar Vicens Vives, a Reconquista foi unha espansión e colonización de montañeses que seguiu, na Península, a dirección Norte Sul. Con Sancho I, a Reconquista da fachada Oeste ibérica (Portugal) queda rematada. Pero, se Vostedes ollan desprovistos de prexuizo, esta franxa Oeste que é Portugal desde que Sancho II chegou aos Algarves, notarán que lle falta algo. Sen dúbida á fachada portuguesa fáltalle Galicia para estar completa. E isto, que semella tan elemental, constitúe en si mesmo toda unha impugnación visual do relato ideolóxico dominante das orixes e formación de Portugal que moitos portugueses, aínda que non todos, veñen modulando desde hai séculos.

Se cadra seguiremos a tratar no Fondo dos Espellos deste tema no que se inclúe o do "reintegracionismo" galego que lle chama ao noso idioma "o português da Galiza" negándolle autonomía e existencia á palabra poética de Rosalía e, con ela, ao idioma que naceu na Gallaecia e é o propio da Nación Galega.

CAIXA POSTAL

Ribadavia

  • "Benquerido profesor Méndez Ferrín:Manteño correspondencia, intercambio Mail Art, ou arte/correo, cun editor e artista arxentino que vive na Avenida "Rivadavia". Sen ánimo de corrixir, díxenlle que o nome da súa rúa ou avenida non ficaba correctamente escrito xa que na Galiza, había, na provincia de Ourense, un importante concello xudeo, Ribadavia. Como lle dixen que é cousa de "boludos" e o concello de Bos Aires debían de tratar de enmendar o erro pondo Ribadavia, á volta de correo díxome que eu era un chisco malfalado. E deixoume de escribir. Tanto me ten, pero: Viva Ribadavia. Cunha grosa aperta de buxo".Manuel Xío Blanco(Autor Creativo na Reserva) MosRecibimos esta carta cunha valiosa amósega do Arte de Correo na cal, entre outras cousas, é mestre Manuel Xío. Por suposto Ribadavia é o nome dunha vila ou cidade histórica de Galicia. Escríbese, na normativa vixente do galego, tal e como dixo Xío Blanco. Polo visto, a Avenida de Buenos Aires é Rivadavia, en memoria do primeiro presidente da República Arxentina. En Arxentina, coma noutros lugares, téndense a considerar fora do alcance da ortografía os nomes propios. Así, en Galicia e en España, son innumerabeis os Rivas ou Riveiro ou Rivera que deberían ser, conforme ás normas do galego e do castelán, Ribas (como en catalán tamén), Ribeiro e Ribera. En canto a Ribadavia, eu non diría que é unha vila "xudía", xa que alí viviron hebreos igual que noutras moitas poboacións coma A Coruña, Betanzos, Tui, Ourense... Sábese, mesmo, que os xudeos de Ribadavia loitaron hombreiro con hombreiro cos menestrais, artesáns e comerciantes xentís, ou non xudeos, contra, por exemplo, as tropas do duque de Lancaster. Tamén foron reprimidos no século XV, xunto cos non xudeos do estamento burgués, polas armas de Pedro Madruga. Non podo manifestarme sobre a desavinza producida entre Manuel Xío Blanco e o seu correspondente arxentino. Só que en Buenos Aires (ou Bos Aires, en galego arxentino) me dixeron uns compatriotas que a de Rivadavia era unha das rúas máis longas do mundo. Supoño que será verdade. Eu sempre lle puña Ribadavia (con b na primeira sílaba) cando lle escribía a Manuel Puente, patriota e mecenas da política e cultura galega, que vivía en dita avenida.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats