Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

O Lince Cósmico

É tal a forza mítica do animal que nos ocupa, que os homes o puxeron nas estrelas como se quixeren salvalo da persecución

O lobo cerval olla.

Lembro os álbumes nos que, en días inocentes, fun colando as coleccións de cromos: desde Blanca Nieves á Guerra Mundial. Lembro a emoción de abrir o sobre na da Viúda de Lisardo, Ourense, e achar cromos reiterados e algún, oh don da Fortuna, escasos. Lembro rapaces negociando troco de os cromos e establecendo cotizacións en modo de bolsa de valores nos tristes e leixados xardíns do Padre Feixóo. Sobre todas as coleccións que se sucederon nos anos cuarenta do século XX recórdome do Album zoolóxico e, dentro del, do cromo da "Serpe Pitón" pola súa rareza e do que representaba o "Lince" polo misterio que emanaba do deseño.

Nel víase un lince que torcía a cabeza en dirección ao espectador. Destacaban os riscos característicos do animal: a cara pilosa, as manchas do corpo, a punta das orellas que foran relacionadas co Doctor Pincel. E a ollada.

Estamos a tratar do animal fixado por Linneo como Felis lynx que se extende por distantes áreas e que hoxe parece que tende a ser diversificado en varias especies polos científicos. O nome que lle deron os romanos , Lynx, -incis, é un empréstimo poético tomado do grego. E eu descoñezo como lle chamaban a este felino en latino-falisco e en osco-úmbrico. Que o nome do lince sexa un helenismo en todas as linguas do noso arredor é un síntoma do prestixio mítico e literario que nimba a fera.

O Padre Sarmiento, máis botánico ca zoólogo, aínda que sempre lexicógrafo, dinos que, en Galicia, o lince era chamado tigre. Isto recólleo López Seoane no seu libro famoso sobre mamíferos. E aínda sinala outro nome noso para o lince: lobo cerval, moi achegado ao francés Poup-cervier. Alguén tén explicado tal nome do lince pola afección que este tén ás crías das cervas.

En 1861 o citado López Seoane rexistrou presenza de linces en Galicia. Con exactitude, en Vilalba, Carazo e o Courel. A derradeira noticia dun lince en territorio galego dánola Vicente Risco na Geografía General de Reino de Galicia, dirixida desde Barcelona por Carreras Candi (1928).

Di Risco que, en xuño de 1924 foi levado a Ourense un cadáver de lince femia. Fora morta a paus en Ramirás, Arrabaldo, pertencente daquela ao concello de Canedo e, na actualidade, ao da capital da provincia. Parece que o lince atacara, ou incomodara, ou metera medo a uns rapaces que andaban no monte co gado. Acudiron homes, e mataron o felino. Este defendeuse bravamente até morrer. Os entendidos de Ourense certificaron que se trataba realmente dunha lince. O lugar no que o lince foi morto, non lonxe do Miño, era unha "quebrada" moi matosa e alongada da xente, da parte do Monte Medelo, próxima á estrada de Villastín a Vigo. Velaí o relato da morte do que podía ser o derradeiro lince de Galicia segundo Vicente Risco.

Moitos dos costumes e propiedades do lince que aparecen nos naturalistas grecolatinos sobreviviron até os nosos días na zooloxía popular tradicional. Vexamos algún. Os excrementos do lince, ao endureceren, convértense en pedra preciosa. Carecen de memoria. Poden seguir os viaxeiros, atemorizándoos co fin de os devorar, igual que fai o lobo dos contos de lareira. Poden ver a través de muros e paredes. Non sei se estará averado un costume que se lle atribúe ao lince: o de trepanarlles o cráneo ás presas para lamberlles o cerebro coa lingua felina de papilas escamadas. E outros hábitos.

Con todo, inclusivamente para os pobos, coma o noso, que exterminaron o lince, este recórdase pola agudeza da súa vista. Nas linguas que eu coñezo, que son poucas pero teñen extensión no mapa e gozan de memoria diacrónica, sempre a agudeza da vista do lince é proverbial e produciu paremias e ditos que se refiren a esta propiedade. No cromo do lince do meu Album zoolóxico infantil, o debuxante animalista conseguiu dotar os ollos do lince, que parecían procurar os nosos ollos, dunha intensidade inquietadora. En todo caso, no Fondo dos Espellos desexamos que o lince ou lobo cerval regrese a Galicia.

É tal a forza mítica do animal que nos ocupa, que os homes o puxeron nas estrelas como se quixesen salvalo da persecución que sofreu e sofre na Terra. Así, no Norte, entre Gemini, a Ursa Maior e o Cocheiro, loce a constelación cuxa luminaria principal brilla coma ollo de lince inxectado en sangue. É a constelación Lynx, que leva á frente a estrela xigante alfa-Linx cuxa luz chega aos nosos ollos cento setenta e dous anos despois de ser emitida no espacio sideral. Co cal o lince se distera da zooloxía e do mito e se sitúa na materia e na enerxía indestructíbeis do Universo.

NOTA.- A respeito do lince morto en Ramirás de Canedo, ouvín un relato que reproduzo eiquí. Unha vez levado o lince morto á capital, o catedrático de Historia Natural do Instituto fíxose cargo del. Ordenou unha taxidermia e, feita esta, a peza disecada pasou a formar parte do Gabinete do Instituto. Pouco máis tarde, declarouse un incendio no centro educativo, que fixo presa na Biblioteca Provincial e no Gabinete de Historia Natural. De xeito que o que quedaba da femia de lince convertiuse en flamas, esparexeuse en moxenas e extinguiuse para sempre. Cóntollo tal como a min mo contaron persoas de boa fé e boa memoria.

Compartir el artículo

stats