Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Barbañica non

Don Adolfo Rego Pérez acaba de ceibar na prensa galega unha descarga de munición boa contra a tendencia de moitos ourensanos ou residentes en Ourense a lle chamar a un afluente do río da Barbaña cun nome que non é o seu histórico nin popular: "Barbañica". Falamos do río que conflúe co Barbaña en Ourense pouco antes da ponte da estrada de Celanova e nas inmediacións do territorio do Polvorín. Di Rego Pérez, e di moi ben, que tal afluente tén, segundo os tramos, nomes varios, como poden ser: Río de Barbadás, dos Ponxos ou de Villaescusa. O ter nomes populares diferentes dependendo do lugar por onde pase é cousa propia dos ríos pequenos de Galicia e doutros reinos e repúblicas do mundo. Pero sempre a xeografía, e a administración pública ouvindo á xeografía, deben unificar esa hidronimia tradicional para comodidade dos cartógrafos e das persoas estrañas que queren coñecer e frecuentar o noso territorio. E ben, Otero Pedrayo é o pai da xeografía de Galicia e sempre lle chamou, a este afluente da Barbaña, Río dos Muíños. E isto, tanto na súa bibliografía coma nas súas clases, cando el ocupaba a cadeira de Xeografía na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Compostela. Eu, que fun seu alumno sendo mozo, recibín a calificación de "sobresaliente" (o único que me foi outorgado na miña vida universitaria) por responder adecuadamente á pregunta de cáles son os ríos da cidade de Ourense. "Tres, contesteille eu no exame oral: Loña ou Lonia, Barbaña, co seu afluente o Río dos Muíños, e Miño". Toda a miña vida andei orgulloso daquel trance, ou transo, académico, que tivo como escenario a Aula Un da Facultade de Filosofía e Letras, Santiago.

Ocorre que, desde hai algún anos, as autoridades municipais da miña cidade natal estanlle chamando Río "Barbañica" ao Río dos Muíños de que estamos a falar. Non sei quen foi o inventor, pero a trapallada tivo éxito. Xa vin hai tempo unha placa na cidade que avisaba ao viandante estar en presenza dun Río "Barbañica" á beira do cal xoguei de neno cando as súas augas levaban o nome de Río dos Muíños. Seguro que a algún funcionario lle pareceu bonito bautizar esta pequena corrente de auga cun novo nome de caracter navarroaragonés. E houbo en Ourense quen fixo caso. No Fondo dos Espellos acordamos o día (anos cuarenta do século XX) da Arroiada, golpe de chuva terribel que fixo encher o Río dos Muíños. Este, xa unido ao Barbaña, achandou casas e casopas, arrombou muros, derrubou pontes medievais, e levou á morte persoas e animais, destruindo zona de cidade que media entre a ponte da estrada de Celanova e a desembocadura da Barbaña do Miño.

Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:

X. L. Méndez Ferrín

Faro de Vigo

Rúa García Barbón, 87

Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats