Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

De Pavia a Novoneyra

Non se trata dun "suspirillo germánico", senón dun pulso que lle bota Rosa a Friedrich Hölderlin

Méndez Ferrín e Xosé Ramón Pena, na presentación do IV volume da Historia de Literatura Galega no Club FARO. // J. Lores

Finis coronat opus!" A Historia da Literatura Galega (1.931 páxinas) editada en Vigo por Xerais (2003-2019) e escrita por Xosé Ramón Pena acaba de sacar á luz o seu cuarto e derradeiro volume. Presumimos que a empresa será continuada por outros autores na mesma liña e con criterios congruentes.

A obra que hoxe ostenta ramo de remate trata no seu tomo I Das orixes a 1853; no II, De 1853 a 1916. O Rexurdimento; no III, De 1916 a 1936; e, finalmente, De 1936 a 1975. A "Longa Noite", no IV.

O autor reune en si un conxunto de capacidades que o converten en idóneo para construír unha obra destas características. Con preparación filolóxica, leitor en varias linguas, estudoso das diferentes correntes críticas, conxuga todo isto cun bon coñecemento de historia xeral. Pena, por parte, é novelista, contista, comentarista de prensa e conferenciante.

El tén publicado, con anterioridade, libros de historia literaria, alén de antoloxías que versan sobre poesía e prosa galega medieval, dominio no cal vén sendo acatado coma autoridade.

Inscríbese esta Historia dentro das correntes de anovamento que hogano están a remodelar, nocionalmente as nosas letras, superando mitemas orixinados na bibliografía crítica metropolitana ou sexa española. Semella que, para Pena, a Historia de Galicia non sexa o mesmo que a Historia de España ou a de Portugal.

En circunstancias de normalidade, o historiador da literatura opera sobre un labor previo de establecemento de textos e de edicións críticas das diversas obras. En situación colonial, achamos que os textos literarios galegos foron tratados de modo diverso. Desde hai moitos anos, a nosa literatura medieval gozou da atención dos filólogos de diversas escolas e nacións, e podemos lela en edicións solventes. Pero escritores contemporáneos coma Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro son desatendidos pola crítica textual e nunca tiveron as edicións de que serían merecentes.

Antes da de Pena houbo outras historias literarias de Galicia. El, na súa, trata de as mellorar. Aspectos valorativos da Historia da Literatura Galega Contemporánea (1963) de Carballo Calero aparecen corrixidos en caso de autores tan importantes coma Blanco Amor ou Manuel Antonio. O Manual de Historia da Literatura Galega de F.F. del Riego resulta sobrepasado por Pena polo carácter extremedamente sucinto da obra de Lorenzana, que agora resulta ancheado para ben.

Resulta novidosa esta nova Historia en varios aspectos interpretativos. Sinalemos, por exemplo, o tratamento dos chamados Séculos Escuros, que resultan así menos escuros. Ou a consideración que fai da chama Xeración Nós; digo elixindo temas ao chou. En soma, trátase dunha nova maneira de ollar o proceso evolutivo das nosas letras desde as orixes á chegada do réxime Borbónico dentro do cal redactamos estas letras.

O comparatismo, a historia das ideas, a socioloxía dos textos, mesmo as análises estilísticas, inmanentistas ou estructuralistas, ou a crítica da recepción, áchanse implícitas ou explícitas nesta obra de Xosé Ramón Pena. Pero aquilo que a individualiza é a paciente xenerosidade que amosa citando exhaustivamente os que antes ca el trataron autores, periodos, obras, polémicas, conflictos, tendencias e tensións no campo literario galego. Así, estes volumes non só son unha historia literaria senón que constitúen unha historia das ideas que floriron en Galicia, e fóra de Galicia, sobre a literatura que vai de Joan Soares de Pavia e Uxío Novoneyra, por pór dous esteos. E desde Carolina Michäelis e Tavani aos estudosos actuais e pasando por onda a loxia masónica de Carré Aldao. Ou sexa que Pena nos convida a unha viaxe que durará uns novecentos anos de letras galegas.

Segundo Goethe, "a literatura é fragmento dos fragmentos. Unha parte menor do que foi dito ou feito ficou rexistrada. Só unha ínfima parte do que se rexistrou conseguiu a supervivencia". Esa literatura que ficou ao longo das centurias é a imaxe da nosa nación en marcha restaurada agora por Xosé Ramón Pena. Eu non sei se a literatura galega é o único territorio noso liberado; pero é posibel que sexa o único que nunca foi vencido e conquerido. Nin sequera nos chamados Séculos Escuros.

Estou certo de que Gustave Lanson, mestre fundador da "histoire littéraire" en canto espello stendhaliano e colectivo ao longo do camiño, outorgaríalle un severo, saboroso placet a estes catro volumes de Xosé Ramón Pena.

CAIXA POSTAL

Literatura galega

  • "Meu querido amigo, estiven a ler o Fondo dos Espellos da semana pasada no que ti escribías sobre o libro en castelán titulado En las orillas del Sar do que é autora Rosalía de Castro. Comentas que iso ocorreu debido, máis ou menos, a que non o entenderon en España aínda que estivese escrito en castelán. En todo caso, permanece a pregunta que de vez en cando salta en forma de polémica. Pode ser literatura galega a que se escribe en castelán? Teu"C.F.R.R.TuiHai autores nados en Galicia que escriben e escribiron en castelán, e noutras linguas coma o latín. Tamén hai autores non galegos, casteláns, cataláns e doutras procedencias, que ensaiaron a escrita en galego. O criterio non pode ser máis ca este: literatura galega só é a que está escrita en galego, como literatura francesa só é a escrita en francés. Pierre Loti ou Francis Jammes, escritores do País Vasco do Norte, só poden ser considerados franceses e non vascos. Joseph Conrad, novelista inglés sen ningún xénero de dúbidas, non pertence á literatura polonesa por moito que a súa patria de nación fora realmente Poloña. Cando Lorca nos oferece o regala impagábel dos seus Seis Poemas Galegos está enriquecendo a Literatura Galega da que forma parte de pleno dereito. Hai escritores bilingues que escriben en galego e en castelán desde a Idade Media, como é o caso de Afonso o Sabio. A súa obra en galego, as Cántigas de Santa María, son literatura galega e as súas obras científicas, históricas e doutro tipo forman parte da literatura castelá. Mesmo hai autores, coma Valle-Inclán ou Cela na súa derradeira época, que usan dunha lingua castelá empedrada de léxico e de fraseoloxía galega. Non é suficiente para incluilos na literatura galega. Pero, sen dúbida, hai que ter en conta os moitos escritores que publican ou publicaron obras nunha e noutra lingua. Estes serán autores galegos cando escriban en galego e autores casteláns cando o fagan nesoutra lingua. É preciso, con todo, que os historiadores da literatura e os críticos literarios teñan moi en conta, ao referirse aos bilingües, a súa obra en galego para comprender mellor a obra en castelán, e viceversa. Ora ben, o principio segue a ser que só é literatura galega a que se escribe en galego do mesmo modo que só e lingua galega a que é lingua galega. Moitas grazas ao amigo baixo-miñoto que prefere, nesta ocasión, pasar desapercibido na Caixa Postal.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats