Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Vello "Corazón"

Para nós, os pequenos leitores ourensanos no curso 1946-47, os valores que inspiraba o libro de Amicis eran contradictorios cos oficiais españois no ensino e na política

Edmondo de Amicis (1846-1908).

Mirabamos no Fondo dos Espellos un rapaz, que era eu, a ler na escoliña da Profe o libro Corazón ( Cuore) de Edmondo de Amicis. A Rúa da Paz de Ourense arrecendía ás especies da tenda Los Serranillos e o ulido a Italia revolucionaria vólvense agora a encher por dentro. De Amiciss (1846-1908) coñeceu unha Italia esgazada en sete estados e asoballada polos estranxeiros e tiranos ("spezzata en sette stati e opresa da stranieri et da tiranni"). El asistiu á fin dos Estados Pontificios e á de todos os tiranos que usurpaban os poderes públicos de Italia. Amicis era da xeración de Curros Enríquez. O seu libro Cuore contribuiu á construcción cívica e á instrucción, dentro de altos valores, de moitas xeracións italianas e europeas.

Como se ten dito, o Corazón, a Alicia de Carroll e o Pinocchio de Collodi son os tres monumentos da literatura infantil europea clásica. Só o de Edmondo de Amicis finxe estar escrito por un neno (entre nove e trece anos), aínda que intervido por persoas maiores. Afecta ser un diario ao que se lle incorporan relatos adxacentes que chegaron a ser tan famosos como "Dos apeninos aos Andes".

No Corazón achamos o modelo de cidadán italiano que quixo crear o Risorgimento, unha vez que, como indicou Marx, a burguesía freou o avance cara un imposíbel estado proletario. Amicis era un socialista que aceptou a monarquía de Victor Manuel como inconveniente necesario. Cando mirei por vez primeira o emblema do Partido Socialista Italiano e me decatei de que so a fouce e o martelo se amosaba un libro aberto, eu pensei, nun alustro, que ese libro non podía ser outro ca Cuore.

En Corazón, a través dos seus relatores fictivos e do seu relator principal, o neno Enrico, preséntase unha sociedade de xeito verista e didascálico. Non está visibel, senón circunstancialmente, o catolicismo. E nin sequera se fai mención substancial de Deus. A Escola de Enrico é municipal e pública e a ela acoden rapaces de diversas clases sociais. En conxunto, a ideoloxía que veicula Corazón é a do laicismo institucional. Para nós, os pequenos leitores ourensanos de Corazón no curso 1946-47, os valores que inspiraba o libro de Amicis eran contradictorios cos oficiais españois no ensino e na política da época: nacionalcatolicismo, fascismo á española, subordinación cega ao poder. Por esa razón, a Inspección Central de Primera Enseñanza advertiu, en circulares internas, de que se trataba dun libro perigoso para a lectura escolar e recomentaba outros como España es así, de Giménez Caballero. Ou El Libro de España, de autor anónimo e editado por Edelvives. Algunhas escolas particulares, coma esta mínima de Mercedes de Gracia, a Profe, facíanse as xordas, e sabían o que facían cando nos mandaban ler o Corazón. Non chegou a estar censurado este libro, pero, en medios gobernativos, estaban baixo sospeita os mestres que o prescribían. Aínda así, eu comprei o Corazón na librería Resvié da Praza Maior (antes na Barreira) e lembro ben que, canda min, tamén o mercaban rapaces e raparigas doutros centros docentes. Supoño que no Sueiro, colexio moi inimigo do libro de texto, tamén se lían as páxinas conmoventes e felizmente escritas de Corazón.

Só quero lembrar agora como Corazón nos ensinou a circular polas rúas da cidade, materia que hoxe non se considera na escola. Escribe o pai de Enrico, introducíndose no diario do neno: "Observeite desde a fiestra (?) e vin que bateches contra unha señora. (?) Ten coidado cando andares pola rúa. Alí hai tamén dereitos que cumprir. Se ti medes os teus pasos nunha casa particular, por que non has facer o mesmo na rúa, que é a casa de todos?" E deseguida, velaí vai a grande lección civil: "Sempre que vexas na rúa un vello entorpecido, un probe, unha muller co meniño no colo, un tolleito no seu carro, un home curvado baixo unha carga, unha familia vestida de loito, cédelle o paso con respecto; debemos respectar a vellez, a miseria, o amor materno, a doenza, a fatiga, a morte".

Certo que esta lección non está hoxe plenamente vixente, porque as sensibilidades son outras. Non debemos respectar hogano a miseria, por exemplo, senón abolila. En canto ás familias de loito, xa só as xitanas poden cruzarse no noso camiño. Aínda así debemos deixarlles a estas a dereita cando sexa o caso, mesmo que só sexa en homenaxe a unha caste oprimida e a Federico García Lorca que cantou a súa pena. E finaliza cunha riola de preceptos o pai de Enrico: "A cidade foi para ti nai verdadeira; instruiute, deleitoute, protexeute. Estuda, pois as súas rúas e a súa xente - e ámaa. Cando ouvires inxuriala, deféndea". Toda a múltiple historia comunal dos burgos italianos concéntrase nas derradeiras verbas do pai de Enrico. Un eloxio do localismo que tén a súa traducción ao pensamento político actual que está a abandonar a falacia e o engano europeísta e volta a ocupar as rúas contra vento e Macron.

Moitas máis ensinanzas e observacións proveitosas poden tirarse nos nosos días da leitura do Corazón.

CAIXA POSTAL

Luís Carballo, Galicia e Moda

  • Doémonos da morte de Luís Carballo, como tempo atrás nos atristuraramos do pasamento da súa dona Xulia Taboada. Vexo os dous, e no meu fondo de ollos, ou Fondo dos Espellos, móvense sombras que chaman por min e aubean polo Ourense máis vello. Foise Carballo; tal é o que nos corresponde á quinta do 38, á que pertencimos el e mais eu. Pero deixa un rosel brillante, como se deixou notar nas despedidas escritas nas necrolóxicas e nos beizos do pobo. Carballo destacou como publicitario de alta talla en Galicia. Centrouse en Vigo, cidade que sempre consideramos a capital galega da innovación. En Vigo, pois, que non ten capitalidade oficial de nada e que crece e se reinventa incesantemente contra e á marxe dos poderes españois. Formulou a idea soberana dunha industria galega da confección, xa que eiquí en Galicia deixáronse morrer as fábricas de tecidos que houbo no século XIX, e aínda antes da revolución industrial. Os do corte e confección asumíron Luís Carballo como líder e ideólogo dunha anovación á que aspiraban os máis ambiciosos e espelidos. El deulles bos consellos. O primeiro: non digades nunca "confeccións", decide sempre a verba máxica: "diseño", "design". Con remotas raíces na alianza (soviética) entre Arte e Producción, Armatov, Luís Carballo propuxo liñas publicitarias e colocou a moda galega no curuto máis alto do mercado. Non procurou axuda na lingua inglesa, nin no francés decadente no sector, nin no latín tipo Urterqüe incipiente. El dixo así: Galicia e Moda. Os que ocultan as orixes por vergoña, coma moitos do sector conserveiro de peixe, non entendían cómo algo tan fino como é a moda poidese vender como feito en Galicia, como galego. El foi avante, e triunfou, aínda co aplauso dos indecisos. Galicia Moda foi unha grande revista. Logo Carballo quixo facerse evidente na súa realidade galega, e sacou outra revista, que chamou Ith, nome irlandés e galego que sae o Leabar Gabhala. Coubome o honor de ser amigo e admirador de Luís Carballo. Agradecemos eiquí a súa xenerosidade cando nos asistiu co seu consello desinteresado en publicacións políticas e sindicais sitas alén da legalidade vixente. Séxalle a terra leve. Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats