Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De Lenin e esqueletes

William Butler Yeats (1865-1939), altísimo poeta e dramaturgo de lingua inglesa e corazón republicano irlandés. Foi autor de "The Oxford" Book of Modern Verse", Oxford, The Clarendon Press, 1ª edición 1936.

Hai épocas e correntes literarias nas que os autores coinciden na asunción dun tópico que se converte en símbolo unificador da súa época. Así ocorre no Modernismo hispanoamericano, no que a figura do cisne aparece con hexemonía. Na poesía galega de fins do século XX e inicios do XXI era común que as baleas se deixasen ver en libros poéticos de mozos e mozas. W.B. Yeats, en The Oxford Book of Modern Verse, fainos observar que a palabra bone ("óso") chegou a converterse nunha especie de distintivo, con outras do seu campo semántico, do Modernism poético inglés.

Vennos decer o mestre irlandés que, certamente, houbo moitas stars ("estrelas") en infinidade de poemas dos noventa (do século XIX) que intentaban expresar, no espazo inglés literario, aquilo que é puro e nobre. Pero que agora (escrebe Yeats en 1936) plumas coma a de Edith Sitwell (1887-1964) non se cansan de encher os seus poemas con ósos e máis ósos. A propósito, Yeats reférenos que unha amiga artista quixo pintar o xardín del. Era verán, pero as árbores que aparecen no cadro carecen de follas e aparentan esqueletes, segundo a tendencia dominante. Os ósos, comenta Yeats, convertéronse daquela en símbolo da permanencia e superación das podremias transitorias. Os ósos non están mortos e gozan de inviolabilidade. E conclúe: "quizais nesta nova, profunda poesía, o símbolo mesmo (o óso) sexa contradictorio e reúna misteriosamente o horror á vida e o horror á morte".

Yeats, logo, no seu brillante discurso, vai sinalando a presenza de ósos e esqueletes na poesía inglesa, escocesa e norteamericana, a partir de Edith Sitwell. Nótase a preferencia do antólogo polo verso de Elinor Wylie (1885-1928), sen esquencer unha "plácida febre de ósos" que se apreza en T.S. Eliot (1888-1965).

Chama a atención que Yeats reparase no escocés Hugh MacDiarmid ao cal nos achegabamos na anterior entrega do Fondo dos Espellos. Deste poeta, con acerto e valentía, acolle Yeats no seu florilexio, ben pouco atento á Tendenzpoesie, un texto que leva o título desafiante, e tamén óseo, que noa así: "The Skeleton of the Future (at the Lenin´s Tomb" ("O esquelete do Futuro (perante a cova de Lenin)". Aínda que, na verdade, os ósos de Lenin permanezan dentro do seu corpo momificado, MacDiormid asóciaos libérrimamente a minerais cristalizados e introduce o símbolo xeracional en forma dun esquelete no que se concentra a idea de futuro como comunismo. No poema de MacDiarmid, a penas o pálido resplendor que exhala a verba snow ("neve") nos transfere a ese sitio real e poboado de vicisitudes que Moscú é.

Hai ben de anos, Leo Spitzer intuíra fugazmente o valor que estes símbolos comunais podían acadar nunha eventual estilística histórica das literaturas nacionais e comparadas.

O curioso é que o motivo dos ósos incrustados en poemas sobreviviu ás xeracións do Modernism inglés e acadou os nosos días. Por exemplo, en Seamus Heaney, un poeta grande do Ulster que tamén foi dado a coñecer aos galegos por Manuel Outeiriño n' A Trabe de Ouro. Heaney (1939-2013), con efecto, usa abondo da imaxe dos ósos no sentido de continuidade, inviolabilidade e incorruptibilidade do ánimo que lle atribuía Yeats. O autor do Norte interpela o cotidián popular irlandés e tamén o pasado máis duro da nación. Na procura da estirpe escrava e mesturada, bate cos ósos, mesmo, dos viquingos de Dublin e incorpóraos ao seu particular osario ( boneyard) e mestura pasado de séculos e sombras pertinaces. De súpeto, ao discurso fluente do poeta acode, inagardada, a mesma Inglaterra en forma daquel príncipe incerto que monologa cun cranio na man. O sistema poético de Seamus Heaney veríase moi gravemente dañado se lles estirpásemos os ósos líricos que o fan intenso e noso.

Todo o cal nos fai acordantes da Estadea, institución mítica que Carlos Alonso del Real facía emerxer dos abismos do neolitismo galego. Na Compaña, os mortos portan candeas ou velas que son ósos e que poden transferirse aos vivos imprudentes ou destemidos. Agarrando polo resto da vida un óso na man, eses vivos están destinados a faceren parte da Estadea. Entre a vida e a morte, o óso é símbolo da continuídade e do seu contrario, como decía W.B. Yeats da imaxe poética que nos ocupa. En todo caso, ao Fondo dos Espellos chouta agora a lembranza dun cemiterio galego que ten tido algunha vida literaria. Na porta del, este lema: "Aquí están os nosos ósos esperando polos vosos". Coido que, nun seu estudo sobre cemiterios e sepulcros, Estanislao Fernández de la Cigoña tén esclarecido ese barroco e desenganado texto. Nós, hoxe, tivemos ollos para algunha da mellor poesía en lingua inglesa do século XX. Memorias dun esquelete, por Castelao; sempre.

CAIXA POSTAL

Quen foi Lorna Wheelan?

  • "Señor Méndez Ferrín, na súa anterior páxina do Fondo dos Espellos falaba de Lorna Wheelan, unha persoa e un nome do que non se trataba no artigo. É tamén unha poetisa inglesa? Teño curiosidade por sabelo."Sabela García NúñezLugoEu tamén sentín un día curiosidade por descubrir quen foi Lorna Wheelan. O exemplar de The Oxford Book of Modern Verse que citamos no Fondo dos Espellos foi mercado por Xesús Franco na tenda de libros antigos ou usados que é ou era propiedade dunha agradábel Señora May e abría as súas portas en Greenwich no 1996. Xesús Franco regalounos o libro en Londres, no mes de xullo daquel ano. Hai unha etiqueta na contracapa que di así: Kingussie Secondary School. IV Class. Lorna Wheelan. Session 1940-41. Estiven indagando sobre o que foi feito daquela rapariga que estudaba en Kingussie (Escocia), no 1940-41. Eu tamén quixera que ela fose unha escritora escocesa e, mellor, unha poeta precisamente. Non foi iso o que resultou das indagacións feitas coa axuda dos nosos camaradas escoceses. Lorna Wheelan era filla dunha pintora, e tiña vocación plástica ela mesma. Pero estudou mediciña e especializouse en psiquiatría infantil, materia na que acadou alta relevancia. Persoa brillante e de conviccións progresistas, foi unha defensora da sanidade social e pública. Naceu e morreu en Escocia (1925-1982). Teria Lorna uns 15 anos cando lía os poemas escolmados por W.B. Yeats e publicados por primeira vez en 1936 no The Oxford Book of Modern Verse. No Fondo dos Espellos queremos pensar que Lorna Wheelan leu con interese, na antoloxía de W.B. Yeats, os poemas do seu compatriota Hugh MacDiarmid, incluido aquel que invoca o sartego de Lenin.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22. Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats