Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Da poesía renacentista en Galicia: a "Canción en loor de don Diego das Mariñas Parragués"

Diego Sarmiento da Cuña, I Conde de Gondomar, por José María Galván y Candela, século XIX, Museo del Prado, Madrid.

XVI foi o século que trouxo a anexión de Galicia por Castela nun réxime absolutista gobernado por aquela oligarquía neofeudal reaccionaría que facía bloque cos poderes eclesiásticos católicos. Antes, no século XV, producíranse dúas desfeitas: a irmandiña que anunciaba a fin do vello feudalismo e a do partido pro-portugués da Excelente Señora. Estas deixaron cegos dous camiños alternativos que, candanseu cunha compoñente de clase, lles oferecían a Galicia entrada na Idade Moderna. Esta entrou finalmente so a aguia austríaca cuxo poder deseñou para Galicia, sometida militar e políticamente, uns órganos dependentes que foron a Audiencia, a Xunda do Reino e os correxementos, alén da Inquisición supraterritorial. Entre as figuras galegas que fan parte do réxime absolutista monárquico-católico no século XVI resalta a de Diego Sarmiento de Acuña (en realidade, Diego Sarmento da Cuña). Trátase dun modesto aristócrata, señor de Vincios, Peitieiros e Gondomar, que acada un condado, o hábito de Calatrava e gavea altos postos no sistema político. Moi querido e admirado pola posteridade, o Conde de Gondomar foi, ao longo do tempo, obxecto de innumerabeis estudos biográficos. El encarna o tipo de nobre galego do século XVI que, sen deixar de amar e servir a súa lingua e patria, prospera no sistema que rexe nos reinos de España de Carlos I a Filipe IV.

Non imos falar do Conde de Gondomar que lle dou unha malleira da Drake na ría de Vigo, que contribuiu a que Walter Raleigh fose executado na Torre de Londres e trouxo á Illa de San Simón os despoxos de San Tomé Mansfield desde Inglaterra; como tampouco da infatigábel loita del pola dignidade galega na cuestión do voto en Cortes nin nada diremos da creación da armada de guerra do Reino de Galicia.

Recordemos só que o Conde escribiu milleiros de cartas nas que asoma un espírito práctico e curioso, alén de amante da lingua propia, a cal usa fragmentariamente. Sábase de cartas de Gondomar con incisos no noso idioma, pero de ningunha escrita por el enteiramente en galego. Coñecemos algúns versos escrito por don Diego. Todos están en castelán e carecen de altura literaria, incluso un soneto simpático con rimas esdrúxulas que nos lembran a famosa sátira de Iriarte, porque o que interesa hoxe evocar no Fondo dos Espellos é a faceta bibliotecaria e arquivística de don Diego Sarmento da Cuña, I Conde de Gondomar.

Nas súas casas de Gondomar, de Toro, da rúa de Atocha de Madrid e, sobre todo, na de Valadolide, el foi organizando unha magnífica libraria e arquivo. Nos seus días triunfais, Gondomar comprou as casas de Leguízamo, en Valadolide, que converteu en "Palacio del Sol". Varias salas contiñan volumes e papeis. Encargou do seu coidado a bibliotecarios, como Esteban Eisser e Enrique Taylor, controlados por leais secretarios galegos de nome coñecido, tal Sánchez Ulloa e García Dovalle (Doval). Na libraria de Sarmiento da Cuña estaba, desde os días de Toro, un volumen facticio, formado por manuscritos poéticos varios, coñecido como Caartapacio de don Pedro de Penagos, que se abrira o 9 de agosto de 1593. Non sei cando, pero Gondomar dispuxo insertar neste Cartapacio un poema en galego, e en dúas copias de porparte. Titúlase "Canción Galega en loor de Don Diego das Mariñas Parragués". Esta debeu de ser escrita no fin do século XVI por un autor cuxa identidade énos descoñecida.

Falamos dunha composición en once estanzas de dez versos ben enfiados e contrapesados rítmicamente que constitúen a mostra máis ilustre, por senlleira, da poesía renacentista en galego. Alén da súa calidade formal e boa compostura, a Canción mostra a situación política na que se moven as elites do réxime católico-absolutista en Galicia. É un texto adulatorio dirixido a un personaxe cuxo figura política se acha cortada polo mesmo patrón ca a de Gondomar as Mariñas Parragués, segundo Cesar Vaamonde Lores (BRAG, Coruña, 1917) foi un soldado e político extraído da baixa nobreza que ocupou cargos de certa relevancia fóra e dentro do Reino de Galicia. Tivo, este, suficiente poder para suscitar a louvanza ou chufa dun poeta culto e anónimo. As estanzas da Canción dóannos un pracer engadido, cal é o der ver mencionada de esguello a defensa da Coruña (ai, sen mencionar María Pita), as súas fortificacións reconstruidas (en especial o Castelo de Santa Cruz), as guerras nas que participa Xohán de Austria e o conflicto de Aragón. E unha malencónica mención da décima Musa, que é a da poesía galega, que nos fai acordantes de que moitos anos despois, no Século das Luces, a nosa sociedade ilustrada chamaba así á saudosa poeta e inspiradora de poetas María Francisca de Isla. Na historia literaria sempre se encadean elos de misterio.

A "Canción Galega en loor de don Diego das Mariñas Parragués" segue felizmente no Cartapacio de don Pedro de Penagos. Editáronse por primeira vez Rosario Álvarez e X.L. Rodríguez Montederramo (A escrita poética en galego a fins do século XVI. A "Canción Galega en loor de Don Diego Parragués" (BRAG, 364, 2003). Volve aparecer un valioso aparato crítico en Cartapacio de Don Pedro de Penagos (Real Biblioteca de Madrid, H-1581), edición de José J. Labrador Herraiz e Ralph A. Di Franco, Colección Cancioneros Castellanos, Moalde, 2015. Nesta segunda edición, a Canción vén na boa compaña, entre outros, de Góngora, Lope de Vega e Vicente Espinel.

CAIXA POSTAL

Máis sobre Sarmiento

  • "Lin a súa columna e pensei que lle gorentaría ter este exemplar da nosa edición, por aquilo de que a lírica galega do Século de Ouro é moi escasa e aquí hai unha composición (xa a estudaron) que lle engadir á lista. O manuscrito foi do grande bibliófilo, político e políglota Conde de Gondomar, infelizmente esquencido tanto en Galicia coma en Toro (Zamora). Que lle gorente a súa lectura. En Google poderá ver o artigo "De Cleveland a Moalde". Agora, a rural freguesía está nas bibliografías e bases de datos do hispanismo. Un cordial saúdo".José J. Labrador Herraiz Moalde (Silleda)Permitímonos trasladar ao galego e facer pública a carta que nos dirixe amabelmente o profesor J.J. Labrador Herraiz, ao tempo que lle damos as máis cálidas grazas polo obsequio que nos fai de dous libros sumamente interesantes ambos. O primeiro, a edición do Cartapacio de Don Pedro de Penagos, aberto en 1593, do cal tratamos, sequer insuficientemente, no artigo que vai enriba desta sección postal. O segundo, interesantísimo tamén, é El Romance del Caballero al que la Muerte aguardaba en Sevilla, de Pedro M. Piñeiro Ramírez e José Manuel Pedrosa, Frente de afirmación hispanista, México, 2017.Concordo co autor Labrador Herraiz en considerar altamente a figura do I Conde de Gondomar. Pero discrepo del no que se refere ao esquecemento en que Galicia mantén a súa figura. A memoria galega de Diego Sarmento da Cuña é notoria. Existen centros diversos que se adornan co seu nome, e incluso un parador de turismo en Baiona, e algún instituto. A bibliografía sobre o Conde recibiu aportacións fundamentais de Sánchez Cantón, Filgueira Valverde, Lois Tobía, X.L. Rodríguez Montederramo, Carmen Manso Porto, José García Oro, autores todos eles (coido) galegos de orixe e pertenza que, entre outros moitos, teñen demostrado interese por don Diego. Interese compartido, sen dúbida por institucións e entidades diversas de Galicia. Moi cordialmente.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats