Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

1968 (II)

Edificio do Centro Galego de Bós Aires, en imaxe recente.

Contáballes, a petición de Xurxo Martínez, dunha viaxe que eu fixen a América no ano 1968. Fora chamado para participar nos Xogos Florais do Idioma Galego, e na campaña unitaria que os antifeixistas desataran, viva e organizadamente, para recuperar a control do Centro Galego de Bos Aires.

Falei en ducias de actos. Visitei centros, agrupacións varias de galegos en Bos Aires, entre as cales a miña memoria privilexia agora a Federación da rúa Chacabuco. A propaganda correu arreo e apalpábase a necesidade de que o grande Centro Galego de Bos Aires fose recuperado polos galegos antifranquistas, o que finalmente se logrou. Non contarei agora a celebración dos Xogos Florais, pois nas bibliotecas existe unha publicación monográfica sobre o acontecemento e aínda hai pouco que comentabamos no Fondo dos Espellos a oración inesquecíbel de Jorge Luis Borges na cea do Hotel Alvear.

A Irmandade Galega, que era o noso partido nacionalista en Bos Aires, fixo unha asemblea para que eu informase nela sobre os avances da loita democrática e patriótica no interior. En 1968 as relacións políticas entre o galeguismo do interior e o nacionalismo de Bos Aires estaban rotas debido á condición sectaria de Ramón Piñeiro, e os nosos irmáns de alén mar parecéronme estar sedentos de información. Expliquei a situación e tracei para eles o mapa político da oposición en Galicia. Acompañoume á Irmandade Luís Seoane quen, ao saír, me levou á casa de Lorenzo Varela, onde tiven que repetir o discurso. Vin un Lorenzo Varela moi crítico co eurocomunismo e, sobre todo, falamos naquel intre da cuestión chinesa e da loita armada. Naquel intre, Seoane, que era membro regular de Irmandade Galega, confesaba simpatías pola UPG. Na derradeira etapa da súa vida, de volta en Galicia, habería de mudar o rumbo político, o admirado e querido Luís Seoane.

Carácter moi político tivo a miña visita e intervención na Federación de Sociedades Galegas antes citada. Unha grande figura, hoxe esquecida, da esquerda independentista, Alonso Pérez, recibiume no histórico centro antifascista e patriótico, e pronunciou un belo discurso. Alí estaba tamén Francisco Lores, a quen, con xustiza, acaban de premiar na Insua dos Poetas de onda o río da Esgueva nun espléndido acto. Beizón por iso a Luís G. Tosar.

O Consello de Galiza, fundado por Castelao en 1944, chamoume para participar nunha sesión extraordinaria, a cal se produciu o 9 de setembro en dependencias do Centro Pontevedrés que, ao tempo se aloxaba alí. Despregouse a bandeira que Castelao levara consigo (trouxéraa de volta) a París para el integrar o goberno republicano do doutor Giral. Ao tomar asento a par das persoas que representaban perante a Historia a legalidade republicana e que eran fideicomisarios da vontade popular galega expresada no plebiscito de 1936, eu experimentei unha intensa emoción. Aínda estaban alí un deputado e dous alcaldes galegos republicanos do Frente Popular; honor a eles.

A sesión estaba presidida por Antón Alonso Ríos (o señor Afranio da dura aventura como fuxido que el mesmo relatara), Manuel M. Lamela, Lois Fuentes, Segundo Pampillón, Lois Guede, Moisés da Presa Esmerode, Bieito Cupeiro, Daniel Calzado, Uxío García, Manuel Pedreira e Ricardo Flores. Ouvíronse varios informes, o máis importante dos cales foi o de Lois Fuentes, que, en estreito contacto con Emilio Alvarez Blázquez, viaxara por Galicia o verán anterior e tecera unha serie de contactos coa UPG. O discurso de Alonso Ríos foi, como era normal nel, brillante, radical e ateigado de fe igualitaria e patriótica.

Eu informei ao CG sobre a situación política en España e en Galicia, e sometinme ás preguntas que os conselleiros quixeron facerme. Tratouse de robustecer a rede internacional con delegacións do CG alí onde fose posíbel e de apoiar a multiplicación da fórmula do Padroado da Cultura Galega en México. Insistiuse en crear una Delegación do CG na clandestinidade de Galicia.

Foron nomeados, ou confirmados, segundo lembro, os seguintes delegados: Carlos Velo (UPG), En México; Celso Emilio Ferreiro (UPG), en Caracas; Xesús Canabal, asistido por X.L. Villaverde e Fernando Pereira (UPG), en Montevideo; César Alvajar, en París; eu, (UPG), no interior. Esta delegación no interior debería ampliarse a todas as forzas resistentes en presenza. Eu propuxen, foi aceptado, a Alfonso Álvarez Gándara que, ao tempo, era membro da PSG e estaba moi activo na Liga Democrática.

Entre as actividades políticas en que me vin envolto naquela feita lembro, de forma especial, a viaxe que don Manuel Puente e Valentín Fernández me organizaron para eu visitar o Padroado da Cultura Galega de Montevideo. Alí, Xesús Canabal, ilustre patriota fíxome entrega dunha discreta cantidade de pesetas (el era banqueiro) como contributo persoal para aboar multas gobernativas e débedas que, sempre no interior, tiñamos dificultades en enxoitar. Fixemos un potente mitin de esquerdas independentistas.

Pouco antes de coller o avión para regresar a Galicia, Puente pediume, por encargo do Consello de Galiza, que voltase facendo escalas en México, Caracas e Miami, para me entrevistar, respectivamente, con Velo e Soto, Celso Emilio e Xerardo Álvarez Gallego, a quen eu lle debía urxir a redacción dunha biografía de Alexandre Bóveda.

(Continuará).

O urso Filipe

  • "Cómpreme, non entendo como de súpeto me entrou a necesidade, traspasarlle unha cousa que me contaba miña nai cada vez que escoitaba falar na televisión autonómica de recuperar o galego. Díxomo unhas poucas veces, eso si, separadas por varios anos.O feito foi que sendo ela nena, década dos 1940, achegouse por aquí, pola Cañiza, un circo. Seica que foron velo. Asombrada, a miña nai conta que a xente, os que estaban alí a mirar a cousa aquela, dicían:-Ese home fai bailar o urso!Por "xente" entendemos os adultos que terían 20, 30 ou 40 anos. Esa "xente" entendo que medraron e aprenderon a falar o galego que se falaba por aquí rematando o século XIX".Félix Gil Alfonso. A Cañiza.A carta que nos envía o señor Gil Alfonso é moi longa, polo que só imos comentar un dos asuntos dos que trata: o nome galego do oso/urso.Cando eu era neno tamén vin, nos anos corenta do século pasado, en Ourense, un espectáculo de títeres no cal o domador facía bailar un oso ao que el chamaba, nunha lingua rara, urso. Moitos anos despois, souben que aos xitanos de Europa Oriental especializados en adestrar animais chámanlles ursatori. Así, por exemplo, os xitanos ou tzíngaros que amaestran cabras serían ursatori, e tamén os especializados en osos. Teño entendido que o domador Ángel Cristo pertencía ao grupo tzíngaro dos ursatori. Eu acórdome ben daquel oso, a quen o seu amo lle chamaba Filipe. Estou seguro de que tanto o oso que viu a nai de Félix como o que eu vin eran o mesmo oso ou urso Filipe.Os dicionarios galegos parece que non queren a palabra urso, que si que é, en troques, a única que o portugués ten para o caso. O testemuño da nai do noso comunicante é un indicio moi importante para pensarmos, con fundamento, que, por unha ou outra razón, a forma cultista urso estaba difundida e era usada en Galicia. Por outra banda, o sabio zoólogo Víctor López Seoane, que sempre ofrece con exactitude os nomes vulgares galegos das especies que estuda, danos urso como forma galega corrente a mediados do século XIX.Por todo o cal, pensamos que a forma urso debería figurar nos dicionarios galegos no mesmo rango que a súa forma evoluída oso.En canto á Cañiza (este é o seu nome oficial e o usado) direille, se o ouvido no me enganou, que na Hermida (Covelo) eu sentinlle chamar a CANIZA á vila e concello que todos chamamos a Cañiza, sempre con artigo. Estarei no certo? Se así é, trataríase, como sospeito, dun topónimo castelanizado que se substraeu á recuperación galega á que felizmente foron sometidos outros topónimos tamén castelanizados.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats