NO FONDO DOS ESPELLOS

Na Malveira

Manuel Antonio, segundo Carlos Maside (ano 1926).

Manuel Antonio, segundo Carlos Maside (ano 1926).

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Até o de agora había o padrón alí onde o mito fixera amarrar a barca de Santiago en Padrón e mailo Padrão dos Povos que eterniza a memoria, en Chaves, dunha manchea de tribos galaicas relativas ao río Támega. Pesia á tradicional interpretación, a de Iria é unha pedrafita que o recordado Millán González-Pardo puña en relación cos peiraus enigmáticos. Ao dous padróns famosos da Gallaecia (o de Padrón e o de Chaves) veuse unir o pasado sábado 21 de marzo o padrón da Malveira Grande en memoria de Manuel Antonio.

Manuel Antonio é o poeta maior do noso século XX, que naceu en Rianxo e iluminou os espacios das letras galegas coma unha exhalación, coma aquel meteoro que soñara en dar caza Jules Verne, coma absolutamente nada no mundo (así falaba William Saroyan). Estes días celebramos que saiu á luz o derradeiro volume das Obras Completas de Manuel Antonio. Fica, pois, restaurada e establecida a producción toda do xenio naval por obra desoutro ilustrado rianxeiro que é X.L. Axeitos, co valioso e imprescindíbel apoio da Barrié. A impericia e desleixo do galeguismo da cultura oficial vén ocasionando que non haxa obras completas nin de Cunqueiro, ni de Rosalía, ni de Otero Pedrayo, nin de Castelao, cadansúa en edición crítica. Hainas de Pondal porque as forzas conxugadas de Manuel Ferreiro e Sotelo Blanco fixeron o esforzo e reusíron na empresa. O caso é que, agora, as Opera Omnia de Manuel Antonio áchanse á man para instrucción e exemplo da mocedade.

Dicimos que o concello de Rianxo (moi directamente o alcalde) ordenou de pór un padrón na maior das Malveiras, que é un illote con vexetación e fauna que hai a Norte de Cortegada, no mar de Arousa. En 1935, os bos e xenerosos de Vilagarcía quixeron erguerlle a Manuel Antonio un monumento na Malveira Grande. Primeiro a dereita republicana e despois o fascismo descuberto pexaron e frustraron o proxecto. Agora, ao fin, instálase o padrón e este foi traballado en granito da Barbanza por Che Golias, de Asados. Leva o chanto dúas datas, o nome do máis alto poeta do século XX e dous topónimos: 1935-2015, Manuel Antonio, Vilagarcía-Rianxo.

E aló fomos nun vapor daquel Rianxo do que fora señor Paio Gómez Chariño. "As flores do meu amigo/ briosas van no navío"- que cantara o trobador almirante. O noso barco fixo a travesía da Ribeira de Rianxo á Malveira Grande notando nas súas cabernas a forza misteriosa da Grande Maré Viva que coincidiu co Eclípse. Signos, ambos, de grande mudanze nos gobernos deste Terra. Logo cantáronlle a Manuel Antonio os poetas vivos: Ana Romaní, Cesáreo Sánchez Iglesias, Manuel Rivas, Marta Dacosta, Anxo Angueira, Gonzalo Hermo, F. Lavandeira. A. Nerium. Chegou tarde o poema enviado desde o frenopático de Charenton, Francia, polo fillo adoptivo de Rianxo Heriberto Bens. Reproducimos esta cantiga, errática nos ritmos e alouleada na rima.

OFRENDA DAS LETRAS E DAS

ARTES NAVAIS AO PRECURSOR MANUEL ANTONIO

Pois que te fuches, Manuel Antonio,na tarde cóncava, sen seres nosoofrecerache Lugrís cáncaros,a lura torva e unha gavota.Novoneyra na súa arcatén pre che dare galochas novas.Pailebote de amura brancapuxo Avilés nunha redoma.Belisco roxo do seu cabelotriscou xentil Xohana Torres.Su do pradairo Manuel Maríaredemoumea pregos a xorro.Descontra Sálvora paira o mascato,os de Brais Pinto van pola sombrae en Cabo d´Home romelan ollos.Mételle Álvaro a De Catro a Catroun astrolabio de esferas cósmicas,Xosé Lodeiro tinguirá ao fintodan esta ofrenda de carmesín.

HERIBERTO BENS (c. 1968)

Sobre a Reconquista de Vigo

  • "Querido Ferrín, noutro tempo non pasaba o día sen que ti, no FARO DE VIGO, constante como eses cucos que supoño que están xa chegando, adoutrinases contra o Día da Reconquista da vila de Vigo aos invasores franceses. Estes anos pasados estás moi calado. É que te pasaches ao bando absolutista de Cachamuíña? Teu decote,CARLOS NÓVOA GILVigo-OurenseDiante de nada quero decer que Cachamuíña foi un de tantos patriotas equivocados. Segundo teño entendido, foi maltratado por o felón rei Fernando VII e marxinado ou represaliado na carreira militar. Terminou a vida, en exilio interior, na súa casa de Cachamuíña, gañando algúns poucos pesos como administrador de terras alleas. O problema (un dos problemas) de Vigo é o dos viguistas. Javier de Burgos, escritor e político liberal de Motril, estivo ao servizo do bon rei Xosé Bonaparte, en cuxa sepultura dos Invalides de París eu teño depositado moita flor. No reinado de Xosé I, Javier tiña boi información en conforme a vila e gornición de Vigo era xacobina e estaba en favor do novo rexime tricolor. Daquela Burgos influiría para que, na división de Bonaparte, Vigo fose a capital do departamento que levaba o nome (non lembro exactamente) de Baixo Miño. Esta primeira división de España contra os reinos e señoríos, non se puido implantar porque o rei Xosé tivo que facer a equipaxe e fuxir,. Morrería nos Estados Unidos. Pero Javier de Burgos conseguiu unha nova oportunidade. En 1833, este bon liberal e xacobín de Robespierre tivo ocasión de debuxar unha nova administración centralista de España, que substituiu, co mesmo espírito, á de Xosé Bonaparte. Na nova división en provincias, o lapis de Burgos pintou no mapa unha provincia no suleste daquel reino de Galicia que el e os xacobíns todos trataban de borrar do mundo. A esta provincia non lle foi asignada capital en Tui, nin tampouco en Vigo. Para Javier de Burgos, e para os seus informantes francmasónicos, Vigo non era xa de fiar. E non o era porque na "xesta da Reconquista" que aínda celebra hoxe a cidade, o pobo e moitos principais combateran as autoridades bonapartistas e apoiaran o rei felón contra o rei ilustrado Xosé. Os vigueses, para Burgos, alineáranse cos curas e frades, e coa nobreza reaccionaria, contra as luces, contra o estado laico e contra a instrucción pública e maila ciencia. Daquela, Javier de Burgos influiría de forma decisiva para que a nova provincia tivese a súa capital en Pontevedra, que non se destacara tanto na francesada, e non en Vigo. Polo tanto, e se iso foi así, habería que pensar que os viguistas actuais fan moi mal en louvar a memoria dos que combateron a Bonaparte e ás Luces porque eles foron culpabeis de que a cidade na que agora escribo perdese a capitalidade da provincia debida ao arbitrio de Javier de Burgos.Para min, se os viguistas ou viguesistas mo permiten, os frades de San Francisco, o tenente Almeida (seguramente axente especial inglés), o chamado Tenreiro, o crego de Valadares e Couto, Pablo Morillo (oficial sen honor) non representan senón o inicio en Vigo do reaccionarismo español que ennegreceu os séculos XIX e XX de España para chegar, Franco mediante, até nosoutros agora. Cachamuíña sería exemplo dos liberais que equivocaron o bando e a causa, e Carolo parece que nin sequera existiu.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87. Aptdo. Correos 91. VIGO

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents