NO FONDO DOS ESPELLOS
Represión franquista no Instituto de Vigo (3)
Relación de profesores represaliados (continuación)
X.L. MÉNDEZ FERRÍN
MASIDE GARCÍA, CARLOS. Como é sabido, Carlos Maside é un dos principais pintores galegos do século XX. Colaborador de El Pueblo Gallego da rúa das Tres Portiñas (Vigo) con debuxos satírico-políticos, foi unha persoa de ideas marxistas e galeguistas, sen que se coñeza a súa concreta militancia partidaria. Conseguiu a cadeira de Debuxo do Instituto de Noia, onde foi compañeiro de claustro de López Niño e de Álvaro das Casas. Ao liquidaren os Institutos Locais, adscribiron inicialmente a Maside ao de Vigo. Sometido en 1937 a expediente de depuración, acusárono, por escrito e con inquina, o profesor de Artes e Oficios de Santiago González del Blanco, pintor coma o investigado, aínda que máis ben ruín, e o crego de Santiago de Vigo Argimiro Martínez Vázquez, que por veces é confundido con Emilio Álvarez "Reisiño". Foi destituído en 1939 e nunca recuperou a cadeira. O artista, nembargantes, seguiu unido a Vigo.
PRIETO CAMIÑA, MODESTO. Profesor de Debuxo do Instituto do Vigo. Considerado azañista, foi apartado definitivamente en 1937.
TOLEDANO CAÑAMAQUE, JERÓNIMO. Ao parecer foi director e secretario do Instituto de Vigo. Dis que, desempeñando este segundo cargo, viviu no mesmo edificio que albergaba o centro oficial, que era o colexio Bela Vista, que fora expropiado aos Xesuítas. Estaba casado con María Concepción del Valle-Inclán Blanco, filla do escritor. Non sei se ela non sería a persoa que eu coñecín, moito máis tarde, en París, casada co intelectual arxentino Daniel Devoto. Na familia era chamada Mariquiñas. É tradición arraizada presentar a Valle-Inclán, no Vigo republicano, pasando tempadas co matrimoño e polo tanto aloxado en Bela Vista. Toledano era catedrático de Lingua e Literatura e moi do Círculo do Centro de Estudios Históricos. Republicano de esquerda, foi preso no Lazareto de San Simón. En 1937 é destituído e causa baixa no escalafón. Morreu en Madrid. Jerónimo Toledano Cañamaque é autor de algúns libros sobre literatura castelá. Tivo relevancia no Vigo político e intelectual da II República.
TRABAZO SERAPIO, VIRGILIO. Foi catedrático de Agricultura do Instituto de Vigo. Natural de Meaño, tivo moita relación con Pontevedra e, en especial, con Bibiano Fernández Ossorio-Tafall, figura moi importante da ORGA e despois de Izquierda Republicana. En 1936, e sentíndose ameazado, Trabazo escolleu a clandestinidade e exiliouse en Bos Aires. En 1953 solicitou a súa reposición e acolleuse ao "Juzgado Central de Revisiones". Filgueira Valverde, que formaba parte das "Comisiones Depuradoras" de ensino primario e secundario, integraba ao tempo, a delegación provincial de Pontevedra do tal "Juzgado Central de Revisiones". Filgueira informou favorabelmente a solicitude de Trabazo, que regresou do exilio para ser nomeado catedrático de Ciencias Naturais, ao desaparecer a asignatura de Agricultura, no Instituto de Vigo que xa levaba o nome de "Santa Irene". Alí, Virgilio Trabazo explicou a materia que lle fora adxudicada até a súa xubilación.
VIDAL DE BUSTAMANTE, ENRIQUE. Mestre nacional, as súas orixes familiares están en Ourense e en Valladolid. Asentado en Vigo, foi destinado á escola preparatoria do Instituto desta cidade, segundo as nosas noticias. Formou parte dunha elite de mestres de ideas progresistas que se fixo notar en Vigo e no seu hinterland nos anos da II República. Pertenceu, politicamente, a Izquierda Republicana e, no plano sindical, á FETE-UGT. Foi, pois, compañeiro, de Víctor Fraíz (fusilado), de Antonio Soto, de Xosé Cribeiro, de Luís Soto, de Concha Vázquez Nespereira Foi preso en 1936 e procesado polo delito de "auxilio a la rebelión". En 1940 a "Comisión de Depuración" de Pontevedra, sección de Maxisterio, destituiuno do seu posto. Reingresou ao ensino en 1958. Un seu irmán, José foi xornalista de El Pueblo Gallego e funcionario de secretaría do Instituto "Santa Irene".
****
Algo do espírito aberto e renovador do vello Instituto de Vigo pernaneu no novo, que recibiu o nome de "Santa Irene" a partir da inauguración do edificio das Travesas. Este, impulsado desde o concello por un dos catedráticos represaliados que lograron permanecer, así como polo mesmo alcalde da cidade, Suárez-Llanos, abriu as súas aulas en 1946 e, por algunha causa misteriosa, ao longo dos anos foi poboándose de profesores e profesoras que, se cadra sen o saberen, foron continuadores da pedagoxía e do ánimo científico e racional dos represaliados. Falouse, así, dun "espírito de Santa Irene", en termos metade festivos metade serios, que prevalece nos nosos días. A fábrica e edificio de "Santa Irene" forma parte dun Vigo que, mesmo á marxe da oficialidade, pegou un considerábel salto avante nos anos da II Guerra Mundial, e algúns despois. A pesar dos centos de mortos violentamente polo franquismo, das depuracións insoportabeis de funcionarios de todos os corpos das administracións públicas, dos presos, Vigo, cidade que estaba pagando con dor e con sangue o seu apoio masivo ao Frente Popular de 1936, crecía sen ceder nunca o seu carácter propio.
Do "Santa Irene" desprendeuse o seu irmán, hoxe chamado "San Tomé de Freixeiro", e logo foron creándose outros institutos. Pero na raíz, na orixe, compre sentir aquela presenza republicana que se reflicte nos nomes que citamos por orde alfabética.
CAIXA POSTAL. En procura dos mortos
- "Señor Méndez Ferrín, Anda polos papeis estes días moita presenza informativa sobre as escavacións que se fan en Madrid para recuperar os restos do corpo de Miguel de Cervantes, cousa que xa tu tes tratado nos teus fluxos xornalísticos. Acabo de ser sabedor de que, en Granada, tamén hai un equipo que trata de achar o que quede de Federico García Lorca. Que pensas tu deste súpeto frenesí mortuorio?"Xuxo das Figueiras"Penso que a posesión e mostración de sartegos con restos de persoas importantes ou de reliquias parciais delas para seren veneradas é cousa de vello. Imaxino que a Igrexa Católica aínda segue sendo celosa de reliquias, a xulgar polo interese que amosa polas de Santiago, aínda que a situación da cova deste apóstolo en Compostela carece de verosemellanza científica. Por outra banda, advértese que, en Xerusalén, onde si que foi decapitado o Bonaerges, hai unha rúa de Santiago e, nela, un templo (ou mesmo catedral) da Igrexa Armenia dentro da cal se ofrece á veneración un sepulcro de Santiago Apóstolo xémeo do de Compostela. Iso é o que nos conta Miguel Anxo Murado, o noso meirande coñecedor da realidade palestiniana. Non é o mesmo o negocio medieval, e actual, das reliquias, que sigue a enriquecer a Igrexa Católica e as orientais, que o asunto do xacigo de Cervantes e o mal lugar onde sepultaron coma un can a Federico García Lorca. "Hai mortos de primeira e mortos de segunda/ e mortos que non teñen onde cairse mortos" que versificara o Celso Emilio sarcástico. Cervantes é o escritor sagrado do nacionalismo español que os nacionalistas españois apenas len. Procúrase achar os seus ósos para lle facer un túmulo nacional, porque na España cañí hai cen prazas e rúas de Cervantes pero os poderes políticos, do século XVII a hoxe, perdéronlle o rastro ao que quede do seu cadáver. Outra cousa, e ben distinta, son os restos de Lorca. Asasinado mediante o procedemento do paseo polo fascismo español, os seus despoxos non teñen sido real e científicamente procurados. Témese que, se eles aparecen, o monumento funerario do altísimo poeta, universalmente querido e aprezado, se convirta nun centro simbólico do antifascismo español e internacional? Non sei se irei visitar a cova de Cervantes, se os seus despoxos chegan a ser identificados, aínda que a miña admiración por este autor sexa moita. Pero é ben certo que correría ao sartego de García Lorca para depositar na súa lauda un mollo de camelias brancas, porque el usou desta flor para facer metáfora do sol entebrecido de Compostela e porque o crime foi en Granada. Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87. Aptdo. Correos 91. VIGO
Suscríbete para seguir leyendo
- Fallece en plena calle de un infarto en Oviedo después de que la ambulancia que iba a socorrerle se accidentase
- Los tres trucos de los economistas para ahorrar en el Mercadona: 'Se ahorra un montón de dinero
- Una familia de cinco generaciones en Aldán
- Taller de Marcha Nórdica
- Douvikas se autodescarta del partido de Copa tras plantear su salida de Celta
- Detenido por conducción temeraria tras darse a la fuga
- Pandilleros de una banda latina apuñalan y disparan por error a un joven trabajador de 20 años
- Chenoa, muy feliz y emocionada, anuncia que amplía la familia