A gran semana do Albariño está de volta
A Festa do Albariño encherá a vila de viño, música, tradición e actividades para todas as idades do 28 de xullo ao 2 de agosto

Asistentes á Festa do Albariño na edición pasada. | NOE PARGA
O Albariño forma parte da identidade de Cambados, que cada verán celebra o produto que a converteu nun referente dentro e fóra de Galicia. Declarada Festa de Interese Turístico Internacional, a cita chega á súa 74ª edición e volverá reunir veciñanza e visitantes arredor do viño, da gastronomía e da cultura.
A programación comezará o martes 28 de xullo con propostas para todas as idades. Pola mañá, a praza do Concello acollerá xogos tradicionais, mentres que ás 20.00 horas a escalinata de San Tomé será o escenario do espectáculo familiar do Circo Isla Letriska. A música chegará ás 21.00 horas á praza de Alfredo Brañas con The Velvet Crab, antes do pasarrúas da charanga Alambique e dunha sesión DJ organizada polos hostaleiros da zona.
O mércores 29 terá lugar a apertura oficial da festa. A xornada comezará cunha alborada do grupo de gaitas Boudebou e, ás 13.00 horas, Flako Estévez será o encargado de pronunciar o pregón na praza do Concello. Media hora máis tarde abrirán as casetas de degustación de viño no paseo da Calzada, onde se poderán probar distintas elaboracións.
Pola tarde, a batukada Olodum do Coio percorrerá as rúas e o Mago Noel actuará na praza do Concello. Law e De Ninghures subirán ao escenario da praza de Fefiñáns ás 22.00 horas, mentres que a orquestra Suavecito animará a verbena na praza do Concello a partir das 23.00 horas.
A vertente enolóxica gañará protagonismo o xoves 30. O Parador de Cambados acollerá ás 10.00 horas a Cata Prima e, ás 12.30 horas, inaugurarase o Túnel do Viño no Salón de Congresos e Exposicións José Peña. A iniciativa, organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, permitirá coñecer e degustar unha ampla representación de viños por un prezo de 25 euros por persoa. Pola noite actuarán Alana, Amoebo e Mondra, que actuarán ás 22.00 horas na praza de Fefiñáns. O grupo América de Vigo completará a xornada cun concerto ás 23.30 horas na praza do Concello.
O venres 31 celebrarase a Cata Derradeira no Parador e o Túnel Profesional do Viño volverá abrir en horario de mañá e tarde. A partir das 16.00 horas, o paseo de San Tomé acollerá Nortada Electrónica e, xa pola noite, a praza de Fefiñáns recibirá a La Pantera, Luar la L e Roa. A programación continuará na praza do Concello co grupo Alkar e os DJs Mavdba e Paco Vulkano.
O sábado 1 de agosto, o Túnel Profesional do Viño volverá abrir pola mañá. Pola tarde regresará Nortada Electrónica ao paseo de San Tomé e Olodum do Coio volverá poñer ritmo ás rúas. Agoraphobia, Cora Yako e Rufus T Firefly actuarán na praza de Fefiñáns a partir das 22.00 horas, mentres que a praza do Concello acollerá as sesións dos DJs Matrek e JJ Compota. A oferta completarase coa sesión promovida polos hostaleiros da praza de Alfredo Brañas.
Tradición para despedir a festa
O domingo 2 de agosto, Cambados recuperará algúns dos actos máis arraigados da Festa do Albariño. Ás 13.00 horas partirá o desfile das asociacións culturais e dos grupos folclóricos do municipio. Media hora despois, o Pazo de Fefiñáns acollerá o Acto de Investidura de Damas e Cabaleiros do Albariño, organizado polo Capítulo Serenísimo. Entregaranse tamén as distincións de Xóvenes Albariñenses, Albariñenses de Honra e Follas de Prata. Ás 14.30 horas celebrarase na Sociedade Cultural o tradicional Xantar do Albariño. Durante o encontro abrirase ante notario o sobre cos nomes dos viños premiados nesta 74ª edición. A festa despedirase coa Banda de Música de Castrelo actuará na praza de Fefiñáns e a orquestra D’Noche animará a verbena na praza do Concello. Á medianoite, o peirao de Cambados acollerá o Espectáculo Pirotécnico do Albariño, encargado de pechar cinco días nos que toda a vila volverá brindar polo seu viño.
- «Premios» contra el absentismo: la industria gallega pacta pluses de 2 euros al día o 700 al año por no faltar al trabajo
- Rescatan a un niño de 5 años que se estaba ahogando en una piscina del balneario de Mondariz
- Vecinos de Ons paralizan los primeros desembarcos del día en protesta por no poder celebrar su fiesta
- Estabilizado el incendio en Moaña junto a la Autovía do Morrazo, en cuya extinción participan dos avionetas, un helicóptero y numerosos medios terrestres
- Cangas multará de forma directa y sin actuar subsidiariamente a los propietarios de fincas sin limpiar que sean reincidentes
- Paco y Carmen, el matrimonio centenario de Nigrán que murió en unos días
- De una valla de ocho metros al «sí, quiero»: Patricia y Rubén ya son marido y mujer
- Tres centenarios al mes pasan por los quirófanos del Chuvi, nueve veces más que hace una década