Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Lacón, protagonista das Festas de Verán de Silleda

A XXVI edición da cita gastronómica volverá reunir este venres pola noite a milleiros de persoas no marco das Festas de Verán 2026 da capital de Trasdeza

Ambiente festivo nunha edición pasada da Festa do Lacón de Silleda. | BERNABÉ

Ambiente festivo nunha edición pasada da Festa do Lacón de Silleda. | BERNABÉ

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Cada mes de xullo, Silleda volve demostrar que a gastronomía é tamén cultura, identidade e un punto de encontro. Así o reflicte a Festa do Lacón, que alcanza este ano a súa vixésimo sexta edición consolidada xa desde hai anos como unha das citas gastronómicas máis destacadas da comarca de Deza.

Integrada na programación das Festas de Verán de Silleda 2026, que se celebrarán entre os días 9 e 12 de xullo, a Festa do Lacón converte a este tradicional prato no gran protagonista dunha celebración que cada ano reúne a milleiros de veciños, veciñas e visitantes arredor da mesa.

O venres 10 de xullo será a xornada central desta cita gastronómica. Tras unha mañá na que as rúas da vila estarán animadas polas actuacións do grupo de gaitas Aires do Trasdeza, o Grupo de Acordeóns da Escola de Música de Silleda, a charanga Os Atrevidos e a degustación de produtos do lacón, chegará o momento máis esperado da programación.

Ás 22.00 horas celebrarase a XXVI Festa do Lacón, amenizada polo Mariachi Sol de Galicia, nun ambiente pensado para compartir gastronomía, música e convivencia, convertendo a Praza Siñor Afranio no auténtico corazón da festa.

O lacón ocupa un lugar privilexiado na tradición culinaria galega e, en Silleda, converteuse nun símbolo da riqueza gastronómica do municipio. A través desta celebración, o Concello aposta por poñer en valor os produtos da terra, promovendo ao mesmo tempo o consumo de proximidade e a difusión do patrimonio gastronómico local.

A Festa do Lacón naceu co obxectivo de destacar un dos produtos máis representativos da cociña galega e, co paso dos anos, evolucionou ata converterse nun evento que vai moito máis alá da degustación gastronómica.

Nesta edición, a Festa do Lacón incorpora tamén unha emotiva homenaxe á creatividade local a través do cartel anunciador, unha obra dedicada ao artista silledense Koki. Un recoñecemento que pon en valor o talento do municipio e reforza o vínculo entre a celebración e a identidade cultural de Silleda, convertendo a imaxe desta XXVI edición nun símbolo da memoria, da tradición e do orgullo de pertenza.

A programación das festas completa esta oferta cun cartel pensado para todos os públicos.

O xoves, o tradicional chupinazo marcará o inicio das celebracións, seguido da actuación de Supermirafiori e dunha gran verbena coa orquestra París de Noia, ademais das sesións de DJ Carlos López e DJ Bacardi.

O sábado estará reservado para a música en directo coa Espetada Musical, antes dunha verbena protagonizada polo Grupo Área 33, a Orquestra La Misión e DJ Marcos Kintana.

Xa o domingo, a programación combinará tradición e ambiente familiar con pasarrúas, misa cantada, actividades infantís, o concerto das bandas de música de Silleda e Bandeira e unha última verbena coa Orquestra Marbella, que precederá á tradicional tirada de fogos artificiais.

Cita imprescindible

Co paso dos anos, as festas patronais de Silleda convertéronse nun dos grandes encontros do verán en Trasdeza. A combinación de tradición, cultura popular, música e gastronomía fai desta celebración unha proposta atractiva tanto para a veciñanza como para os visitantes que cada ano escollen a vila para gozar do ambiente festivo.

A Festa do Lacón, pola súa capacidade para promocionar un produto de excelencia e reunir arredor da mesa a persoas de todas as idades, representa á perfección o espírito dunha celebración que mantén vivas as súas raíces sen renunciar a ofrecer unha programación moderna, variada e participativa.

Tracking Pixel Contents