Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Hai moitos desafíos no rural, pero hai xente que aínda aposta por el»

Candidato aos Mestre Mateo, Vigo acolleu a presentación do documental que rescata as revoltas coñecidas como «As Movidas» da Fonsagrada

Parte do equipo do documental «360 curvas», onte en Vigo, na presentación celebrada no Cine Teatro Salesianos. | JOSE LORES

Parte do equipo do documental «360 curvas», onte en Vigo, na presentación celebrada no Cine Teatro Salesianos. | JOSE LORES

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Con presenza de parte do equipo, Vigo acolleu onte no Cine Teatro Salesianos a presentación do documental «360 curvas», un traballo dirixido por Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández e candidato aos Premios Mestre Mateo. Alejandro Gándara aborda como foi o proceso desta peza audiovisual que rescata as revoltas coñecidas como «As Movidas» da Fonsagrada e que conlevaron concentracións, peches e incluso unha gran mobilización en 50 autobuses até Santiago para acabar ante a sede da Xunta.

Como naceu o proxecto deste documental?

O proxecto naceu despois da pandemia e a idea inicial partiu de Adrián Méndez, que é da Fonsagrada e un dos protagonistas do documental, e de Manu Lucas, que é o seu amigo e é o director de fotografía da película, a raíz de que Adrián atopou unhas imaxes de Manuel Fernández, un fotógrafo da zona que recollía a historia do concello e estivo implicado nas protestas coñecidas como «As Movidas», documentando as protestas no Concello e tamén unha manifestación multitudinaria a Santiago de 4.000 persoas. Eles atoparon este material e alucinamos porque son unhas imaxes chulísimas, á parte de rexistrar un contexto que xa por si só permite contar a historia das Movidas, son tamén imaxes que están moi ben gravadas, moi próximas, notamos que as fixo un veciño por como a xente interactúa coa cámara, por esa naturalidade que se ve, e foi cando pensamos que era unha historia que non se coñecía e que tiñamos que facer algo con ese material tan chulo.

Este é un episodio que dá comezo contra o abandono do rural a raíz da comarcalización.

Si. Xa existía un malestar previo de moitos anos, porque a veciñanza consideraba que existía un abandono institucional, primeiro por parte do Goberno central, pero despois por parte da Xunta cando se crea. Por extensión é o máis grande de Galicia e, por poboación, a principios do século XX, tiña case tantos habitantes coma Vigo, por ter unha referencia. Hoxe en día hai unhas 4.000 persoas vivindo no concello e este sentimento de estar constantemente perdendo poboación, servizos e non conseguir o que noutros sitios si se conseguía, sumouse ao feito de que se enteran de que a Xunta estaba tramitando no Parlamento un proxecto de lei de comarcalización na primeira lexistatura de Fraga, cando daquela aínda non estaban creadas, e aínda que se pensaba que as comarcas ían ter un peso administrativo e un orzamento, de súpeto atopáronse cunha restruturación do servizos agrarios, a oficina de extensión agraria de alí pecharíase, e o servizo de extinción de incendios que se ía crear noutras zonas, alí non. Foi a gota que colmou o vaso, porque realmente fora un sitio tan importante no seu día e despois estaba a cuestión da extensión agraria: nunha zona eminentemente agraria e con moita extensión forestal, que se suprimira aquela oficina foi como que lles dixeran á cara que ían desaparecer. De feito, había unha pintada da época que dicía: «Extinción agraria, extensión de incendios».

Sobre a toma de decisións sobre o rural sen contar co rural, é algo que non mudou co paso do tempo.

Si, totalmente. A película comeza percorrendo as 360 curvas en autobuses para demandar na Xunta que os recibiran, o cal non conseguiron, e isto simbolicamente xa di moito da situación na que se atopaba e atopa o rural. E vémolo en cuestións coma os eólicos ou Altri, decisións que veñen de arriba e que custan parar dende abaixo, e que ao final tivo que vir o Goberno central a frear, no caso de Altri.

Malia todo ofreceron resistencia e, dalgún xeito, seguen facéndoo. O documental dialoga co presente, que paralelismos se atopan con respecto á actualidade?

Nos anos 90 era un momento no que había moita xente nova, aínda que xa marchara moita, pero quedaba xente con ganas de vivir alí, con expectativa de poder facer proxectos alí e por iso foi posible levar a cabo unha organización moito máis potente que da que se podería facer agora, porque a poboación é máis avellentada e queda moita menos. Aínda así, algo que me gusta destacar é que unha das cousas que se conseguiu foi esa transmisión interxeracional e espírito reivindicativo, e hoxe a xente nova aínda que moita non vive alí porque non hai oportunidades laborais, volven sempre as fins de semana e intentan organizar outro tipo de «Movidas», neste caso culturais, como pode ser a Foliada da Fonsagrada que impulsa o propio Adrián, e que dalgunha maneira tamén son políticas. Isto é o que amosamos do presente no documental, porque aínda que hai moitas incertezas, desafíos e problemas no rural, hai xente que aínda aposta por facer cousas alí e teñen ese sentimento de pertenza.

Durante o proceso de elaboración do documental, que foi o que máis lle sorprendeu daqueles episodios?

Máis alá das imaxes de arquivo, que me gustaron moitísimo, a decisión definitiva de facer o documental foi cando visitei por primeira vez a aldea de Adrián, onde coñecín aos pais del, que viven en Bilbao, e coñecer a esta familia e as súas idas e voltas, esas dinámicas que se crean, a cuestión da identidade un pouco partida, pareceume que era unha boa oportunidade de, a través dunha familia, poder abordar moitísimas cuestións que afectan ao rural.

Tracking Pixel Contents