Xabarín.gal prepara un verán cheo de estreas destinada aos máis cativos

A plataforma dixital de contidos da CRTVG reforza a súa oferta cunha chea de series, cine e clásicos renovados

REDACCIÓN

Santiago

Xabarín.gal, a plataforma dixital de contidos da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) destinada aos máis cativos, reforza a súa oferta infantil cunha programación renovada, educativa e chea de diversión. Faíno cargado de estreas, clásicos actualizados e contidos especiais durante toda a tempada estival.

Un dos grandes atractivos é a chegada, por primeira vez en galego, da serie de animación As aventuras de Paddington, xa dispoñible, protagonizada polo entrañable osiño que vive en Londres. Tamén se incorpora á plataforma Citizen code, unha proposta divulgativa, que se poderá desfrutar desde mañá, que introduce aos rapaces na cultura dixital, ofrecendo ferramentas para entender e navegar con seguridade na informática.

O cinema tamén terá un protagonismo especial en Xabarín.gal, con títulos destacados como A tartaruga vermella (27 de xuño), Coppelia (4 de xullo), O neno e o mundo (18 de xullo) e a película infantil galega A casa da luz (25 de xullo), que se estrearán ao longo dos meses de xuño e xullo. Tampouco faltarán os clásicos favoritos do público infantil. Doraemon e Shin Chan regresan con novos episodios desde este mes, e tamén volve ás pantallas galegas Pipi Mediaslongas, coas súas aventuras inconfundibles. A plataforma continuará ampliando as súas producións máis recentes, como Can cheirento (1 de xullo), A patrulla canina (8 de xullo) ou Os Bolechas: historia de Galicia (25 de xullo), que estrearán novos capítulos durante o verán.

Entre os contidos máis destacados cómpre salientar a estrea dunha sección especial o 24 de xullo dedicada aos 40 anos de programación infantil na Televisión de Galicia (TVG). Ademais, ao longo de agosto, seguirán chegando novidades como a serie Angus & Cheryl (14 de agosto), máis capítulos de Boom e Reds (8 de agosto) e novos contidos de Chupóns (22 de agosto).

Tracking Pixel Contents