Play-Doc conecta Galicia, Canarias e Nepal

A curta da viguesa Nuria Vil «Delincuente» sobre a ladroa La Maradona, do Vigo dos anos 80 chega hoxe, entre outras obras, ao Play-Doc de Tui. Mañá, domingo, o proxector amosará os últimos traballos de Carla Andrade ou Helena Girón & Samuel Delgado máis a aposta especial de Nela Fraga.

Fotograma da curtametraxe «Exposed» de Nela Fraga que se verá mañá domingo. |  Nela Fraga

Fotograma da curtametraxe «Exposed» de Nela Fraga que se verá mañá domingo. | Nela Fraga

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

No 2021, a galega Helena Girón e o canario Samuel M. Delgado levaban a súa longametraxe «Eles transportan a morte» ata o festival de Venecia. Desde entón, crearon as curtas «Bloom», «Hespérides» e agora «Un dragón de cien cabezas».

Esta última vaise proxectar o domingo no Play-Doc de Tui. O punto de partida é a lenda do Xardín das Hespérides onde crecía unha froita dourada cargada coa inmortalidade. Os autores reflexionan sobre ela en conexión con outra: a doenza grave nalguén que amamos.

Porén, o xiro na narrativa lévaos de novo a Canarias –onde rodaran principalmente «Eles transportan a morte»– que defenden como a prolongación do xardín das Hespérides. Frente a esa marabilla, subliñan a chegada dos españois ás illas e como conquistaron o terreo coa implantación do monocultivo do plátano.

Isto lévaos a convidar aos espectadores a pensar na ecoloxía e no expolio da Terra. A través da biosonificación, ofrecerannos a posibilidade de escoitar os impulsos eléctricos das plantas.

Entre Nepal e Chile

Pola súa parte, Carla Andrade presenta «Nayan». O título provén dunha canción que compuxo Sandeep, quen fora a súa parella e protagonista da curta.

Sinala Andrade que o título significa ollo e que serve para «cuestionar como ollamos nós, en especial dende o cinema occidental outras culturas». Esta reflexión sobre o eurocentrismo está patente na obra.

Engade a cineasta que está «interesada en como se constrúen as imaxes do ‘outro’» e isto sérvelle para pensar en que poderiamos dispor de formas «máis conscientes e éticas de relacionarnos» con iso.

No filme, amosa imaxes gravadas en Nepal e Chile. A través delas, cuestiona a súa propia mirada sobre a súa exparella e o lugar de onde procedía. «A película intenta compartir unha experiencia subxetiva e contraditoria», apunta para recoñecer que «non podemos mostrar o outro sen sesgos». Para Carla Andrade, aceptar iso en troques de aparentar neutralidade supón «un acto político e ético».

Engade a FARO que «a linguaxe do filme é poética e fragmentaria» e iso coincide coa ollada parcial e subxectiva que se presenta. «Emprego tanto formatos dixitais como analóxicos. Interésame o analóxico porque introduce o azar, o erro, o orgánico. Fronte ao desexo de control e perfección, o analóxico permíteme abrazar o incerto e aceptar os límites da linguaxe. A mestura de ambos formatos revela esa tensión constante entre o control e a azar».

Outro traballo que se verá mañá domingo xunto aos dous anteriores será «Exposed», de Nela Fraga, realizado en cinema analóxico, no Super8.

«O S8 da Coruña –festival de cinema experimental– converteuse na miña casa. Eu non tivera contacto previo co cinema experimental. Eu veño da poesía; fixen Filoloxía. Sempre traballaba coas palabras pero cando cheguei ao S8 vin unha película experimental de cinema abstracto que me deu totalmente a volta. Impactoume e quedei capturada», explica Fraga.

Pouco a pouco nutriu a súa retina con imaxes que acabarían inspirándoa para crear. «Hai pouco, no 2022, sentín a urxencia de crear en cinema. Como dicía Pizarnik ‘todo lo que tienes en el corazón debe ser manifestado antes de que sea tarde’», engade a cineasta.

Asegura que o Super8 «activa que a obra é un rexistro da memoria». No seu caso, filmou a xente do seu entorno en ríos, no mar, na piscina, no interior de vivendas como retratando unha conexión coas vivencias que tivera de nena ao tempo que deixa unha pegada do vivido agora para o futuro.

«Cando me puxen a filmar houbo unha falla masiva nas películas de Kodak e o mecanismo de arrastre da película viña defectuoso. Eu grababa pero non sabía se película se estaba expoñendo. Esta non é unha película dirixida senón un rexistro de imaxes de familiares e amigos. Perdín algunhas tomas valiosas. Foi lindo e doroso ao mesmo tempo. Soñaba coa palabra exposed que apare na película», explica.

Fraga recoñece que a súa obra presenta tamén moita poética audiovisual. «Para min, trátase de capturar a poesía que temos ao noso redor», sentencia.

Tracking Pixel Contents