Desenvolver o potencial turístico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coa creación dunha ruta fluvial mellorando a navegabilidade do río Miño e a conectividade nesta zona, ao mesmo tempo que suma un novo reclamo para os turistas xunto co Camiño de Santiago, é obxectivo do proxecto “Río Miño, un destino navegable” que foi presentando na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid

O proxecto conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros que se financiará con Fondos Feder no marco do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) e está promovido polos concellos galegos de Salvaterra do Miño e Tui cos portugueses de Monçao e Valença.

Entre as iniciativas que se van poñer en marcha destacan as accións para mellorar a navegabilidade do río Miño ao longo de 16 quilómetros, entre a ponte internacional de Valença-Tui e a ponte internacional de Monçao-Salvaterra, así como a modernización dos embarcadoiros, a sinalización do río no canle navegable, a dotación dunha embarcación turística e de educación ambiental ou as actividades de promoción e consolidación da marca Visit Río Miño.

A intervención ofrece un plus ao atractivo turístico do Camiño Portugués, a segunda ruta máis transitada o ano pasado ao concentrar case a cuarta parte dos peregrinos que selaron a Compostela, con máis de 40.000 certificacións.

Trátase dun exemplo máis da cooperación entre Galicia e o norte de Portugal que conseguiu captar a través do Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) da Eurorrexión ata 163 millóns de euros para a posta en marcha de 85 proxectos, polo que co obxectivo de continuar nesta liña xa se aprobou en xullo do ano pasado o novo PIC para o período 2021-2027.

Á presentación acudiron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, e o alcalde de Tui, Enrique Cabeleiro; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e os delegados territoriais da Xunta en Pontevedra e Vigo, Luis López e Marta Fernández Tapias, respectivamente.