Non puido ser o Día de Reis pero será mañá domingo, cando a música de rondallas volva soar nas rúas de Gondomar. A localidade celebra ao longo de toda a xornada o XXXIX Certame de Rondallas de Reis.

“Coas máximas garantías e control desenvolveremos esta nova edición do noso certame máis histórico e querido, do que poderemos gozar un ano máis grazas á implicación de todas as agrupacións participantes”, sinala o alcalde, Paco Ferreira,

Ao Nadal do 39, en plena Guerra Civil, súmase o ano 2021, no que, debido a pandemia da COVID-19, foi a segunda ocasión na que as rondallas non desfilaron polas rúas de Gondomar en case un século de historia que ten esta tradición na vila. Mañá farano unha ducia de agrupacións, practicamente toda as que están activas na actualidade na provincia de Pontevedra e que actuaron tamén o pasado domingo no Paseo Marítimo de Vigo. As participantes nesta ocasión serán Santa Eulalia de Atios e Pontellas, de Porriño; Santa Eulalia, Herville e Guizán, de Mos; O Mosteiro de Pexegueiro, en Tui; Valadares, Beade e Helios de Bembrive, de Vigo; Santiago de Parada, de Nigrán, e as rondallas de Vincios e A Merced de Chaín, de Gondomar.

Todas ensaian xa as súas pezas musicais contemporáneas, moitas delas de ritmos pop e rock, máis alá das tradicionais panxoliñas, actualizando o seu repertorio cos arranxos que as propias agrupacións fan sobre as partituras.

Melodías que encherán as rúas de Gondomar ao longo de todo o día, en horario de mañá e de tarde. Así, a primeira agrupación dará comezo ás 10.40 horas e a última ás 17.40 horas. Son actuacións de 20 minutos por rondalla, oito pola mañá, con parón ás 13.20 horas, para logo retomar ás 16.30 horas as catro restantes.

Desfilarán polo percorrido habitual, baixando pola rúa Eduardo Iglesias desde onde accederán á Praza da Paradela para interpretar nela o seu repertorio, e unha vez finalizado baixan por Elduayen.

Sen dúbida, coma sempre, o momento cume é o do saúdo entre rondallas que se asina co cruzamento de bandeiras entre agrupacións que, como marca a tradición, terá lugar na intersección entre as rúas Eduardo Iglesias e Elduayen.

Festa de Interese Turístico

O pasado mes de novembro a corporación municipal aprobou por unanimidade iniciar os trámites ante a Xunta de Galicia para que este certame sexa declarado Festa de Interese Turístico ao ser unha de máis arraigadas e lonxevas tradicións do Nadal en Gondomar, converténdose nun símbolo distinto dos fastos natalicios na localidade.

Ademais vén apoiada pola súa historia que xustifica a antigüidade antigüidade (o máis lonxevo da provincia), arraigamento, valor e continuidade no tempo, ao interromperse só en dúas ocasións. O alcalde, Paco Ferreira, móstrase confiado en que se logrará a Declaración de Festa de Interese Turístico porque “cada ano son miles as persoas que se achegan a Gondomar para presenciar o desfile das rondallas da provincia que, no seu calendario, sempre teñen marcada esta localidade para dar o mellor nas nosas rúas.