“Na vida non hai reto imposible, só un camiño máis ou menos longo para chegar a logralo”

Estas son as verbas do veciño de Gondomar Daniel Fernández cando presentou o seu último reto do ano e que, como era de esperar, superou.

Baixo o lema “Seis cimas, un xoguete” afrontou o pasado domingo este novo reto co que busca incrementar o número de donativos na conta de “Gondoilusión”, campaña promovida polo Concello de Gondomar para garantir que nestas festas haberá xoguetes para os máis pequenos tamén nas familias máis vulnerables.

Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Montaña, Daniel Fernández propúxose cubrir nun prazo aproximado de 17 horas, e así o cumpriu, as seis cimas máis representativas do Val Miñor, Baixo Miño e Vigo, percorrendo unha distancia de 105 quilómetros e 2.500 metros de desnivel.

“Sen dúbida é un reto complicado e que me esixe moito, pero vale a pena se conseguimos sumar e sumar para axudar a quen máis o necesita”, asegura Daniel, que tras apoiar causas como a diabetes, o alzhéimer ou o Síndrome Usher entende “que a pandemia fixo estragos económicos e xera situacións difíciles para moitas familias ás que con moi pouquiño podemos axudar”.

Crónica

“Hai dias que se te quedan gravados na mente e sen dúbida este é un deles por tantas emocións que sentín.

Case 17 horas en soidade, aínda que na distancia sentíavos a todos, lía as vosas mensaxes de ánimo e apoio.

O domingo ás 3:30 comezaba esta aventura desde o Concello. A noite era perfecta sen moito frío e despexada que facía que puideras observar as estrelas. Así chegaba a Monte Castelo e emprendía a baixada e subida a Monte Alba onde nun par de ocasións perdinme un minuto pero retomei a ruta. Agora tocaba o Galiñeiro impoñente, na subida brillaban ollos que enfocaba co meu frontal, ratos, cabalos, algún coello. E conquistaba a cima coas súas impresionantes vistas que fixeron que me quedara un rato abraiado véndoas. Rumbo ao Aloia, vaia subidiña me esperaba, en metade do camiño un par de cans soltos rebeláronseme pero aplicando algunha técnica típica do “encantador de cans” non foi a máis. Chegamos á cima do Aloia xusto ao amencer, impresionante amencer!! E agora quedaban 37 quilómetros ata o Trega. Á altura de Tebra, no monte cruceime con cazadores. Primeiro punto de inflexión, vía o rastro de cartuchos (de metal e plástico) tirados polo monte… ese tipo de contaminación é a que intento eliminar con retos así, tan difícil é collelos e tiralos onde procede?

"Quero dar as gracias a todos polo apoio e animarvos a seguir colaborando con Gondoilusión"

Chego ao Monte Santa Trega e no seu cumio miro fixamente á Groba, a miña última cima pero… que dura se fixo, 25 quilómetros ata ela, dos que 15 eran subida constante e os meus pés arden pero no hai gloria sen sufrimento e conquisto o Alto da Groba e só faltan 12 quilómetros ata Gondomar, o frío encrúase e a baixada moi técnica xa de noite iluminada co frontal, últimas ramplas e a falta dun quilómetro vexo como un coche da policía local sígueme pola estrada, a primeira vez que me sigue a policía, ata que me falan e doume conta de que me escoltan ata a meta, curiosamente ese quilómetro foi o que máis rápido fixen. Y por fin, ás 20:22 cruzo a meta entre aplausos, familia, amigos, alcalde e a concelleira, Telemariñas e algún veciño.

Quero dar as gracias a todos polo apoio e animarvos a seguir colaborando con Gondoilusión”.