Batallas dialécticas na aula

A regueifeira Lupe Blanco impartindo unha das sesións do obradoiro no IES de Soutomaior.

A regueifeira Lupe Blanco impartindo unha das sesións do obradoiro no IES de Soutomaior. / FdV

l. costas

[Soutomaior]

Regueifeiros en potencia é o que son un grupo de estudantes de Soutomaior logo de participar nun obradoiro impartido por Lupe Blanco. A rapazada amosou enxeño e ironía nos versos que crearon

Voltan as actividades

cos mociños de segundo,

sonche moi habilidosos

vanche aprender un mundo.

Para compor as regueifas

hai que ter habilidade,

teñen boa profesora

e moitas ganas de cantare.

Ela évos Lupe Blanco

na regueifa das mellores,

percorre o país enteiro

cos cativos e maiores

Alumnado do IES de Soutomaior participa, canda outros 40 centros educativos da provincia, nun certame de regueifas

Con xeito, facendo as rimas e botándolle moita retranca ás súas coplas. Así foi como comezou a regueifar alumando do IES de Soutomaior. O centro educativo retomou as actividades complementarias cun obradoiro de regueifas do que participaron de xeito voluntario estudantes de dúas clases de 2º de ESO.

A profesora convidada foi Lupe Blanco, unha das grandes regueifeiras galegas, que aprendeu esta modalidade da improvisación oral e cantada na propia casa co seu bisavó, Blanco de Muiñoseco, considerado o «padriño» da regueifa en Bergantiños. Leva anos dinamizando esta rica tradición oral nos medios, en escolas específicas e nos certames que se celebran a todos os niveis.

Os versos constrúense en cuartetas octosilábicas de rima asonante ou consonante.   | // FDV

Os versos constrúense en cuartetas octosilábicas de rima asonante ou consonante. | // FDV / l. costas

O obradoiro organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, grazas a un programa da Asociación Oral de Galicia de Valadares e a Deputación de Pontevedra, dividiuse en dúas partes e del seguro sairá unha boa canteira de artistas do verso e a improvisación oral. E é que estes rapaces do IES de Soutomaior participan no certame de regueifas impulsado pola Deputación con estudantes doutros 40 centros de educación secundaria da provincia, unha decena deles da bisbarra: o IES Ribeira do Louro de Porriño; do Val Miñor os IES Escolas Proval e Val Miñor de Nigrán, o CPI de Cova Terreña de Baiona e o IES Auga da Laxe de Gondomar; do Condado Paradanta o CIFP A Granxa e os institutos do Barral e Pedra da Auga de Ponteareas e do Baixo Miño o Antón Alonso Ríos e o Indalecio Pérez Tizón de Tui.

Logo do obradoiros, rematados todos xa no día de onte, celebrarase a exhibición final o vindeiro 19 de novembro no auditorio do CVC de Valadares en Vigo, na que as equipas dos dez institutos clasificados retaranse dialecticamente para gañar o concurso.

Posta en valor do galego

O obxectivo das sesión formativas é o de traballar co alumnado as capacidades de improvisación a través da metodoloxía para a controversia tradicional en verso, un antecedente de manifestacións musicais actuais como é o rap. Así, trabállanse aspectos relacionados con conceptos poéticos, como son a rima, o ritmo ou a métrica, introducindo a perspectiva respectuosa e igualitaria, pero tamén a ironía e o sentido do humor, así como a tradición e cultura oral galegas.

Segundo explican dende a Deputación, a intención de levar adiante este novo certame é promover actividades para poñer en valor a lingua galega entre a xente moza, potenciando habilidades comunicativas ao tempo que se recupera unha tradición. 

A regueifa, un desafío oral improvisado

Carácter basicamente oral, se perde na noite dos tempos.

Co paso do tempo, esta tradición de carácter eminentemente rural e cultivada por xente de moi escasa ou nula formación, basicamente agricultores ou gandeiros, chegou a ser un elemento máis de diversión e de entretemento nas tabernas, ou mesmo como modo de espectáculo nas festas patronais ata que, coa chegada dos modernos medios de comunicación e as modas musicais, entrou en decadencia.

Na actualidade, os regueifeiros practícana cando son convidados por algún concello, algunha asociación cultural ou centro escolar para exhibir a súa habilidade en público. A confrontación realízase normalmente por parellas e os temas sobre os que se trata habitualmente son: a vida persoal de ambos, o que acontece na sala, vestimenta ou aspecto do público presente, calquera suceso de interese xeral que se coñeza neses momentos...

A mecánica habitual é que ao comezo de cada actuación se faga un breve saúdo aos asistentes para axiña entrar no desafío dialéctico no que cada regueifeiro ataca e o outro á vez deféndese e acaban despedíndose do público.

Tracking Pixel Contents