Lamas, Fontaíña e Torres, distinguidas nos IV Premios Emilia Pardo Bazán
O xurado decidiu recoñecer a traxectoria da pintora, da activista veciñal e a empresaria nas categorías de Cultura, Feminismo e Turismo

As gañadoras deste ano son (dende a esquerda): a pintora Menchu Lamas no apartado de Cultura; Rosa Fontaíña, fundadora da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, na de Feminismo; e Silvia Torres, responsable da Naviera Mar de Ons, na categoría de Turismo / Pablo Hernández Gamarra / Marta G. Brea / Ricardo Grobas
A cuarta edición dos Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías xa teñen o seu palmarés. A través desta iniciativa, impulsada por FARO e o Concello de Vigo, búscase poñer en valor a figura da senlleira escritora e, ao mesmo tempo, recoñecer o liderado das mulleres en Vigo.
Así, o fallo do concurso ditamina que as gañadoras deste ano son a pintora Menchu Lamas no apartado de Cultura; Rosa Fontaíña, fundadora da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, na de Feminismo; e Silvia Torres, responsable da Naviera Mar de Ons, na categoría de Turismo.
O xurado estivo composto por Irene Bascoy, subdirectora de FARO; Alba Chao, xefa de sección da edición dixital do decano; María Gómez e Paqui Coello, representantes do Concello de Vigo; e a politóloga especializada en igualdade de xénero Priscila Retamozo.
Os galardóns entregaranse o próximo 15 de decembro no Auditorio da Sede de Afundación, nunha gala que dará comezo ás 18:30 horas.
Tres mulleres referentes
Na categoría de Cultura, a premiada é a pintora Menchu Lamas (Vigo, 1954). A súa carreira comezou vinculada ao Colectivo da Imaxe, xunto a artistas como Antón Patiño, con quen despois formaría parte do grupo poético Rompente e con quen fundou no ano 1980 o grupo Atlántica. Lamas foi unha das voces singulares dunha xeración de artistas galegos que brillaron tras a caída da ditadura e creou un discurso plástico único.
A súa obra forma parte de importantes coleccións como a do Museo de Arte Contemporánea de Madrid ou a do MACBA (Museo de Arte Contemporáneo de Barcelona), entre outras. No ano 2010 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas e en 2018, entrou na Real Academia Galega de Belas Artes. Tamén foi recoñecida co Premio Otero Pedrayo (2021) e foi Viguesa Distinguida en 2016.

Reunión do xurado dos IV Premios Emilia Pardo Bazán. / Marta G.Brea
A activista Rosa Fontaíña é a gañadora na categoría de Feminismo. Nada en Cotobade no ano 1950, dedicou (e dedica) a súa vida a facer do mundo un lugar mellor, primeiro desde o movemento veciñal (formou parte da Federación de Asociacións de Veciños) e despois activamente desde o feminismo, participando na Confederación Española de Mulleres e fundando a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo no ano 1998.
Esta asociación sen ánimo de lucro segue activa hoxe en día e traballa no acompañamento integral a mulleres en procesos de violencia, na formación en xénero e na concienciación, a prevención e a denuncia social.
Despois de tantos anos de loita, Rosa Fontaíña goza agora do seu merecido descanso, aínda que se mantén sempre disposta a axudar. Este premio é un recoñecemento á súa traxectoria.
Finalmente, na categoría de Turismo, o xurado decidiu premiar a Silvia Torres, directora comercial dunha das principais empresas dedicadas ao turismo marítimo en Galicia, a Naviera Mar de Ons. Con sede en Vigo, a navieira achega a milleiros de visitantes cada ano ao arquipélago das Cíes, á Illa de Ons, Tambo e San Simón, e os seus barcos tamén exercen de “bus do mar”, conectando a cidade olívica con Cangas cun servizo diario e regular.
Ademais, Torres impulsou iniciativas como o Barco de Nadal, que reforza o atractivo do Nadal vigués cada ano. Por todo isto, decidiuse recoñecer o seu traballo como unha importante figura na promoción turística tanto de Vigo como do resto de Galicia e dos seus tesouros paisaxísticos, culturais e patrimoniais.
Así as cousas, os Premios Emilia Pardo Bazán suman xa a súa cuarta edición coa misión de homenaxear ás mulleres que fixeron e fan historia día tras día na comarca de Vigo, demostrando o seu liderado e reinvidicando sempre unha igualdade real entre homes e mulleres.
- El «Vigo Arena», llamado a saldar una deuda histórica: la ciudad olívica es la única gran urbe española sin un recinto cubierto para eventos multitudinarios
- El Concello «encaja» el «Vigo Arena» en Teis: así es la propuesta de vanguardia que colocará la ciudad en el mapa de los grandes conciertos
- El miedo regresa a O Terrón tras otro incidente violento con el mismo protagonista
- La flota teme una nueva expulsión en África por la falta de acuerdo con Mauritania: ya hay barcos repatriados y a la venta
- ¿Confundió David Bisbal la bandera de Galicia con la de Argentina al cantar el tema del Mundial?
- Varapalo del Tribunal Supremo a la eólica en Galicia: anula la autorización del Gobierno al parque Moeche por no tener en cuenta el impacto conjunto con otras instalaciones
- Borja Iglesias, el niño que quería ser Fernando Torres
- El grito eterno del minuto 106