Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Abren as inscricións dos IV Premios Emilia Pardo Bazán

O galardón está impulsado por FARO e o Concello de Vigo e recoñece iniciativas destacadas no ámbito do feminismo, a cultura e o turismo

Recreación de Emilia Pardo Bazán no Paseo de Alfonso durante unha das súas visitas a Vigo.

Recreación de Emilia Pardo Bazán no Paseo de Alfonso durante unha das súas visitas a Vigo. / FdV

Os Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías chegan á súa cuarta edición e as inscricións xa están abertas. A través desta iniciativa, FARO e o Concello de Vigo, co apoio de Ecovigo, buscan pór en valor a figura da nosa autora máis emblemática e recoñecer, ao mesmo tempo, o liderado das mulleres en Vigo e a súa contorna.

O prazo para optar a estes galardóns esténdese ata o día 8 de decembro. As inscricións poden formalizarse a través do formulario oficial. A esperada gala de entrega terá lugar o día 15 de decembro no Auditorio da Sede de Afundación, a partir das 18:30 horas.

Tres categorías

Os IV Premios Emilia Pardo Bazán divídense, ao igual que en anteriores edicións, en tres categorías: Feminismo, Cultura e Turismo, para seguir mantendo viva esa tripla bandeira de Emilia Pardo Bazán como icona do feminismo, precursora do turismo nas Rías Baixas e valor universal das Artes e as Letras, e contribuír dese modo a que a súa figura sexa percibida pola sociedade en todo o seu potencial e á vez como recurso do que sacar proveito para divulgar todos eses valores no noso territorio.

Na categoría de Turismo, o recoñecemento recaería naquela figura merecedora do mesmo pola súa traxectoria, méritos, valores e sacrifico, contribuíndo así a unha sociedade mellor, impulsando co seu exemplo a igualdade entre homes e mulleres, así coma poñendo en valor o liderado femenino en sectores menos representados.

Nas pasadas edicións, foron premiadas a técnica de igualdade de xénero e coordinadora de Comando Igualdade, Priscila Retamozo; a Asociación de Redeiras da Atalaia A Guarda e o Celta Femxa Zorka de baloncesto.

Por outra banda, o premio de Turismo pretende recoñecer emprendedoras e emprendedores cun papel destacado na proxección turística do País das Rías (empresa, sector hostaleiro, enoturismo, agroturismo, turismo náutico, roteiros de marisqueo, turismo rural,blogueiras e influencers…) tratando de apoiar os novos formatos turísticos.

No ano de nacemento dos premios, a estatua de Pardo Bazán foi recaeu na Ruta de Viño Rías Baixas, mentres que na segunda edición foi para o Entroido de Cobres e, en 2024, para a directora do Hotel Talaso Atlántico, Rosana Canda.

A terceira categoría, Cultura, ten como obxecto homenaxear as traxectorias máis relevantes do País das Rías e, á súa vez, enxalzar os novos valores literarios e escénicos en todas as súas variantes, dende literatura ata música ou pintura. A escritora, tradutora, bióloga e académica de número da Real Academia Galega Marilar Aleixandre foi a primeira muller en recibir este premio. Nos anos sucesivos, sumáronse a ela as escritoras María Oruña e Ledicia Costas.

Un premio con significado

Os galardóns consistirán nunha peza artística, reprodución dunha caricatura de Emilia Pardo Bazán. Tamén se celebrarán con posterioridade tres mesas redondas coas premiadas.

Os Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías, que se celebran grazas ao impulso de FARO e o Concello de Vigo, manteñen viva a figura desta senlleira autora, quen foi unha adiantada no seu tempo en tantas cuestións. A través dela e deste homenaxe, póñense en valor as mulleres do presente que continúan loitando por un mundo máis equitativo.

A gala de entrega do próximo 15 de decembro promete ser un encontro emotivo, reivindicativo e inspirador. Porque, tal e como declarou na edición pasada a subdirectora de FARO, Irene Bascoy: «O feminismo é transversal e o impregna todo. As candidatas e premiadas reivindican un novo tempo onde as mulleres sexan máis protagonistas que nunca».

Tracking Pixel Contents