O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña; o vicerreitor do campus universitario de Pontevedra, Jorge Soto, e o responsable do departamento de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, presentaron onte o programa "Falamos", destinado a neofalantes en galego do campus de Pontevedra.

"Contribuír ao máximo que poidamos a visibilizar o uso do galego no ámbito universitario" e, "incrementar a o uso da lingua galega entre a mocidade do campus" constitúen, como sinalou Ramallo, os obxectivos centrais dun programa acollido con "entusiasmo, pero tamén como un desafío" pola Universidade e a súa Área de Normalización Lingüística (ANL). Non en van, subliñou o seu responsable, "os datos sobre o uso do galego na sociedade en xeral e na Universidade en particular son o suficientemente preocupantes como para crear espazos deste estilo", nun proxecto que busca "conectar a cidade e a Universidade a través da lingua".

Nese senso, Ramallo lembrou que o último estudo sociolingüístico realizado na Universidade de Vigo, en 2018, apuntaba que o 64% do alumnado do campus pontevedrés "é monolingüe en castelán", mentres que só o 18% das e os estudantes se definían como galegofalantes.

Para reverter esta situación, a través de "Falamos" se tratará de incrementar o emprego do galego entre o alumnado, creando espazos de socialización nos que poñer en marcha actividades lúdicas e de ocio como obradoiros, clubs de lectura ou cursos de cociña. Así, o foco de atención fundamental será o alumnado de primeiro ano, xa que, segundo explicou Alberto Oubiña, un dos dous momentos na vida dunha persoa máis favorables para o cambio de idioma é a chegada á Universidade.

O concelleiro de Normalización Lingüística lembrou que esta nova iniciativa entronca coa a liña de traballo centrada na mocidade que vén realizando dende a súa área, para sensibilizar e promover a re?exión sobre a situación da lingua.