Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha guía con máis de 360 ligazóns e imaxes para saber máis de Castelao

O alumnado de Galego da EOI actualiza a guía do Museo, que conserva o máis importante legado do artista

Exposición na Sala Castelao do Museo das obras do álbum "Nós". // G. Santos

A Guía da Sala Castelao do Museo de Pontevedra vén de ser actualizada con máis de 360 ligazóns de imaxes, fotografías e documentos que permiten ver as obras comentadas e consultar interesantes informacións relacionadas con elas, o seu autor e as circunstancias da súa vida.

O responsable da actualización é o alumnado de Galego da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Pontevedra, que sinala que a guía "convértese nunha práctica e amena ferramenta para achegarse á vida e obra de Castelao. Ao se tratar dunha guía dixital, pódese usar mentres se visita a propia sala ou a modo de visita virtual".

As imaxes ligadas non se limitan ás das obras expostas, engaden, senón que tamén amosan aquelas que influíron nas creacións de Castelao como por exemplo, a ilustración da pintora rusa Natalia Goncharova na que se inspirou para realizar o anuncio do diario "Galicia" ou a ilustración do debuxante francés Paul Poncet que lle suxeriu o seu ben coñecido cartel a prol do Estatuto de Autonomía.

"Son moitas tamén as ligazóns que nos convidan a coñecer con máis profundidade a vida e a obra de persoas vinculadas a Castelao e que son fundamentais na historia contemporánea de Galicia", indican como Virxinia Pereira, Alexandre Bóveda ou Ánxel Casal.

Finalmente, o público pode acceder a documentos que se propoñen alumear "algunhas cuestións que nalgún momento suscitaron certa controversia como as opinións expresadas por Castelao sobre Picasso ou Paul Klee no seu "Diario 1921" ou a autoría da música da famosa canción "Lela".

A "Guía da Sala Castelao" está dispoñible na Rede.

Compartir el artículo

stats