Logo de anunciar con moita tristura a súa cancelación, O Salón do Libro de Pontevedra vén de reinventarse e retomará a súa actividade no mundo virtual. De feito, a nova programación xa deu comezo na xornada de onte coa proposta de elaborar un "Corona-conto", no que os máis pequenos da casa tiveron que poñer en marcha o seu enxeño para preparar os materiais co que posteriormente poder relatar a súa historia.

Durante as vindeiras semanas, todas aquelas persoas que queiran participar nas actividades propostas por este novo Salón virtual, tan só teñen que permanecer atentos á páxina web www.salondolibro.gal, na que todas as mañás e as tardes se compartirán propostas asequibles para realizar coas crianzas sen saír da casa.

Co obxectivo de facer máis levadeiro o peche para as familias e para non cancelar a totalidade do evento, a organización da XXI edición do Salón do Libro apostou por manter algunhas actividades en formato virtual e achegar novas propostas que se adaptan perfectamente a esta nova realidade.