22 de febrero de 2020
22.02.2020

Longa vida aos versos irredentos

A Deputación recolle nun facsímile os manuscritos de Rosalía que sobreviviron á queima trala súa morte -Carmela Silva: "Somos dos poucos pobos nos que unha muller é referencia"

22.02.2020 | 02:19
Os asistentes, onte, ao acto adicado a Rosalía foron agasallados cun libro e unha camelia. // Gustavo Santos

A Deputación de Pontevedra edita un facsímile cos manuscritos de Rosalía de Castro que sobreviviron á fogueira trala súa morte. Trátase dun poemario que anunciou onte a deputada de Lingua e Patrimonio, María Ortega, no acto institucional organizado para conmemorar o nacemento da poetisa galega.

Editaranse 313 exemplares e a maiores a obra poderá ser consultada por todos os interesados na biblioteca do Arquivo Provincial, segundo avanzou a deputada, que encabezou coa presidenta provincial, Carmela Silva, a apertura dos actos do Día de Rosalía, un encontro no que os asistentes foron agasallados cunha flor (unha camelia do cultivar Rosalía de Castro de Areeiro) e un libro.

A música de Xardín Desordenado (que puxo son a varios poemas de Rosalía) deu a benvida aos asistentes, entre eles varios alcaldes e representantes de distintos concellos da provincia, ante os que Carmela Silva lembrou que somos "dos poucos pobos nos que unha muller é referencia", a guía dun grupo humano "cunha cultura, tradición e valores propios e potentes; un pobo que segue a defener unha ollada propia sobre o mundo".

Incidíu na vixencia do pensamento rosaliano e convidou a celebrar con paixón, orgullo e convicción o seu legado.

Pola súa banda, María Ortega explicou que o libro que edita a institución, de 640 páxinas, recolle a obra poética da autora e tamén reproduce manuscritos de poemas (algúns con estrofas inéditas) que sobreviviron á destrucción ordenada pola propia Rosalía trala súa morte.

"Cando estaba gravemente doente e presentindo a súa morte, ordenou ás súas fillas que ao seu finamento destruísen os papeis que contiñan os orixinais da súa obra literaria", lembrou a deputada sobre unha escena da queima deses manuscritos contada por diversas persoas que recolleron o relato de testemuñas presenciais. "Ademais, Manuel Murguía, xa viúvo, tamén rachou e fixo desaparecer todas as cartas que lle enviara a súa esposa, facendo así desaparecer unha produción de incalculable valor".

A xornalista e escritora Montse Fajardo tomou de seguido a palabra para dar lectura ao manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), un texto de Daniel Asorey que fala de nosoutres, de como marchamos e camiñamos, fuximos; de como "no medio do desamparo, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Desde entón a nosa voz foi para sempre palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante polo mundo".

O inaudito? Que Rosalía, unha das que debían ser silenciadas pola forza, ergueu a súa palabra libre e entregóunola. "Será por eso que habemos ser unha anomalia? Unha transmatria errante con voz de muller. Unha nación errante que os iguala no camiño coas desposuídes. Ambas errantes polo mundo".

En tempos duros, nos que "rexorden discursos de odio e de medo" e as vítimas "son sinaladas polos verdugos", nós conservamos "armas lilas contra a desolación".

Ese arsenal fabricóunolo, lembraron os escritores na súa declaración, unha muller cos seus versos irredentos, "vacinas contra a xenofobia que han formar parte do noso ADN. Sermos errantes ha impedir que a arañeira do odio medre no corazón" e cremos en identidades errantes ,"aquelas que elixamos nós".

O manifesto convida a facer vivos os versos de Rosalía en cada persoa que foxe, que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente. Facelos vivos porque "levamos no sangue a valentía de quen camiña" e grazas a esa muller de versos irredentos "sabemos que as errantes tamén somos nós. Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e sempre libres!".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


FaroEduca