Despois do éxito colleitado en edicións pasadas, o Restaurante San Roque de Soutelo de Montes afianza o seu Mes do Cocido no calendario de eventos gastronómicos que celebra ao longo do ano -día da nai, día do pai, xornadas dos cogumelos, san valentín, ceas de nadal...-. Deste xeito, dende o pasado 2 de febreiro e ata o vindeiro 8 de marzo ofrecen, por tan so 22 euros un completo cocido que se completa cunha sopa, tres postres caseiros , viño, café e chupitos. O local ofrece este menú durante as fins de semana e tamén pola semana, pero con previa reserva e un mínimo de sete persoas. Tras o éxito que tivo en pasados anos, decidiu ampliar os días deste servizo para que os comensais non quedasen sen probar o prato rei da gastronomía galega. Dende o local recalcan que durante as fins de semana non fai falta previa reserva.

O Restaurante San Roque completa a súa oferta con cociña tradicional caseira e ofrecen menú do día, así como a posibilidade de celebrar todo tipo de banquetes. Na súa carta contan con gran variedade de carnes e peixe.