A Libraría Cronopios será escenario esta semana da presentación da obra "Simboloxía máxica en Galicia", na que o músico Bieito Romero explora unha faceta máis. "Non todo vai ser música", bromea "e neste caso é unha cousa que me apasiona dende fai moito tempo e quixen facer esta publicación. É un tema apaixonante e ademáis inacábabel, porque temos unha gran riqueza, a pena é que a xente non a coñece nada. Incluso moitas veces esta simboloxía pénsase que é foránea. A xente pensa: 'Que bonitos símbolos de Irlanda ou de Escocia', cando non, cando os temos aquí, moitísimo máis preto do que pensas. Eso é o interesante".

- Que imos atopar neste traballo?

-É unha recopilación simbólica, feita en territorio galego, de simboloxías que se proxectan no tempo, que parten da plástica castrexa, celta, e se van proxectando na actualidade. Son máis de 500 símbolos, que dalgunha maneira describo as súas formas, tamén os lugares onde foron fotografados, porque é un libro fotográfico, básicamente. Non é un traballo de estudo simbólico pero sí unha recopilación, penso que moi interesante, sobre esta simboloxía que temos en Galicia.

- Insiste en que estes símbolos precisan dunha posta en valor

-Hai que poñelos en valor, para que tamén se protexan, se cuiden e se entenda o que realmente significa ter todo eso proxectado ata hoxe, é incríbel que Galicia teña tal riqueza de símbolos máxicos e que sigan vivos no tempo.

- Repítense as formas?

-Pois sí, eu clasifiqueinos en diferentes formas que, efectivamente, repítense e repítense no tempo, que eso tamén unha cuestión moi interesante porque non son formas do pasado, símbolos que só podemos ver nos museos senón que todavía se fan. É certo que perderon o significado inicial, sagrado, un significado de protección, un significado astral, fundamentalmente solar, pero aínda se seguen representando nos hórreos, ornamentalmente nas artesanías; os ebanistas tamén os usan para diferentes mobles, dalgunha maneira teñen unha proxección no tempo que sí se repite. E logo fixen unha catalogación por diferentes formas de todos estes símbolos, que parten da época castrexa ou anterior, da plástica, da ornamentación que tiñan, que naquel tempo era sagrada ou de protección.

- De cando datan os primeiros rexistros destas pezas?

-Son, por suposto, de varios milenios antes de Cristo, uns 2.000 anos aproximadamente, e aparecen recollidos nos distintos museos galegos. Tamén incluín no libro esa proxección desas mesmas formas a través dos tempos: nas igrexas románicas, símbolos que foron adaptados xa polo cristianismo, símbolos que están nalgunhas das formas representativas que nós temos como propias e que se repiten e son comúns a toda Europa, marcadamente nesta zona atlántica considerada como celta.

- Porque estes símbolos repítense nun arco xeográfico moi amplo

-Moi amplo, podería decir que en toda Europa aparece esta simboloxía, o que sucede é que en Galicia adquire unhas formas particulares. Temos unhas formas propias que dalgunha maneira se caracterizan como propiamente galegas, aínda que os trísceles, ou as espirais, ou diferentes tipos de nudos aparecen prácticamente en toda Europa, recurrentemente e vivos na área céltica e particularmente máis vivos que en ningún outro país celta aquí en Galicia, é unha cousa moi interesante e moi curiosa.

- Coñecemos a súa linguaxe simbólica? Sabemos que significaban?

-Bueno, eso teno que facer un estudioso da simboloxía ( sorrí) eu son un recopilador nada máis. En calquera caso todos coincidimos en sinalar que eran simboloxías sagradas, de protección, o que posteriormente foi a cruz dos cristiás ou outros símbolos que servían como protectores. Onde antes había un tríscele ou unha espiral ou calquer outro símbolo de este tipo na actualidade aparecen máis normalmente as cruces ou outra simboloxía sagrada como a imaxe dun santo. Pero realmente son significacións moi similares e ideas moi similares, que son as de protexer, a idea de sacralizar o lugar. E esto foise transformando no tempo a medida que tamén a forma de entender a relixión ou a relixiosidade foi variando.

- Hai zonas de Galicia nas que se repitan máis algún símbolos?

-Galicia ten unha impresionante riqueza de simboloxía máxica, é precisamente o que eu quería resaltar a través deste libro, porque é algo que non estaba recollido dunha maneira tan concentrada, porque sí hai moitos pequenos estudios de todo esto pero dunha maneira tan concentrada e concreta como neste libro non. E precisamente eso pon de manifesto a gran riqueza que temos en Galicia, repítense por todo o país, hai zonas onde abundan máis os trísceles, outras máis as cruces porque é unha zona de canteiros e traballaban este tipo de formas con moita mestría, lugares onde estas formas aparecen nos hórreos pintados, de xeito que é algo relativamente moderno porque a pintura non resiste como pode facelo unha talla nunha pedra. Noutros lugares da zona oriental de Galicia aparecen calados na madeira dos hórreos; realmente é moi homoxeneo e vanse repetindo nos distintos lugares, aínda que hai determinadas zonas onde aparece moita máis simboloxía ca outras pero fundamentalmente está moi espallada polas catro provincias e dunha maneira moi recurrente.

- En que se inspirou para facer o estudio?

-Eu seguín un pouco a estela do que fixo Castelao, sin poderme comparar porque él era un gran estudoso de toda esta cuestión e realmente sí fixo un tratado importantísimo de simboloxía no seu traballo As cruces de pedra na Galiza e realmente nel sí analisou estas formas. Foi unha fonte inspiradora e, sobre todo, levoume a facer esto o feito de que noutros lugares estaba xa recollido e catalogado, a mellor maneira de conservar estes símbolos máxicos é sabendo que están ahí e dándolles valor. Así que a través de diferentes libros que me trouxeron de Irlanda, de Euskadi, de Portugal, incluso de Asturias sobre as formas decorativas dos hórreos, me inspiraron para poder facer un traballo de este tipo e, sobre todo, aprender. Aprender porque, como lle decía, non son un estudoso senón un recopilador. As cruces de pedra na Galiza foi fundamental e logo outras publicacións tamén me inspiraron para facer este traballo.